Senrazóns afganas
Carlos Taibo   
Mércores, 09 de Setembro do 2009

 Carlos Taibo-. O de Afganistán cheira a podre. Non hai ningún analista sensato –até entre os insensatos apréciase unha incipiente zozobra– que conclúa que a intervención foránea no país, liderada claramente por Estados Unidos, está producindo algún resultado saudábel.

[Público]

E é que nin sequera no terreo estritamente militar as forzas de ocupación estanse saíndo coa súa nun caótico escenario no que resistencias de cariz vario foron gañando terreo, e con forza, até no último recuncho. O acontecido á calor das eleccións presidenciais recentemente celebradas non fai senón referendar, e rotundamente, o peso do argumento; aí están, para certificalo, a equívoca condición de candidatos que se moven con escasísima independencia con respecto aos intereses externos, a altísima abstención rexistrada, as acusacións de fraude formuladas e un anuncio de resultados que, de forma inquietante, vaise postergando.

Para que nada falte, en suma, as novas relativas ás lamentabilísimas prácticas ás que se entregou unha empresa de seguridade privada na embaixada norteamericana en Kabul –a mesma pesadelo de Iraq– pechan o círculo vicioso.

Claro que non se trata só do evidente fracaso técnico da operación. Maior relevo ten, se cadra, o despropósito de fondo daquela ou, o que é case o mesmo, a súa franca supeditación a intereses de corte obscenamente colonial encubertos tras unha suposta estratexia dirixida contra o terrorismo internacional. Por moito que Barack Obama –e con el, por certo, e lamentabelmente, os gobernantes españois do momento– se empeñen no contrario, as semellanzas entre o ocorrido nos últimos anos en Iraq e o sucedido en Afganistán foron e son notabilísimas. Lembremos respecto diso que nos dous lugares Estados Unidos, en particular, asumiu condutas lamentabilísimas.

Entre elas cóntanse o apoio dispensado no pasado a réximes e movementos –Sadam Husein, a guerrilla muyajidín– que logo Wáshington se encargou de derrocar, a defensa nestas horas de impresentábeis intereses xeoeconómicos e xeoestratégicos –no caso de Afganistán, aí están a presión exercida sobre China e a procura dunha saída ao mar para a riqueza enerxética do Asia central–, o emprego dunha violencia extrema e indiscriminada que padeceu a miúdo a poboación civil e, en fin, as agresións asestadas ao espírito e á letra da Carta de Nacións Unidas. Alguén podería explicar que tarefa de dirección, de control e de freo desenvolve, dito sexa de paso, o Consello de Seguridade no fervedoiro afgán?

Tranquilizar o país que hoxe nos ocupa pasa por cambiar drasticamente de hábitos e de querenzas no escenario internacional e por cancelar todo aquilo que, e é moito, revela designios inconfesábeis ao lado das grandes potencias de sempre. Non parece que, fanfarria retórica aparte, Obama e os seus aliados tomen boa conta diso. Así lles vai.


Carlos Taibo
Sobre o autor ou autora:
Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >