| Gabanza e oración profana a don Ramón de Trasalba (e II) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 12 de Xullo do 2009 | |
Segunda e derradeira parte do discurso que pronunciou o político, ensaísta e catedrático de Economía Xosé Manuel Beiras ó recoller o Premio Trasalba o pasado día 28 de xuño, no que alerta sobre "o exterminio idiomático".
O compromiso identitario profesado por Otero e a Xeración Nós apousa nos alicerces da construción da identidade sociopolítica da Galiza como nación botados polas Irmandades da Fala na Asemblea Nazonalista de 1918 en Lugo, onde o galeguismo protonacionalista pega o salto á formulación dun proxecto nacionalista explícito, é dicir, dun proxecto político de conquista e exercizo da soberanía nacional polo povo galego. Ese deseño da identidade nacional da Galiza, que será culminado polo Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista da República, constrúese con duas trabes mestras cardinais: o "celtismo" do eixo Pondal-Murguía nos Precursores, e a cultura "enxebre" concebida como fenómeno antropolóxico-social. Moitas veces levo matinado en que, sen sabéreno, as xentes das Irmandades e de Nós construiran a identidade nacional galega sobre os dous esteos que, só dous lustros antes, chantara o austro-marxista Otto Bauer como peares do seu conceito de "comunidade nacional", a saber: unha "comunidade de orixe" e unha "comunidade de cultura", que, combinadas, constituen unha "comunidade de carácter" e, proxectadas cara avante no decurso histórico, dan lugar a unha "comunidade de destino". Eis, ao meu ver, o sentido conceitual que encerra a ben coñecida definición de Galiza como "célula de universalidade", antitética de calquer ideoloxema chovinista. Por iso a nación é unha comunidade, e non un simples agregado de indivíduos -a diferencia da redución xacobina da nación aos cidadáns- e por iso tamén unha nación é tal con ou sen Estado propio, poisque a nación é unha realidade previa ao Estado: "a nación é un fenómeno social", dí taxativamente Bauer, e máis "non é unha suma de individuos, senón que cada individuo é o produto da nación", cousa que convirte ao conxunto diles "nunha comunidade", e non simplesmente unha sociedade. De aí que as liberdades e dereitos políticos dun individuo non esteñan completas sen a liberdade e os dereitos políticos da sua nación, da sua "comunidade nacional". E de aí tamén que "a nación non debe a sua existencia a estatutos externos, senón que pre-existe lóxicamente a todo estatuto": eis o alicerce do dereito á sua autodeterminación. En troques, "a nosa comprensión da relación entre a nación e o Estado apousa sobre a nosa representación da relación da nación co chan", poisque "o Estado naceu como corporación territorial" desque se descompuxo "a anterga constitución parental". Son aseveracións de Bauer: moi ben poderían séreno dos homes das Irmandades e a Xeración Nós. E eu fágovos esta engádega: por iso mesmo, negar a nosa identidade nacional implicaría borrar do mapa ás figuras que hoxe constituen símbolos constantemente invocados como avais lexitimadores dos diversos ocupantes das institucións políticas galegas de autogoverno, dende Rosalía a Castelao, dende Murguía a Don Ramón de Trasalba. No labor de equipa da Xeración Nós para a reconstrución da identidade nacional galega, á par da militancia política, a Otero cadroulle primordialmente restaurar a trabe mestra da nosa existencia na Historia como "comunidade de cultura". E fíxoo nas claves do ciclo da modernidade no que iles todos eran avangarda no seu tempo, concebindo a Galiza como encrucillada de civilizacións, interpretándoa a traveso do código da cultura propria, e cunha actitude proxectada cara o futuro, ou sexa, cara a aventura do descoñecido que está por vir. Está patente na sua criatividade como xeógrafo, nomeadamente na sua xenial teoría da paisaxe humanizada e as duas leis do seu movemento. Estáo asimesmo na sua extensa e dispersa obra ensaística, se cadra a menos coñecida e explorada da vasta produción oterián. E estáo, abofé, no seu "Ensaio histórico sobre a cultura galega", inda hoxe referencial, e na deslumbrante lucidez do seu prólogo. Escoitádeme a Don Ramón: "Cada rexión do planeta plenamente caracterizada é dona dun sistema de interpretación do mundo". "A sua orixinalidade é tan poderosa que calquer cultura que as cubra ten que adaptarse necesariamente á sua propria interpretación". "Galiza disfroitou dende o mencer do tempo histórico dunha conciencia orixinal. Aquela conciencia segue a vivir hoxe. Ela inspirou os períodos vitais de Galiza". "Non hai cousas vellas nen novas, hai só cousas vivas e mortas, e non as determina a idade senón o alento interior que as anima". E, enfin: "Este país grave dun vibrante ou calado pasado debrúzase, cada día, cada hora, sobre un ignorado e misterioso porvir". O "ignorado e misterioso porvir" tíñalles reservada ás xeracións de Otero, as Irmandades e o Partido Galeguista a inesperada traxedia da barbarie de Atila en Galiza, que esborrallou a obra común que estaban a construir, martirizou ao povo polo que andaban a loitar, asasinou a tántos diles, exiliou a tántos máis, represaliou aos que sobreviviran, e reduciu aos restantes ao silenzo e a impotencia no cárcere no que a tiranía católico-fascista convirtira esta Terra Nosa. Don Ramón e os seus Irmáns galeguistas, aquiles que pesia todo non renegaran, tiveron que asumir a maldición de Sísifo, e encetaren a reanudación do proceso construtivo da nación galega dende ben máis atrás de onde fora brutalmente interrompido. Á sua heroica teimosía débelles todo a miña xeración. A empezar pola transmisión da memoria colectiva deste povo e da constelación de nomes cintilantes no setestrelo que nos guiou na travesía da longa noite de pedra. Se a Santa Compaña de Castelao transita polo exordio da "Alba de Groria", a de Otero emerxe no seu "Libro dos amigos", exercizo de libérrima coraxe e solidária dignidade no ostracismo, certeiros retratos testemuñais e conmovedoras homenaxes a tantos dos seus Irmáns de loita nacionalista emancipadora exiliados ou desaparecidos, Castelao, Antón Vilar Ponte, Lousada Diéguez, Xurxo Lourenzo, pero tamén os asasinados pola barbarie fascista, Bóveda, Anxel Casal, Víctor Casas, Arturo Noguerol, Roberto Blanco Torres... Escrito para garantir que non enterraran cadavres, senón semente, ese libro tornoumos en sombras amigas na miña adolescencia. Meu benquerido e venerado Don Ramón de Trasalba, veleiquí tés ao pé de ti e da tua benfeitora sombra a este Señorito da Reboraina apócrifo, usurpador cordial da tua derradeira persoaxe de ficción, que se pergunta se non virá ser, il si, apenas unha pantasma do século vinte condeada tamén ela á maldición de Sísifo. A esta altura da miña andaina, cáseque non teño máis que dúbidas e interrogantes, réstanme poucas certezas, fágome a cada paso máis perguntas para as que non acho resposta, agóirame o "ignorado e misterioso porvir" do meu, do teu, do noso povo. Pergúntome mesmo, ás veces, se non acabará por ser comesto dos lobos o froito do voso titánico esforzo, do sacrificio de tódolos teus e meus irmáns que consagraron, e até perderon, as suas vidas na loita pola dignidade e a liberdade do seu, do noso povo. Iste non é certamente o país dos ananos do Celso Emilio, mais os ananos do país proliferan e empoléiranse nas institucións do poder que vós todos, nós tamén, conqueriramos para pórmolas ao servizo da emancipación e o benestar da nación galega, que non para destruíla nen parasitala, non para dominala, domala e castrala outra vez máis nesta avesía reviravolta da sua historia. Mais non. Non desertaremos, meu amigo, meu venerado Don Ramón de Trasalba. "Que todo está por refacer nesta Terra cuberta de cinzas, enloitada polos crimes dos sacrílegos que trabucaran a língua e os sinais e foran roubando o espírito da patria" -dixéralle eu a Antón Avilés noutra sazón semellante. E respostara il con aquil fermoso aturuxo: "Hai que romper de norte a sul Galiza, queimar as rozas dunha idade antiga e ver nascer o sol, lástima fora". De xeito que volverá abrollar a fusquenlla, porque compre unha nova rebelión emancipadora, compre unha grande mobilización cívica que devolva a este povo a sua dignidade, o exercizo da sua soberana liberdade. Que faga realidade a premonición de Pepe Alvarez Cáccamo na fermosa estrofa coa que remato e me despido de todas e todos vós: "Vexo a xente acudir e congregarse vagarosamente, desembocar desde calellas limítrofes, baixar por esqueiras e túneis,"..."como un bosque que nace da semente da escuma, multiplícanse espellos, asembleas, convoca a furia, estoura un lóstrego de ourizos nas raíces de nunca, a multitude, cobra, máis alta que as paredes, MARÉ DO POBO A ARDER". Amen. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Segunda e derradeira parte do discurso que pronunciou o político, ensaísta e catedrático de Economía Xosé Manuel Beiras ó recoller o Premio Trasalba o pasado día 28 de xuño, no que alerta sobre "o exterminio idiomático".
