Único xornal en galego
Bóveda refusilado. Ensaio de "collage" para un centenario acusador (e II)
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 31 de Agosto do 2009

X. M. Beiras-. Na xeira do nacionalismo galego, Bóveda e máis o Partido Galeguista forman unha simbiose, unha amálgama indiscerníbel neses dous elementos.

- IV -

 

Para poñer un rótulo definitorio da sua ideoloxía a un home compre, por suposto, analisar e definir o seu ideario. Mais compre, tanto coma iso, analisar e avaliar a sua prática acaidamente contextualizada na sua circunstancia sociohistórica -e venme á memoria neste intre Luis Seoane, que sempre o repetía, il tan confinado hoxe por algúns no olimpo da criación artística.

Na xeira do nacionalismo galego, Bóveda e máis o Partido Galeguista forman unha simbiose, unha amálgama indiscerníbel neses dous elementos. O celme vital de Bóveda verqueuse até tal ponto no partido que il non deixou virtualmente obra persoal individualizada e, recíprocamente, o PG non tería sido o que foi sen o incríbel esforzo criativo e a alucinante actividade realizadora de quen foi o seu segredario de orgaización dende a sua constitución até a sublevación militar fascista que acabou, por algún tempo, con todo.

 

Os valores democráticos e republicáns, o igualitarismo, a defensa primordial das xentes explotadas e espoliadas, o benestar social, a identidade nacional, o estatus social do idioma, a dignidade colectiva, a prática da fraternidade e a solidariedade, abrollan constantemente no ideario e no combate político de Bóveda ao longo de toda a sua traxectoria, e deixaron impresa a sua pegada en tódalas criacións que il alumbrou, tódalas angueiras nas que participou e tódalas iniciativas que aportou ao labor colectivo. Dende o primeiro programa do PG até a orgaización da resistencia á sublevación fascista en Pontevedra que lle custou irremediábelmente a vida. Non me consta que Bóveda postulase nunca esplícitamente o socialismo, mais adiantouse aos deseños dunha Facenda pública ao servizo do social welfare que implementarían as socialdemocracias europeas posteriormente. E inda á altura de hoxe, decenio e meio de gobernos socialistas no Estado español non deron construìdo un sistema tributario de progresividade e xustiza distributiva comparábeis aos do modelo deseñado e proposto para Galiza por Bóveda á altura do 1935, nada menos.

- V -

Por iso o mataron. A traxedia persoal de Bóveda está inscrita na dimensión colectiva da traxedia dun povo enteiro brutalmente esmagado, con milleiros de mártires maiormente anónimos que il amaba máis do que a sí mesmo. A imolación da inocencia: o crime máis feroz e noxento que a senrazón da barbarie pode cometer. O crime, porén, que a barbarie máis contumazmente comete na historia contemporán da humanidade. Un crime que transmite a culpabilidade por herdanza. Por iso a lembranza de Bóveda arreguiza e estarrece tánto a tántos inda hoxe. Por iso, aínda hoxe, facer pública lembranza de Bóveda constitue unha transgresión que espanta aos herdeiros ideolóxicos e políticos dos autores materiais do crime ainda hoxe impune. Bóveda é sangue nas mans e nos fuciños dos que inconfesábelmente pensan e disfrazadamente actúan dende o poder como os que outrora cometeron o crime de asasinar á inocencia. Un poder político que inda hai pouco rexeitou nas Cortes españolas condear, en nome da democracia, a sublevación fascista do 36. Un poder eclesial que se negou até agora a pedir perdón polo holocausto de milleiros de demócratas cristiáns, nacionalistas ou non, vítimas do xenocidio que a xerarquía católica do entón santificara como "Cruzada". Contárame hai ben anos Ramiro Isla Couto que, cando do proceso de Bóveda, un fato de católicos galeguistas acudiran a Eijo Garay -bispo franquista de Madrid-Alcalá que o fora primeiro de Tui, nado en Vigo- para suplicarlle que intercedese por Bóveda. A xélida resposta do pastor católico fora: "el mal está muy hondo y hay que meter el bisturí a fondo".

Constituída no post-franquismo a Autonomía galega pola que Bóveda dera a vida cincuenta anos antes, os nacionalistas levamos ao Parlamento de Galicia, por duas veces consecutivas cun intervalo duns poucos anos, unha mesma proposta lexislativa para a revisión reabilitadora do proceso que condeara a Bóveda e máis para a institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir -que os nacionalistas do PSG instauraramos na prática cando inda reinaba o franquismo en España. Por duas veces, a maioría da Cámara lexislativa da democracia autonómica que os asasinos de Bóveda secuestráranlles durante meio século aos cidadáns galegos, por duas veces, digo, rexeitou esa proposta de lei. Por duas veces negoulle a Bóveda, meio século despois de morto, a xustiza e a honra que lle fora roubada en vida. Por duas veces os herdeiros ideolóxicos dos criminais, os estigmatizados pola herdanza do crime, volveron fusilar a Bóveda, desta vez nas institucións disque democráticamente representativas da cidadanía pola que Bóveda dera a sua vida. Ainda o ano pasado, ás portas deste centenario do Alexandre, mentras o Concello de Pontevedra gobernado por demócratas nacionalistas honraba póstumamente a Bóveda en nome dos cidadáns libres, a Deputación da provincia refugaba facer outro tanto. Aínda hoxe, mentras os "bos e xenerosos" do noso hino nacional pondalián teimamos en relembrar e proclamar a honra de Bóveda no seu centenário, como levamos feito toda a vida, o vergoñento e culpábel silenzo institucional proclama clamorosamente a asunción da herdanza do crime: até ese punto o simples nome de Bóveda delata ainda hoxe a transmisión histórica dun crime cometido oito decenios atrás. A historia seica non buligou. A historia do crime seica non é historia aínda: é presente vivo. Bóveda é unha presencia que acusa, como o espectro do pai de Hamlet en Shakespeare. O corazón de Bóveda segue a delatar o crime cometido, como o "tell-tale heart", o "corazón delator" no fantástico relato de Edgar Allan Poe. Por iso, ante a presencia de Bóveda, os morgados disparan outravolta. Bóveda reaparecido, vólveno fusilar. Bóveda refusilado: retrato descarnado do poder actual.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >