Chávez con Chomsky
Miguel Anxo Fernán-Vello   
Xoves, 27 de Agosto do 2009

Miguel A. Fernán-Vello-. O "máis importante dos pensadores contemporáneos", segundo o The New York Times, acaba de viaxar a Venezuela e de ter un encontro moi cordial co presidente Hugo Chávez…

É ben certo que a moitos, uns por puro racismo, outros por razóns ideolóxicas e político-económicas, non lles gusta o presidente de Venezuela, o bolivariano Hugo Chávez, a quen critican de forma ríspida e pexorativa un día si e outro tamén; mais esas mesmas persoas adoitan calar, por exemplo, diante dun Micheletti ou rin polo baixo cando se tratar de Berlusconi e as súas velinas -por certo, gran demócrata don Silvio- ou cando Aznar ten algunha das súas ocorrencias maxistrais.

Sobre Chávez -talvez unha das personalidades máis deostadas, e sempre dende as mesmas posicións, nos últimos tempos- teñen falado de xeito positivo, por citarmos tres nomes, José Saramago, François Hourtart ou Noam Chomsky, e este último afirmou no seu día que o proceso político que lidera o presidente venezolano é un exemplo para Latinoamérica e para o mundo. Palabras ben claras. E pronúnciaas un dos grandes filósofos e intelectuais do século XX -ninguén poderá negar iso-, diante do odio político que se aplica contra Chávez, un presidente que nunha década ten convocado 15 eleccións, tendo triunfado en 14 delas.

Pois ben, o "máis importante dos pensadores contemporáneos", segundo o The New York Times, acaba de viaxar a Venezuela e de ter un encontro moi cordial co presidente Hugo Chávez, a quen lle atribuíu todo o mérito da construción no país caribeño de outro mundo posíbel: "Falar da paz é doado, o difícil é tratar de crear un novo mundo, un mundo diferente, e o emocionante é ver en Venezuela como se está construíndo ese novo mundo e ver a persoa que o está a inspirar".

E o certo é que en Venezuela, por referírmonos só a tres datos reais, máis de 3 millóns de hectáreas de terra foron distribuídas entre os campesiños, millóns de nenos e adultos foron alfabetizados e millares de dispensarios médicos foron instalados nos barrios populares. E todo iso, entre outras moitas medidas sociais e de progreso, mentres diminúe de forma drástica a pobreza e aumenta o benestar xeral.

Algo que Chomsky puido comprobar in situ.


Miguel Anxo Fernán-Vello
Sobre o autor ou autora:
Escritor e editor galego
Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >