| Ouriños norteamericanos |
| Manoel Santos | |
| Sábado, 03 de Decembro do 2005 | |
|
[ Publicado en Galicia Hoxe ] A historia da ciencia cóntanos que en 1669 un alquimista alemán, Henning Brand, foi o primeiro en conseguir illar o fósforo, elemento que só se atopa na natureza en forma de fosfatos. En realidade Brand pensaba que para atopar a mítica pedra filosofal –obsesión dos químicos da época– debía fabricar ouro partindo de ouriños humanos, ou algo semellante. Así que puxo a ferver uns cincuenta caldeiros de mexo, deixounos repousar unhas semanas, mesturou o sólido depositado con area e recolleu nun recipiente os vapores resultantes de quentar a escatolóxica mestura. Os ditos vapores, ao se arrefríar, formaron nas paredes do envase un sólido branco moi inflamábel que escintilaba na escuridade. Era fósforo puro, e de aí procede a verba fosforescencia. Durante máis dun século todo o fósforo que se obtiña procedía de ouriños, ata que en 1771 Scheele foi quen de extraelo de ósos calcinados. Vaia, que coñecendo esta historia non puiden máis que pensar naquel "mexan por nós" de Castelao –pero de xeito literal– cando en novembro a RAI italiana emitiu a reportaxe de Sigfrido Ranucci La strage nascosta (O masacre oculto, www.rainews24.rai.it). Nel demóstrase que os EUA empregaron fósforo branco –léase arma química, de destrución masiva ou o que se queira– no asalto, no masacre, no xenocidio de Faluia. E digo por nós, porque as atrocidades cometidas polos ianquis en Mesopotamia, no berce da nosa civilización, non só deixaron milleiros de mortos –tanto ten se son civís, insurxentes, soldados ou guerrilleiros–, milleiros de orfos, milleiros de bágoas, senón que deixaron na humanidade a meirande ferida dende a II Guerra Mundial. E a ferida segue aberta. No outono de 2004 a primeira orde do reelexido Bush foi o exterminio da resistencia en Faluia. A escusa, a de sempre, buscar un suposto terrorista, un tal Al Zarqaui do que, din, a meirande parte da poboación nunca oíra falar. Terroristas na procura de terroristas. Hoxe parece claro que o masacre tivo máis que ver co feito de que en Faluia foi onde os ianquis se decataron por primeira vez de que o pobo iraquí estaba máis unido do que parecía contra a ocupación. Alí loitaron xiítas, curdos e mesmo sunnitas no mesmo bando. Dos 350.000 habitantes de Faluia fuxiron uns 300.000. A metade aínda viven coma desprazados e non contan con axudas para a reconstrución. Entre 4.000 e 6.000 persoas foron asasinadas e remataron en fosas comúns ás aforas da cidade, ao máis puro estilo nazi. O 70% da cidade foi esnaquizada, e con ela 36.000 fogares, 60 escolas e 67 mesquitas. Hogano hai probas dabondo para afirmar que os métodos utilizados polos EUA na conquista de Iraq incluíron dende a mentira máis grande e cruel de todos os tempos ata unha chea de armas non convencionais. Empregaron bombas de fragmentación –acios–, armas recubertas de uranio empobrecido, gases tóxicos e fósforo branco, unha substancia que calcina persoas, que as queima vivas do mesmo xeito que o fixera o napalm aquel co que os do imperio clareaban a selva en Vietnam. Mesmo animal, mesma pedra. Os restos deixados por moitas destas armas deixarán o ambiente contaminado durante décadas. Británicos e norteamericanos mesmo admiten o uso dese fósforo branco, aínda que negan que se trate dunha arma química. Claro que para algo están as hemerotecas, entre elas a do Departamento de Defensa dos EUA, que nun informe de 1995 sinala: "as forzas leais a Sadam poderían ter utilizado armas químicas a base de fósforo branco contra os rebeldes curdos". Esta foi, no seu día, unha das principais acusacións contra Sadam. Xa que logo, ao final si había armas de destrución masiva en Iraq, as que levaron as lexións de Bush. Porque máis de 30.000 civís asasinados dende 2003 é algo masivo, ou non? Por suposto nunca estiven en Faluia. Supoño que antes do masacre sería unha cidade fermosa. Chamábanlle a Cidade das Mil Mesquitas, pois tiña máis de 200 e estaba emprazada na que foi unha das grandes rutas de mercaderes na época dourada de Babilonia. Despois do masacre chega con ollar calquera fotografía do Hamburgo de 1945 ou mesmo do gueto de Varsovia para imaxinala. Malia isto aínda hai quen xustifica a invasión, incluídos moitos dos que, paradoxalmente, levan por siglas un duplo símbolo químico do fósforo. Porén, tamén mexaron por eles. Ao cabo, vai resultar que o único que ten razón é o bolivariano ese ao que critican por cantar "rancheras", pero que di verdades de eidapuxa: o goberno Bush é un goberno terrorista.• | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. |
|---|

