Reporteiros Galegos Socidarios
Suplemento Altermundo, de Galicia hoxe
Que significa o golpe de estado de Honduras?
Marcelo Colussi   
Martes, 30 de Xuño do 2009

Marcelo Colussi-. O caso de Honduras amosa que hoxe se fala outra linguaxe política e ninguén pode invocar nin saudar alegremente un golpe anticonstitucional. Pero amosa tamén que pateticamente, máis aló do repudio dos distintos gobernos, os pobos seguen estando indefensos fronte aos poderes de feito…

 

[Rebelión]

A destitución inconstitucional do presidente hondureño Manuel Zelaya é un feito que nos obriga a pensar que implicacións ten todo isto para o campo popular medio e longo prazo. De acordo con como están as cousas neste momento, podería chegar a ser posíbel que o deposto presidente sexa restituído no seu cargo, dada a resposta dos distintos gobernos non recoñecendo o novo mandatario xurdido da asonada, ou mandatario paralelo, de acordo coa complexa situación xurídico-administrativa creada. O importante, para o que debe servirnos todo este escuro capítulo, é para tirarmos conclusións útiles nun futuro escenario aos que seguimos pensando que outro mundo é posíbel, para os que seguimos apostando por algo máis aló destas “democracias vixiadas”, estes “simulacros de democracia” asentados en enormes masas de pobres aos que se lles aprende só a agachar a cabeza. Todo isto, obviamente -o de Honduras dá en reafirmalo- non é democracia.

 

Polo momento, para todas as forzas progresistas e para o campo popular -de Honduras, obviamente, pero tamén para toda América Latina, ou o mundo- é unha pésima noticia. Deixa entrever que as estruturas políticas sobre as que se asentaron todas as ditaduras que marcaron a historia latinoamericana a través de décadas, non desapareceron. Se alguén ousou pensar nalgún momento que no continente se rexistraron cambios profundos nesa estrutura, este golpe vén demostrar o contrario. Nada cambiou no fondo, e as relacións de forza non se alteraron. Os grandes propietarios nacionais (terratenentes tradicionais e empresariados modernos, aos que se poden sumar as novas aristocracias ligadas ao novo capitalismo crecido en torno ao negocio do narcotráfico) seguen a ser tan reaccionarios como décadas atrás, e cando existe algunha posibilidade, por pequena que sexa, que a súa situación de privilexio poida ser sequera rozada, reaccionan monoliticamente por olfacto de clase. Reaccionan liquidando o que se lles poña diante, castigando o presunto “comunista” do momento, ao que ouse xa non cuestionar o seu poder (léase expropiacións, reforma agraria) senón intentar algúns cambios cosméticos, por superficiais que sexan.

Pasou en Venezuela co intento de golpe a Hugo Chávez en 1992 polas súas medidas populares, pasou e segue pasando en Bolivia cando a chegada ao goberno do aymará Evo Morales, quen fala unha linguaxe popular, pasou en Guatemala con Álvaro Colom, a quen se lle fabricou o famoso vídeo que o incrimina como asasino por ter un verniz progresista; noutros termos, as dereitas (tradicionais ou emerxentes), que seguen posuíndo as mesmas cotas de poder económico de sempre, seguen estando á espreita en termos políticos, e se algo significa que poden pórse nalgún perigo os seus privilexios históricos, actúan (para que, senón, seguen estando as forzas armadas?).

 

De todos os xeitos sería miope non ver que tamén nestas últimas décadas, da man dos furiosos plans neoliberais, viñeron tamén aires modernizadores nos aspectos políticos: as ditaduras son vistas como cousas do pasado, dinosauros que non deben volver, e todos os países da zona falan unha nova linguaxe “democrática” que cuestiona réximes ou procedementos anticonstitucionais.

 

Iso foi o que todos os sectores fóra do país, en Latinoamérica e no resto do mundo, dixeron inmediatamente logo do golpe de estado de Honduras, incluído o goberno de Estados Unidos. Hoxe en día poderiamos estar tentados de dicir que é un avance na cultura política estendida globalmente o feito de que xa se instauraron os sistemas democráticos parlamentarios, téndose relegado ao esquecemento as ditaduras.

 

Pero os sucesos de Honduras amosan que iso non é tan así. Ensinan, pola contra, que os procesos democráticos que veñen despregándose en Latinoamérica nestes últimos anos son totalmente cosméticos, asentados en pés de barro. Son, pola contra, as saídas políticas non cruentas que Washington veu impondo desde hai unhas tres décadas para a rexión, non porque realmente hai unha maior saúde política e unha efectiva participación popular na toma de decisións senón porque as ditaduras xa non lle eran funcionais para a súa estratexia continental. “Democracias de baixa intensidade”, como se lles chamou.

 

As forzas reaccionarias, aínda que estes últimos anos non tiveron todo o protagonismo de décadas atrás, aí seguen estando e non retrocederon un milímetro na súa cota de poder.

 

Podería dicirse que mesmo a Casa Branca vén tendo un novo discurso político ultimamente, e hoxe día non avala golpes de estado como foi o seu costume durante todo o século XX. Si e non. De feito o presidente Barak Obama descoñece -polo menos de momento- a creba da institucionalidade en Honduras e ao mandatario paralelo Roberto Micheletti. Aínda que tamén se denunciou xa que algúns actores golpistas mantiveron contactos con membros da embaixada estadounidense en Tegucigalpa antes da xogada que afastou da presidencia a Zelaya. Por suposto, non son novas oficiais, pero non sería nada improbábel que, unha vez máis, Washington manteña un dobre discurso, dicindo algo oficialmente e avalando outras vías polo baixo.

 

O caso de Honduras amosa que hoxe se fala outra linguaxe política e ninguén pode invocar nin saudar alegremente un golpe anticonstitucional. Pero amosa tamén que pateticamente, máis aló do repudio dos distintos gobernos, os pobos seguen estando indefensos fronte aos poderes de feito: uns cantos tanques de guerra postos nalgunhas cidades, o corte de enerxía e unha boa campaña mediática seguen sendo moi difícil, cando non imposíbel, de enfrontar polas grandes maiorías populares. Que se avanzou realmente no campo popular con estes simulacros democráticos? Amosa que o este segue estando a mercé das accións criminais da dereita, a cal pode con moita facilidade montar os escenarios necesarios para golpear con contundencia. Amosa que, máis aló das boas intencións dun “nunca máis” que circulou polo continente logo de retiradas as últimas ditaduras o século pasado, nada garante con simples declaracións políticas que efectivamente nunca máis poidan repetirse escenarios de represión, de sangue e de guerras sucias internas.

 

Se cadra os mecanismos íntimos do golpe de estado de Honduras teñan que ver con situacións moi conxunturais do país centroamericano, con elementos moi propios da súa historia particular non xeneralizábeis ao resto da comunidade latinoamericana. Pero tamén significa, en definitiva, que a loita popular segue estando a lume vivo, e que aínda que hoxe día non se menciona de forma explícita a ideoloxía da Guerra Fría que marcou a sangue e lume boa parte da historia do século XX, todo iso segue estando nos alicerces mesmos da nosa sociedade global, tan antidemocrática e inxusta como décadas atrás. Amosa, lamentablemente, que non é certo que “nunca máis” poidan volver repetirse situacións de represión feroz. Todo o cal obriga a seguir vendo como se alcanza ese “outro mundo” de maior xustiza que anhelamos. O de Honduras débenos servir, débenos obrigar a pensar entón como se constrúe ese “outro mundo”.

 

 

 

 
< Ant.
Galicia Hoxe
Ciberirmandade da Fala