En Galicia temos opinión do mundo
Do Comercio ao clima
Economía moral: esquecemento inapropiado
Raúl Asegurado   
Luns, 29 de Xuño do 2009

 Raúl Asegurado-. Para construírmos realidades sociais máis xustas cómpre antepor sempre o ben común aos intereses privados.

A ética, apunta o profesor Xosé Manuel Domínguez, trata ante todo dos modos en que a persoa vai facéndose tal, non trata tanto da vida humana como do que a persoa vai facendo con ela, o termo grego êthos significa morada, lugar onde se habita, e tamén, carácter, modo de ser. Mais cada persoa para facer e orientar a súa vida, recibe doutros un conxunto de normas, patróns de conduta, valores…, que forman un sistema que despois pode elaborar pola súa conta. Isto constitúe a moral.

Así, brevemente explicado, parece sinxela a vinculación entre a economía e a moralidade. A persoa, en canto ser de realidades, é moral –non pode non selo– e participa da construción material da realidade, por tanto da economía –son dúas características do ser social no sentido máis puramente hegeleriano. Por tanto a economía moral ten que ter plasmación na realidade social, unha forma de "facerse".

O historiador E. P. Thompson introduce nas ciencias sociais a terminoloxía economía moral da multitude, para referirse á práctica popular nos motíns de subsistencia na Inglaterra do século XVIII. Como el mesmo di, con anterioridade á Revolución Francesa poucas veces se considera o pobo como axente histórico, senón como unha chusma con irrupcións compulsivas. Mais Thompson dignifica estas accións ao considerarlles a noción moral, a forma de coidar e construír a morada da existencia, e proxecta para as futuras xeracións a luz (iluminación) para facer realidade esta forma de economía. Mais vexamos nun par de exemplos que era a economía moral:

En 1783 colgouse un cartel no mercado de Carlisle que comezaba así: "Peter Clemeseson y Moses Luthart. Isto é para darvos unha Advertencia que debedes Abandonar o voso comercio Ilegal ou Morrer e Maldita sexa a vosa compra de gran para matar de fame os Pobres Habitantes da cidade e suburbios de Carlisle para mandalo a Francia e recibir a Prima Dada pola Lei por levar o Gran Fora do País, pero polo Señor Deus Todopoderoso nós darémosvos a Prima a expensas das Vosas Vidas, Malditos Canallas…".

Era un pobo en situación crítica, e as cousas chámanse polo seu nome, sinalando dereitamente o problema, a sobre-acaparación, a propiedade privada ilimitada. Malditos Canallas. A análise está sacada da súa propia experiencia, da fame, a diagnose establécena erguendo os ollos e vendo como outros xogan coa existencia da maioría polo seu lucro privado. A intervención, que é a terceira parte, imprescindíbel cando se fan os dous pasos anteriores, tamén sinxela, o problema era que uns acaparaban, así pois: saqueábanse ou queimábase o grande agochado polos comerciantes. Se se saqueaba retribuía no pobo, se se queimaba evitábase a suba do prezo, xa que os comerciantes tamén entraban nunha realidade de necesidade. Malditos Canallas.

En 1630, un sermón do reverendo Charles Fitz-Geffrey en Cornualles, falaba dos acaparadores do trigo así:

"Eses que odian o Home, contrarios do ben común, como se o mundo se fixera só para eles, que se apropiarían da terra e dos seus froitos exclusivamente para eles… como os paspallás engordan con Cicuta, que é veleno para outras criaturas, así eles aliméntanse da escaseza… son inimigos de Deus e do Home, opostos tanto á Graza como á Natureza".

Pensemos por un intre no impacto que sería escoitar unhas palabras así sobre Botín ou sobre Amancio Ortega desde un púlpito, ou desde un parlamento, ou desde un "tertuliano" da TV. Se cadra o motín sería contra el, e a advertencia e o linchamento. Noutrora había vergoña.

A economía moral centralízase na cuestión da propiedade privada ilimitada, e este é o eixe vertebrador das meirandes fazañas políticas –e digo políticas porque a economía ten que servir sempre ao ben común. No programa eleitoral da Unidade Popular Chilena de Salvador Allende podíase ler: "O grupo de empresarios que controla a economía, a prensa e outros medios de comunicación; o sistema público, e que ameazan o Estado cando este insinúa intervir ou se nega a favorecelos, cústalles moi caro aos chilenos (…) Non permitirlles manipular a distribución de alimentos, acaparalos para provocar escaseza e desta forma subir os prezos a fin de continuar enriquecéndose
a conta do pobo".

De todos é sabido as consecuencias que tivo esta práctica política cando Allende foi presidente, folgas de transporte organizadas desde a patronal, espiral de violencia axitada desde os intereses do imperialismo ianqui etc., até a aniquilación física do palacio presidencial e do presidente electo.

Nesta perspectiva é necesario comezar unha análise desde a Economía Moral da realidade existente, unha análise do imperialismo capitalista que amose a relación entre o núcleo dominante e a periferia dominada (relacións norte-sur), entre os bens privados e o ben común, entre os salarios mínimos e os salarios máximos, entre os propietarios das cadeas alimenticias e o dereito á soberanía alimentar, entre a espoliación do planeta e o instinto de supervivencia…

Mais para facer "honra" ao legado da Economía Moral, hai que dar o seguinte paso: a intervención, a construción real de alternativas. De nada vale o anterior sen este paso; de que lle vale a un enfermo localizar o seu mal, que o médico estableza unha
diagnose se logo non intervén e se cura? O mesmo acontece co mal da moral, da economía en particular. Se o sistema financeiro é perverso, denunciemos e construamos unha banca alternativa; se os medios de comunicación manipulan as conciencias, creemos medios de comunicación liberadores; se especulan cos alimentos, produzamos con dignidade e recuperemos o control dos mercados, distribuamos en cooperativas de consumo, fomentemos empregos mediante empresas solidarias con salarios éticos, regulemos o dereito á existencia material mediante mecanismos participativos…

Remata o seu capítulo non revisado Thompson do seguinte xeito: un síntoma da súa final desaparición –da economía moral– é que puidéramos aceptar durante tanto tempo un cadro abreviado e "economicista" do motín de subsistencias, como unha resposta dereita, espasmódica e irracional da fame; un cadro que é en si mesmo un produto da economía política que reduciu as reciprocidades humanas ao nexo salarial. Hoxe en día, os mas media fan o mesmo co movemento indíxena, coas folgas en occidente, con "Caramelo", co metal, coa tractorada do Sindicato Labrego Galego o 17 de xuño, unha resposta direita, espasmódica e irracional? Non, unha resposta MORAL.

No ano 1795, unha operación combinada entre diferentes capas sociais da cidadanía consciente forzou o alcalde de Chichester a acceder a fixar o prezo do pan; no ano 2009 un milleiro de tractores levados por labregos e labregas e algunha plataforma cidadá coma a Ra! (Rede Anticapitalista) mobilizáronse para fixar o prezo do leite. A realidade mudou o suficiente como para non mimetizar respostas, mais o eixe de construción da Economía Moral debe ser o mesmo, antepor o ben común aos intereses privados para construír realidades sociais. As ideas que non se experimentan, morren no esquecemento. A falta de experimentación da Economía Moral, levounos a un esquecemento inapropiado.


Raúl Asegurado
Sobre o autor ou autora:
AIS 'O Peto'
Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >
PuntoGal
Ciberirmandade da Fala