Artigos de Xosé Manuel Beiras
"Galiza como tallada"
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 07 de Setembro do 2009

 X. M. Beiras-. Con permiso do Valentín, que abofé que mo daría de seguir aínda vivo hoxe en día e ter que aturar, sen morrer de noxo, o que temos que aturar os superviventes da longa travesía da noite de pedra franquista e do breve e xa concluso período democrático subseguinte ao franquismo con Franco, arestora reconvertido en franquismo sen il, ou sen iso.

[Galicia Hoxe]

Digo que abofé que me daría o seu permiso porque sei moi ben como el era, trateino con confianza dende a miña infancia, estimeino e respecteino sempre, adeprendín del moitas cousas, a empezar polos valores republicanos que profesaba e a seguir pola súa lealdade aos exiliados e ao herdo ideolóxico e político de Castelao -e tíñame un cariño case paternal, el que non adoitaba ser efusivo no trato. De xeito que sei moi ben como pensaba e sentía verbo deste noso infortunado povo maltreito e maltratado pola história, tamén das súas eivas e responsabilidades colectivas, pois que nunca o idealizou pese a serlle sempre leal e solidário, e dos malandros de toda caste e condición que, empoleirados no estaribel social e político, utilizaron sempre o poder contra ese pobo, para esbullalo, traizoalo e frustrar as poucas oportunidades dunha "alba de groria" que tivo ao seu alcanzo no decurso da súa história. Mesmo por iso estou certo de que o Valentín daríame tácito permiso -e faríao cun divertido sorriso pillabán- para darlle a volta como lle eu dou aquí ao sentido do seu Galicia como tarefa, e converter parodicamente ese lema no seu oposto. Porque así ocorre na vida dos pobos, no acontecer social, na súa dinámica histórica, movida -é ben sabido- pola dialética dos opostos: evolución-involución, ilustración-escurantismo, emancipación-opresión, forza da razón-razón da forza, e tantos outros pares antitéticos que determinan, con diversos graos de aleatoriedade, o desenlace desa combinatoria de contradicións nas reviravoltas do curso dos tempos.

Galicia como tarefa é o título dun libro de Valentín Paz-Andrade publicado en 1959, na Arxentina, polas Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires. O pé de imprenta informa de que a edición "estivo ao coidado de L.S.", e o estilo das tapas do libro desvela a identidade agochada nesas iniciais: son sen dúbida da autoría de Luis Seoane. Por unha nota previa en galego, na que o autor dedica a súa obra aos emigrados e exiliados integrados "na maior institución galega do mundo", coñecemos a súa xestación: "foi na sua tribuna xenerosa, polo agosto de 1957, onde tomaron primeira vida as ideias eiquí arrecadadas". O libro do Valentín marcou un fito na expresión pública do pensamento nacionalista galego de pos-guerra. Dende a derruba "manu militare" da II República -a razón da forza asasina da forza da razón- era a primeira vez que un galeguista non exiliado radografaba o corpo social galego e diagnosticaba as súas doenzas e as súas enerxías vitais con libérrima lucidez: sen ter que pasar pola censura franquista que o faría imposíbel. Mais tamén sen laio nin pranto ningún. O título xa é elocuente na mostración da actitude do autor: confianza no potencial do país, compromiso coa tarefa de lle dar pulo, aviso da oportunidade histórica de facelo, e exortación á asunción colectiva desa angueira cívica e política. Pero é que, endemais, Paz-Andrade fai explícita el mesmo esa súa actitude na introdución aos quince áxiles capítulos que estruturan a súa obra. "Entre o tempo e o destino dun pobo -escribe- a interferencia nunca cesa. É unha relación de reciprocidade difusa, incorporada ao complexo da vida colectiva". Mais advirte: "Non nos referimos agora ao tempo pasado. Máis ben ao tempo que está a vir. Nin ao tempo abstrato (...). As nosas esculcas diríxense ao tempo concreto e vivo, con temperatura humana, con voces promisorias, como a dos piñeiros pondalianos. Ao tempo preñado de expectativas, de mensaxes inéditas (...). Máis tarde ou máis axiña, as potencias tácitas haberanse manifestar e transcender á estrutura da sociedade. Segundo sexa a eficacia coa que se aproveiten e encanen, poderán alimentar ou non os cambios de nivel esperados na vida do país". O libro de Paz-Andrade acadou daquela moita sona e grande difusión, tanto alén-mar coma acó, onde circulou de primeiras meio ás agachadas. Hoxe -coa mesma desmemoria que propicia o eterno retorno ao franquismo sen iso- está esquecido. Pior aínda: é practicamente descoñecido.

Foi a rememoración incidental que eu fixen do Valentín e desa súa obra nun dos meus artigos deste verán o que me moveu a procurar nos andeis da miña biblioteca o meu vello exemplar de Galicia como tarefa e relelo. Levaba uns anos sen revisitalo, des que deixei de impartir cursos de economía galega en segundo ciclo de licenciatura, e volvín gozar coa contemplación dese gran fresco abocetado, pintado coa axilidade e a gráfica linguaxe de xornalismo do bo, no que aparece retratada a fisionomía do noso país de entón e artellado o feitío dos seus membros. Dende a demografía ao idioma e a cultura, pasando, claro é, pola estrutura da base económica, fican diagnosticadas as síndromes primordiais da súa patoloxía, detectados os focos das súas enerxías potenciais e formuladas con decisión as propostas para unha acción cívica e política rexeneradora da saúde material e cultural do país. Alén de que un comparta ou non o enfoque ou a orientación con que as formula o Valentín, o caso é que configuran todo un solvente programa rexeneracionista dotado de coherencia -e dirixido primordialmente a un destinatario localizado por Paz-Andrade de xeito tácito, pero evidente, a asumir o protagonismo do proceso: o empresariado industrial galego e as elites da burguesía autótona. Vai aló meio século dende aquela: coas pertinentes excepcións, o destinatario fíxose o xordo, aquelas oportunidades perdéronse, o advento da autonomía non lle curou a xordeira ao doente, novas oportunidades volvéronse perder. Abraiante consecuencia: o cadro diagnóstico deseñado por Valentín hai dez lustros segue a describir inda hoxe a patoloxía endémica deste país, segue a valer para identificar, "mutatis mutandis", os seus andacios actuais -cronificados. Mais tamén, por pasiva, para identificar os primordiais responsábeis de todo un fracaso histórico.

Só unha mostra. O capítulo VII titúlase -traduzo- "Galicia, meridiano da enerxía", e os seus dous primeiros epígrafes levan estes elocuentes enunciados: "Cara e cruz da conxuntura", e "O miragre dos ríos esquecidos". E o VIII reza: "Prioridade locacional para a industrialización". Para calquera galego da miña xeración, resulta fascinante lelos no noso contexto actual: é como rememorar un soño espranzador que se tornou pesadelo agoniante. Para calquera galego consciente e sensíbel que faga hoxe esa lectura, seguro que lle suscita pasmo, alporizamento e/ou carraxe. Anímovos a facéredes a proba. Como mostra -e se cadra estímulo- entresaco para vós algunhas aseveracións do Valentín. Feitas, repito, no 1959.

Limitareime, por brevidade, ao primeiro epígrafe referido: "...a economía de Galicia áchase perante unha expectativa singular. Como se tivese chegado a hora de comezar a liquidar un pasado de esmorecemento e pobreza colectivos, para evoluír con paso seguro cara a prosperidade". "Non afirmo que (...) esta frutífera consecuencia vaia ser necesariamente usufrutuada, e menos escrusivamente aproveitada pola poboación de Galicia". "Pero (...) sería burda invidencia non advertir que estamos perante unha conxuntura única para evoluírmos (...), para que a anguria campesiña cese, a despoboación se conteña, o nivel xeral de vida aumente (...) e o destino do pais mude de signo en poucos anos". "Como todas as conxunturas, esta pode ser pasaxeira. A condición de transitoriedade (...) obriga a estremarmos a vixiancia". "A transcendencia e magnitude da variación económica que está a se producir, reclama unha posición activa no país escollido para ser escenário do miragre. Non abonda con sermos fonte pasiva da enerxía liberada, porque daquela a nosa servidume económica probábelmente aumentaría. Estas son, mesmamente, a cara e cruz da conxuntura actual. Estamos perante unha posibilidade grandiosa de millorarmos a sorte do país. Mais é unha posibilidade a conquistarmos. Unha posibilidade que non dará froitos pola sua soa eficiencia (...) e que, de non ser orientada cara as metas do noso pensamento económico, pode implicar unha recaída na postración secular".

Lúcido, non si?, xa a aquela altura. E, infortunadamente, profético: o destinatario xordo non escoitou nen a exortación nen a advertencia. Preferiu o rol de vasalo e sub-forista dos poderes económicos e políticos que, en medio século, expropriáronnos os "ríos esquecidos"e espoliaron os nosos recursos enerxéticos fósiles, esgotando en dous decenios os lignitos pardos d"As Pontes e Meirama. Nas mans dos depredadores e os seus cómplices cipaios, aquel noso potencial enerxético, no canto de enxendrar un desenvolvemento endóxeno racionalizado e sustentábel, agravou a "extraversión" da nosa economía e acelerou o perverso síndrome do "crecemento cara fóra", é dicir, os andacios do mundo subdesenvolvido que diagnosticaran os latinoamericáns Furtado, Pinto, Sunkel e demáis, poucos anos antes de escribir o Valentín o seu libro -e que il ben coñecía, por certo. Medio século perdido, viaxándomos de recú. Baixo o fascismo e sen autonomía, primeiro; en "democracia" e con "autoanemia", despois. E agora o vento, tamén. Disque o vento é noso -tamén o eran os ríos e os lignitos- mais os muíños do vento, certamente, non. A parte nacionalista do bipartito tentou dárllelos cando menos ao destinatario xordo indíxena, e mesmo obter un quiñón para a xente do común. Chegou o espolique do Galán, e restituíulles o "dominio eminente" aos depredadores. Canto ao destinatario xordo favorecido no intento (bi)partito e axiña desposuído na restitución aos amos da terra, ese pasou a facerse o mudo tamén: nin cando o atracan se defende.

Ai, Valentín! Se por acaso resucitases, seguro que retornabas de imediato á túa cova, a proseguir os teus paliques con "Un Ollo de Vidro", o alter ego do Daniel no alén. Estes de agora non saben nin quen eran un e outro. Dicímosllelo, só por amolar?: os que, coma ti e tantos outros de lei, asumiron Galiza como tarefa colectiva de emancipación aberta ao protagonismo popular como auténtico destinatario das súas mensaxes liberadoras. Non coma estes, que encarnan a antítese desa angueira liberadora. Istes que, ben claro está, só cobizan a Galiza como tallada: o natural e propio do carnívoro depredador.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >