| Honduras: golpismo "constitucionalista" (I) |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Martes, 07 de Xullo do 2009 | |
Alfredo I. Diéguez-. Os problemas para Zelaya principiaron cando comezou a reorientar a súa estratexia política, cando comezou a atender as demandas populares e a desoír ao Cohep (Consello Hondureño da Empresa Privada).
Cando en novembro de 2005 o terratenente Manuel Zelaya, dirixente do Partido Liberal, saíu elixido co 49,9% dos votos fronte ao candidato do gobernante Partido Nacional, a oligarquía hondureña, agrupada no Consello Hondureño da Empresa Privada (COHEP), brindou ao sol: o presidente Zelaya era un dos seus, era un irmán de clase, polo que non había nada que temer: os comunistas e os revolucionarios, agrupados no partido de Unificación Democrática, non obtiveran máis que o 1,5% dos votos e cinco deputados. En efecto, o presidente Zelaya non decepcionou os seus irmáns de clase: durante o primeiro ano do seu mandato (2006) desoíu as demandas populares e seguiu aplicando políticas neoliberais. Os problemas, para Zelaya -por suposto-, principiaron cando comezou a reorientar a súa estratexia política, cando comezou a atender as demandas populares e a desoír ao Cohep e a enfrontarse coa administración norteamericana. As distancias coa oligarquía hondureña comezaron como consecuencia do abandono das políticas neoliberais e da promoción de importantes políticas sociais. Ora ben, en que consistiron esas políticas que o demonizaron? Como sempre, en cousas moi sinxelas, pero que asustan aos poderosos: a posta en marcha do programa Yo si puedo de alfabetización, o desenvolvemento da operación Milagro, que devolveu a vista a milleiros de persoas, a creación dun salario mínimo, o que alporizou os membros da patronal, a protección dos bosques hondureños...; alén da integración na ALBA e en Petrocaribe, a iniciativa económico-solidaria posta en marcha polo presidente Chávez que lle permite obter petróleo a bo prezo coa obriga de investir o diñeiro aforrado en obras sociais. Por outra parte, os Estados Unidos mostraron o seu rexeitamento ao achegamento do goberno hondureño aos principais inimigos da administración norteamericana na rexión e, por suposto, á intromisión civil na base militar de Soto Cano, indispensable para o control norteamericano da rexión. Fronte a todas estas medidas que evidencian un xiro esquerdista do presidente liberal--de feito, o partido Unificación Democrática apoia a Zelaya dende 2008, como se pode comprobar en http://www.guaymuras.net/, os seus irmáns de clase aproveitaron as circunstancias para golpear de novo ao pobo, que sabiamente subscribía a seguinte mensaxe nun muro de Tegucigalpa: "Micheletti: no sos mi presidente". As escusas son iso, escusas. É certo que unha consulta para preguntarlle ao pobo se quere ser consultado nunha cuarta urna se quere que a Asemblea que saia elixida das urnas o 27 de novembro sexa unha Asemblea Constituínte é ilegal, pero non é menos certo que a Constitución hondureña de 1982 non prevé mecanismos para a súa modificación e inclúe unha serie de reservas que fan pétreos algúns dos seus artigos, precisamente os que garanten o poder da oligarquía (as familias que concentran o 90% da riqueza) nun país no que a maioría da poboación vive na pobreza extrema. Eis o crime de Zelaya, facer ao pobo partícipe do seu futuro! | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Alfredo I. Diéguez-. Os problemas para Zelaya principiaron cando comezou a reorientar a súa estratexia política, cando comezou a atender as demandas populares e a desoír ao Cohep (Consello Hondureño da Empresa Privada).
