Destapando os segredos dalgúns bancos
Altermundo   
Luns, 27 de Xullo do 2009

 ESIXIR QUE AS ENTIDADES BANCARIAS DIGAN ONDE INVISTEN OS NOSOS CARTOS É UN DOS OBXECTIVOS DESTA ORIXINAL CAMPAÑA.

Seis organizacións doutros tantos países da Unión Europea acaban de presentar a campaña Os segredos dos bancos. Setem (España), Campagna per la Riforma della Banca Mondiale (Italia), Les Amis de la Terre (Francia), Netwerk Vlaanderen (Bélxica), Platform (Reino Unido) e Urgewald (Alemaña), integrantes de rede internacional BankTrack, son as responsábeis desta iniciativa que denucia investimentos bancarios daniños para o medio e que violan os dereitos humanos. As organizacións investigaron 13 bancos europeos (Banco Santander, Barclays, BBVA, BNP Paribas, Citigroup, Credit Agricole, Deutsche Bank, ING, Intesa Sanpaolo, HSBC, RBS, Société Générale e Unicredit) que investiron 39,6 billóns de euros en compañías acusadas de apoiar reximes ditatoriais, causar danos ambientais irreversíbeis ou fabricar armas de efectos indiscriminados como as bombas de fragmentación e as minas antipersoa.

A campaña anima os clientes e clientas dos bancas a escribirlles para pedirlles que aclaren certas situacións. As preguntas son ben comprometidas: Pode dicirme en que compañías cotizadas, en que países e en que proxectos invisten o meu diñeiro? Onde podo atopar máis información sobre a súa política en materia de armas, dereitos humanos, ambiente e sustentabilidade? Que garantías pode darme de que os meus cartos non se investirán en compañías como Freeport, que está contaminando os ríos de Papua Nova Guinea? Que garantías teño de que non invisten en Wall-Mart, que non respecta as normas principais da Organización Internacional de traballo (OIT)? Que garantías pode darme de que o meu diñeiro non se investirá en compañías fabricantes de armas como Raytheon?

A campaña anima a pechar as contas neses bancos e abrilas en proxectos éticos, como Fiare. Os segredos dos bancos conta cun web para a información, sensibilización, denuncia e acción en varias linguas.

+ INFO: www.banktrack.org | www.banksecrets.eu

 


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >