Plataforma Galega Antitransxénicos
Artigos de Xosé Manuel Beiras
O golpe de Honduras e a crise
Guillermo Almeyra   
Martes, 30 de Xuño do 2009

Guillermo Almeyra-. É un golpe dos donos dos medios de información, dos xuíces clasistas e corruptos, dos políticos ao servizo dos terratenentes, e o seu pretexto é ridículo.

[Sin Permiso]

O capitalismo busca recomporse e expandirse utilizando a crise actual. Destrúe miles de millóns de capitais (a maior parte ficticios) e milleiros de bancos e empresas para concentrar o capital. E lanza á desocupación e a miseria a centenares de millóns de traballadores, aproveitando para imporlles por ese medio a rebaixa dos seus salarios, a perda das súas defensas sindicais, a prolongación das xornadas de traballo, a anulación das leis sociais para manter un traballo sempre en perigo, sempre peor. Á extracción de plusvalía relativa, aumentando a produtividade con salarios practicamente conxelados, une a de plusvalía absoluta, aumentando a xornada laboral, extraendo da familia obreira o traballo de balde dos seus compoñentes con tal de obter entre todos o necesario para a reprodución da forza de traballo.

Tal política, nos países industrializados, esixe a complicidade das direccións sindicais burocratizadas que venden os dereitos dos seus afiliados, e esixe medidas represivas contra as tendencias de clase no mundo laboral e contra os inmigrantes e indocumentados que forman boa parte da clase traballadora, para que esta se divida, debilite e desorganice.

Nos países menos industrializados, en troques, onde o groso do capital se basea nunha amálgama entre unha oligarquía terratenente de visión feudal e as empresas transnacionais e se apoia no racismo das clases acomodadas urbanas (brancas e mestizas) contra as rurais e urbanas pobres (indíxenas, negros ou mestizos pobres), para manter a marxe de ganancia hai que reducir a parte dos ingresos dos traballadores, e esa tarefa só se pode facer impedindo a súa resistencia cun poder ditatorial. Os intentos de golpe de estado de quen controlan a xustiza, o Congreso, os medios de información e as forzas armadas están e estarán, pois, na orde do día.

No 2002 realizouse o intento da oligarquía venezolana, apoiada por Bush e polo goberno español, e co apoio das clases medias acomodadas das cidades, de derrubar ao presidente Hugo Chávez. A mobilización popular dividiu política e socialmente ás forzas armadas e o golpe fracasou. O ano pasado, os soieiros e gandeiros de Santa Cruz, en Bolivia, intentaron un golpe contra Evo Morales que fracasou pola mobilización campesiña cara a esa cidade e a pronta reacción dos gobernos da Unasur. Recentemente, a salvaxe burguesía guatemalteca creu oportuno un golpe de estado contra o presidente timidamente reformista Álvaro Colom, ao que espiara e vixiara desde o primeiro momento. A mobilización campesiña e indíxena creou unha situación fluída, onde sempre é posible outra poutada gorila co apoio unhas clases medias medorentas de que o ascenso social dos sectores populares poida facerlles perder os seus magros privilexios. Agora produciuse o golpe contra o presidente Manuel Zelaya, que levou Honduras á Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA). É un golpe dos donos dos medios de información, dos xuíces clasistas e corruptos, dos políticos ao servizo dos terratenentes, e o seu pretexto é ridículo.

En efecto, ninguén obriga a participar nunha consulta que tampouco é vinculante e, se no futuro se preguntase eventualmente se os electores desexan reformar a Constitución, bastaría con responder non (e gañar a elección) para manter a Carta Magna actual. O exército, en troques, secuestrou de madrugada e expulsou do país ao presidente e a varios ministros, golpeou a embaixadores de países do ALBA, o Congreso falsificou posteriormente unha carta de renuncia de Zelaya e, sobre esa base, 20 horas despois de botalo coas baionetas, destituír e nomeou un usurpador da presidencia como presidente interino.

A OEA, a ONU, os países centroamericanos e o propio presidente de Estados Unidos declararon de inmediato que só recoñecían a Zelaya. Como no caso de Bolivia, os presidentes do grupo ALBA pero tamén outros moito máis moderados (Lula, Tabaré Vázquez, Cristina Fernández de Kirchner, Michelle Bachelet, Óscar Arias), temen unha volta aos anos 1970, aos golpes de estado e as ditaduras porque en todos os países a dereita quere defender as súas enormes marxes de ganancia ameazados pola crise e polas reivindicacións dos traballadores. O propio Obama non pode facer o que faría George W. Bush (apoiar aos gorilas) porque perdería así o apoio dos hispanos e os traballadores en Estados Unidos e o dos demócratas de todo o mundo xunto cos froitos recentes da súa campaña persoal de apertura cara a América Latina.

Non se pode falar, pois, dun novo golpe "da embaixada gringa", nin do "primeiro golpe de Obama", aínda que boa parte das transnacionais estadounidenses e dos seus representantes no establishment de Estados Unidos (Otto Reich, Negroponte e Cía) poidan estar detrás dos golpistas. O que é evidente é que non basta o repudio dos gobernos para derrotar a estes e que é necesario esmagalos de xeito exemplar antes de que o seu exemplo sente un precedente, xa que o capitalismo non pode recuperarse mantendo os mesmos marxes de democracia e as conquistas sociais que lle foron arrincadas polos traballadores na segunda postguerra.

 
< Ant.   Seg. >
PuntoGal
ibase