Reporteiros Galegos Socidarios
Artigos de Xosé Manuel Beiras
De pandemias, crises e outras ‘nugalladas’
Carmen Carballo   
Luns, 29 de Xuño do 2009

 Carmen Carballo-. Os países ricos láianse da crise do seu sistema, que non é nada en comparanza coa fame que pasa a humanidade.

 Supéranse os 1.000 millóns de persoas afectadas no mundo. A pandemia sumou en 2007 outros 75 millóns de persoas, e en 2008 40 millóns máis. Actualmente, hai 852 millóns de persoas malnutridas. O 54 por cento delas malviven en África e na India. Cada día morren 100.000 persoas por fame. Cada 5 segundos, un neno. No mundo, morren ao día 40.000 nenos por fame e sede, mentres no noso espléndido mundo rico –tocado hoxe pola famosa crise– a publicidade machúcanos con receitas dietéticas que conservan a figura e ofrécenlle á muller como obxectivo, ‘ter o corpo dez’.

Falo de Pandemia. Pero non a que está a ocupar páxinas e páxinas nos medios escritos e horas e horas nos audiovisuais –os espazos que deixan libre o falar da escandalosa e denigrante crise–, é dicir, da Gripe A, senón desoutra Pandemia que leva anos e anos, ducias, centenas de anos pasando fame e sede. Tamén de xustiza.

Botamos as mans á cabeza porque a morte "xa afecta ao 0,8 por cento das persoas infectadas". Non quero restarlle importancia a esta Pandemia, pero si devolver a importancia ao que realmente –analizándoo cualitativa e cuantitativamente– supera con fartura esta nova Pandemia que, por certo, fai que os propietarios das empresas farmacéuticas que dispensan ‘a solución’ gocen de alegría: a mesma medicación que serve de antídoto á Gripe A, serve tamén para salvarse da crise que sufrían.

Abrir os xornais, ver os informativos ou escoitalos na radio, navegar por Internet –neste caso con excepcións e diferenzas, xa que tamén atopamos informacións alternativas que destapan misterios– implica ‘aflixirnos’ e pouco menos que nos convida a non saír de casa nin a por pan: por unha banda, pola Pandemia da Gripe A; pola outra, porque o pan está moi caro, e a crise está a azoutar os petos.

O temor, o pánico, está a invadirnos, e mediaticamente aliméntase con boas doses de datos que a maioría da xente non comprende: só sabe que a maior parte da culpa desa crise que comezou sendo financeira, continuou sendo económica e vai camiño de ser social, non é deles, senón dos ‘outros’. Dos que gozaron até agora de multimillonarios beneficios económicos grazas ao seu ‘bo facer’ empresarial, financeiro, económico. Pero a estes, aos peixes gordos, non lles afecta a crise directamente: levan a cabo unha ERE, botan aos traballadores co menor custo posible, e eles… a evitar as súas perdas aproveitando axudas institucionais achegadas de entrada para resolver o problema ou, noutros casos, tranquilos porque saben que a súa gran riqueza non tributa no país que vive e que lle proporciona a riqueza, senón nos ‘intocables’ paraísos fiscais. Porque seguen sendo intocables, non nos enganemos.

Dáme pánico cada día abrir un xornal: as noticias ou son traumatizantes, son lixo –que non deixa de ser tamén traumatizante– ou anuncios por palabras que publicitan e estimulan o tráfico de mulleres inmigrantes e a prostitución, ou a programación televisiva, ou o ‘amarelismo’ que achega suculentos beneficios a moitos medios, porque ‘é fundamental o traxe de primeira comuñón de Andreíta’.

Con todo, e salvando excepcións –que as hai–, non se fala desoutra Pandemia dos países pobres. Parece que ‘crise’ só é aquela que afecta o sistema capitalista, aos países ricos. O outro, o dos outros… non importa. Non nos importa a súa fame nin a súa sede, nin as súas enfermidades mortais que aquí se curan cunha aspirina.

Isto é síntoma de que a poucos gobernos dos países desenvolvidos lles importa pouco equilibrar o mundo e loitar e conseguir acabar coa desigualdade e a pobreza. Países que levan ducias, centos de anos pasando fame e morrendo por ela, non importan tanto como o Ibex 35, nin o exceso de oferta que satura e estimula o exceso de consumo nesta parte do planeta, nin… eles: para que van saír na foto, se nos provoca un xesto de desagrado! Como moito, amosan a foto, pé de foto, unha noticia que xustifique a foto, pero ningunha análise acompañando e esclarecendo as causas da noticia.

E mentres tanto, nós estamos a probar dun xarope que non nos gusta nada. E con razón: a crise.

Pero se lle damos a volta á cousa –que non a aceptala e aprobala, senón así a todo, combatela máis que nunca– quizais todo teña as súas regras de vida para a aprendizaxe. Quizais probando ese xarope das carencias, do non ter traballo, do temor á fame que xa está a chegar a moitas familias, de ver un túnel ao que lle falta saída…; quizais tendo que apertar o cinto, consumir máis responsablemente, prescindir do que é prescindible… nos aprenda a que sabe ese xarope co que se afogan centos de miles de persoas no mundo.

Con esta crise, non só podemos aprender algo máis e abrir algo máis os ollos. Quizais nos permita reflexionar sobre o que acontece noutras partes do mundo, aínda que os Medios de Comunicación non lle chamen nin ‘crise’ nin ‘pandemia’. E á súa vez, isto nos dea forzas para loitar contra esta situación, loitar firmemente contra a pobreza e desigualdade, non só na nosa casa, senón tamén na do veciño, dos veciños.

E o papel dos Medios en todo isto, hai que analizalo tamén, pero iso precisa doutro artigo: non se pode xerar tanta psicose de crise económica e gripes A, porque semella que se desvía a atención de outras moitas cousas, entre elas, a realidade dos países pobres. Pero é compatible, e debe ser obrigatorio, explicar, analizar todas as situacións xustas. Porque, non nos enganemos, teñen nexos.

E mentres agora miro un anuncio nun xornal que me promociona crema bronceadora protectora do sol, lémbrome da muller que camiña trinta e tantos quilómetros por terra semidesértica, baixo ese mesmo sol de xustiza –que aquí aproveitamos para broncearnos–, para conseguir un caldeiro de auga non potable para cociñar, beber, lavarse…

A crise que vivimos, é real. E xera outra crise a maiores: a crise de fe. Hai moitos países que pasan fame e sede. E todos, estamos a pasar sede de xustiza.


Carmen Carballo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista e guionista
Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >
PuntoGal
Ciberirmandade da Fala