"As moscas", o compromiso e a liberdade (Carta a Laura Caveiro)
Carlos Taibo   
Martes, 04 de Agosto do 2009

 X. M. Beiras-. Na resistencia política fronte ao fascismo franquista -as forzas de ocupación que aferrollaban ao meu povo- comprometérame xa na clandestinidade co PSG de entón.

Benquerida amiga: pasei esta mañán pola Fundación GS, por mor dalgúns asuntos a resolvermos antes das vacacións, e entregoume Tania, a nosa secretaria -á que eu chamo fada madriña, pola sua decote agarimosa eficiencia- entregoume, dicíache, o sobre coa fotocopia do teu artigo encol de As moscas, que viña xustiño de chegar polo correo. Xa de volta na casa, a onde cheguei moi tarde, agardei a despois de xantar para lélo. Fíxeno hai un pouquiño aínda, e quero dicircho xa: conmoveume. Solprenderáche se cadra que fose ésa a miña reacción, aparentemente emocional no canto de avaliativa, dado que no teu escrito fas análise e non panexírico, fas unha diagnose e descodificación do texto, no canto dun encomio do autor nen do tradutor. Pois mesmamente por iso, para empezar, mesmamente iso é o que me conmoveu. no senso máis xenuino da palabra: a lucidez coa que dás no cerne da cuestión. Mais non abonda esta espricación miña. Compre que engada unha confidencia: foi iso, precisamente, ese cerne da cuestión de As moscas que ti desvelas, e máis o contexto da específica situación histórica na que a obra foi escrita e representada, o que me moveu a traducila. Millor diría: o que enxendrou en min a necesidade, logo asumida como obriga, de traducila ao galego.

Hai xa ben anos disto, máis de catro decenios, na primeira etapa do meu compromiso de loita clandestina antifascista no PSG. Todo un sarillo de circunstancias sucesivas ocasionou que adiase unha e outra vez ese meu proxecto ao longo dos anos, mentras en troques traducía obras de Camus: as Cartas a un amigo alemán, o Calígula, Os xustos... Perguntaráste como se entende, logo, que o sarillo de circunstancias non me impedisen facer esoutras traducións. Sereiche moi franco: foi polo constante temor a non poder co texto de Sartre, a non estar á altura indispensábel para verquelo dignamente ao galego, tanto na forma literaria canto no seu trasunto. E pasou o tempo. Néstas, no 2005, despois da penosa peripecia padecida daquela dentro do BNG, que me levou a dimitir dos meus cárregos e afastarme da política institucional, aproveitei unha suxerencia de Pancho Pillado de publicarmos As moscas en Laiovento polo centenario de Sartre, e púxenme a traducilas ese vran, como terapia para a miña maltreita integridade síquica. Confesareiche que me sintía un chisco coma Orestes, e a cousa podía derivar en paranoia se non lle puña remedio. E qué millor que enfrontarme coa versión sartrián do mito que me infundía aquil temor á miña impotencia literaria para verquelo en clave e código galegos.

Fixen o primeiro borrador dun tirón en agosto, e logo paseino pola peneira varias veces, e mesmo deillelo a revisar a persoas moi relevantes do noso teatro, Manolo Lourenzo, Luisa Martínez e o proprio Pancho -poisque, inda coincidindo co que ti dis e dis tamén que dicía Sartre, que o fundamental é o texto, eu sempre pensei que a literatura dramática está escrita para representala, e que o público do teatro vai escoitar, e non ler, o texto, e ten que apreixalo na instantaneidade da dicción, sen o recurso de voltar atrás como na leitura. Despois, vicisitudes diversas retrasaron a publicación varios anos, e acabou por editarse a obra espida, sen ningún limiar nen notas, como en troques se fixera cando do Calígula e Os xustos. Agora, ao ler o teu escrito, sinto mágoa de que non figure na nosa edición ese mesmo texto ou outro teu análogo feito para o caso: arrequecería o libro e daríalle claves moi necesarias ao leitor.

Relémbrasnos ti, Laura, moi oportunamente, a certeira precisión que fai Michel Contat sobre a noción de engagement, ou compromiso, en Sartre -no ensaio limiar á edición da Pléiade do teatro completo sartrián que ti, evidentemente, manexaches. Reprodúzoa agora literalemente: "O compromiso non consiste nunha politización da arte, nunha toma de posición política -cousa que convirtiría a obra na expresión dunha tese- senón en ter en conta a totalidade dunha situación humana, na cal a política, en canto se refire a valores, conta tanto coma os outros compoñentes da vida social". Contat formula esa precisión na sua análise de Les mains sales, como ti ben sabes, e a seguida afirma que esa peza é certamente teatro comprometido, mais non é teatro de tese, poisque Sartre "non lle dá a razón a ningún dos dous protagonistas, Hugo, o idealista que se pon luvas bermellas, e Hoederer, o realista que acepta ter as mans suxas -les mains sales- porque en política -suliño eu- ninguén é inocente". Mais repara ben nisto: en troques, n"As moscas, ademáis de compromiso hai tese. Quero dicir que, nesa obra, Sartre toma partido. Porque, no conflito que está no cerne desa traxedia, non se trata de quen ten razón, de quen está na posición correcta, se o idealista Hugo ou o realista Hoederer. Non. Nese conflito, o que está en xogo é a liberdade, e o inimigo da liberdade está esplicitamente identificado e definido: daquela non cabe ambigüidade ningunha, compre optar antre a liberdade e a tiranía.

Voltemos a Contat, agora encol de As moscas: "Teatro do heroísmo e da demistificacion do heroísmo, a obra do Sartre dramaturgo naceu verdadeiramente nun tempo no que o heroísmo -o do resistente- era requerido para a liberación do territorio. Sen o Ocupante- (nazi) e a sua censura, Sartre non tería escrito As moscas resucitando o mito dos Atridas" -do teatro clásico grego. En rigor, Oreste -a Resistencia francesa na Franza ocupada polos nazis- non se confronta con Existo, o usurpador -o rexime colaboracionista de Vichy con Pétain á cabeza- inda que sexa a Existo a quen mata, senón con Xupiter -a Igrexa católica. Esplicítao inequívocamente Contat: "O adversario de Sarte en Les Mouches é o catolicismo da Igrexa que se convirtíu no sostén do rexime do mariscal Pétain". E engade esta precisión decisiva: "Resistir é, para empezar, resistir ás ideas que fundamentan a colaboración (coas forzas de ocupación), que a xustifican metafísicamente. Non é ao hitlerismo ao que ataca esa peza teatral, porque o hitlerismo é unha barbarie que só se combate coas armas na man, senón -suliño eu- á ideoloxía da sumisión".

No entanto, noutro texto de Contat na mesma edición, feito iste man a man con Ingrid Galster, esclarécese que "o tema de fondo -de As moscas- non é a resistencia senón a liberdade: a ruptura co sistema de pensamento que vencella a orde e a relixión". Por iso as duas persoaxes que se confrontan "nun conflito sen piedade" non son Oreste e Existo, senón "Oreste e Xupiter, o garante da orde que permite a Existo reinar sobre un povo apouvigado polo remorso e a culpabilidade. Existo é Petain, por suposto, mais Xupiter é o Deus da Igrexa que xustifica o poder do Mariscal". Un povo apreixado no cepo do remordemento e o sentimento de culpa -que enxendran auto-odio esterilizante- está incapacitado para exercer a liberdade: mergulla nunha inanidade morbosa e acobíllase, enganido, na fatalidade.

Mais deámoslle a palabra ao proprio Sartre. Primeiro: "Eu quixen tratar da traxedia da liberdade en oposición coa traxedia da fatalidade". Segundo: "A traxedia é o espello da Fatalidade. A min non me pareceu imposíbel escribir unha traxedia da liberdade, poisque o Fatum antigo non é máis cá liberdade volta do revés. Oreste é libre para o crime e máis alén do crime: eu amostreino presa da liberdade, como Edipo é presa do seu destino". E, enfin, esta famosa aseveración brutal: "Porque a liberdade non é non sei qué poder abstrato de pasar por riba da condición humana: é o compromiso máis absurdo e máis inexorábel. Oreste seguirá o seu camiño, inxustificábel, sen excusas, sen recurso, só".

Comprenderás millor agora por qué sintira eu a necesidade, convirtida logo na miña conciencia en obriga, de traducir ao galego As moscas na etapa da miña vida que xa che dixen antes. Na resistencia política fronte ao fascismo franquista -as forzas de ocupación que aferrollaban ao meu povo- comprometérame xa na clandestinidade co PSG de entón. En troques, o compromiso de traducir o texto sartrián inseríase no combate ideolóxico contra o nacionalcatolicismo e máis, xa que logo, contra o colaboracionismo indíxena que profesa e difunde a "ideoloxía da sumisión" nesta colonia do mini-Reich celtíbero que era Galiza. Ollo agora: que o seguía a ser catro decenios despois, cando da penosa peripecia que me corroborou que eu perdera a miña liberdade por loitar por ela para os meus conxéneres mergullados no remorso, o sentimento de culpa e, en suma, no auto-odio. A peripecia que me impelíu a alonxarme da política institucional, reler unha vez máis o Retrato do colonizado de Memmi, o prólogo de Sarte a ese ensaio -e pórme, de vez e por fin, a traducir As moscas. Facía tanta falla coma catro decenios atrás, inda que mudaran de roupaxe o rexime e de armas as forzas de ocupación.


Carlos Taibo
Sobre o autor ou autora:
Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >