| Constitución Española e nacionalismo galego: unha visión socialista |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 14 de Setembro do 2009 | |
X. M. Beiras-. Á volta do vran do 1985 era inminente a convocatória de eleicións para a segunda lexislatura do Parlamento de Galicia. No outono do 1981 celebráranse as primeiras eleicións lexislativas galegas no marco do Estatuto de Galicia…
Á volta do vran do 1985 era inminente a convocatória de eleicións para a segunda lexislatura do Parlamento de Galicia. No outono do 1981 celebráranse as primeiras eleicións lexislativas galegas no marco do Estatuto de Galicia, recén entrado en vigor conforme ao deseño constitucional español do chamado Estado das Autonomías, que suplantara ao non-nato pacto federal, propugnado polas forzas sociais e políticas propulsoras da frustrada "creba democrática" como fórmula de artellamento da realidade plurinacional do Estado español . Ésa era mesmamente a posición do nacionalismo galego rupturista que, integrado no Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), elaborara no 1976 unhas "Bases Constitucionais para a participación da nación galega nun pacto federal" constituínte dun novo Estado democrático. Mais, como é ben sabido, non houbera creba democrática, senón "reforma política". Os tres escanos obtidos neses comicios de 1981 pola coalición do BN-PG co PSG perdéranse, ao seren expulsados os seus titulares do novo Parlamento autónomo por negárense a prometer o acatamento da Constitución esixido no Regulamento que a cámara elaborara despois de constituída. Agora o BNG, fundado en setembro do 1982, tiña que decidir se transixía con ese trámite obrigado, para non ser excluído da acción parlamentar, ou renunciaba a ela para manter intacta unha posición rupturista mália que, naquil contexto, só puidese ser testemuñal. Eu estaba a prol da primeira opción, que foi a que prosperou. Mais quixen facer pública a miña leitura do proceso que dera ao traste coa arelada "creba democrática" e a miña denuncia do fraude político que, ao meu ver, acobillaba o pacto da "reforma". Tenteino nun monllo de artigos que a prensa do entón "declinou" publicar. Editouno nun folleto a "Agrupación Cultural Alexandre Bóveda" da Coruña. A deriva política deturpadora das "nosas" institucións autonómicas que arestora andamos a padecer fíxome relembrar aquil texto. Ofrézovolo eiqui en varias entregas, tal cal fora escrito daquela, como exercizo de memória e testemuño persoal da nosa história recente, por se vos pode ser de proveito. Dedicárallo daquela a Pancho Pillado. Reitero a dedicatoria nesta reaparición. ************************* - I - A diferéncia do nazismo xermano e dos fascismos latinos, o fascismo español non morreu de morte violenta. O Estado hitleriano, o rexime mussoliniano e máis o goberno de Vichy na Francia ocupada, foron derrubados "manu militare". Os seus edificios institucionais foron esbarrullados e os seus alicerces socio-políticos desencovados e esnaquizados a resultas dunha aniquilación bélica e unha subseguinte depuración, ainda que non completa, dos seus inquilinos -desde os voláteis dos tellados até as ratas dos esgotos subterráneos. Que Albert Camus escrebese nesa época A Peste, coa sua elocuente simboloxía, non é un casual, como non o é tampouco a contemporaneidade das suas Catro cartas a un amigo alemán, aparecidas primeiro e clandestinamente en Combat, baixo a ocupación nazi. Contemporaneidade e dureza: "Deprendémos que, pola contra do que ás veces coidamos, o espírito non pode ren contra a espada, mais que o espírito xunguido á espada é o eterno vencedor da espada tirada por sí mesma" -escrebe don Alberte no 1943. Mais a vaga que asolagara ao fascismo detivérase daquela nos Pirineus. Nen o fascismo franquista nen o salazarista resultaron barridos pola maré, contra pronósticos e convicións hoxe impresas nas memórias francesas dunha Beauvoir, Simone Signoret ou a nosa paisana Maria Casares, a filla do fundador da ORGA. Os cidadáns demócratas e republicanos peninsulares, no interior ou no exílio, viron cómo os seus ideais, os seus direitos e o seu combate era atraizoados polas democrácias occidentais vencedoras do inimigo común, en aras dunha nova guerra: a chamada "fría" -e non precisamente por mor da longa invernía que así se ía prolongar tres decénios máis sobre dos pobos da Península. Nen sequer foi recompensado políticamente o heroísmo dos demócratas republicanos socialistas, comunistas ou anarquistas, nen o dos loitadores nacionalistas galegos, vascos ou cataláns, que despois da resisténcia militar da II República ainda tiveran folgos e carraxe para combateren alén os Pirineus frente aos nazis na Resisténcia francesa, nos servicios secretos e de enlace que empregaban o euskera como código críptico, nos carros de combate que liberaron Paris, ou aquén ese montes na guerrilla anti-fascista que na Galiza seguiu en pé até os anos cincuenta. Demócratas, revolucionários e nacionalistas que ainda hoxe bradan no alén polo restabelecimento dunha xustícia histórica e non somente tal que segue sen serlles devolta. Quén fala hoxe deles nos Parlamentos celtibéricos, quén defende realmente os seus ideais, os ideais polos que eles loitaron até a morte? Qué xustícia política se fai hoxe ás camadas sociais e máis aos pobos que eles encarnaban daquela na loita pola liberdade sen máis adxectivos e sen cancelas? O fascismo español durou trinta anos máis, até o esgotamento biolóxico dos seus faraóns, e ainda que non foi agredido militarmente nunca máis, el si que morreu matando: ainda acaba de pasar en siléncio case completo o décimo cabodano dos fusilamentos de setembro do setenta e cinco, decretados por un vello merdallán tiránico ás portas da sua própria agonía. Escoitádeme en castelán por unha vez: "avive el seso y despierte". Cómo podería eu ollar á cara dos meus fillos adolescentes, que xa os teño, se esquecese, na mente e na prática, esta história que é tan deles como miña, a história na que se fundamenta o que de positivo poda ter o presente que estamos a viver? - II - Ás portas do setenta e sete -ese ano de cifras hebraicas, hoxe muro das lamentacións tamén el para os que fixeran a travesía do deserto español- o panorama socio-político interno no "solar hispano" deseñábase asi: dous eixos dinámicos vertebraban o proceso de demolición do Estado fascista, a saber, a loita do proletariado que, através do movimento obreiro, inflixía derrotas crecentemente graves á base social do rexime fascista e gañaba acumulativamente espácios de liberdade real e prática ainda a costa de sangue traballador como o vertido na Ponte das Pías ferrolan; e máis o combate nacionalista dos pobos sen Estado de Euskadi, Galiza e Catalunya, que, á par de combinarse solidariamente co movimento obreiro, feria de morte o aparello de Estado unitário fascista e burgués. A oposición democrática ao fascismo español -tal seguía a ser o franquismo, arrombemos dunha vez eufemismos panximiqueiros- era tan consciente dese dobre feito cardinal no proceso político de entón, que suscrebía sen pestanexar as reivindicacións primordiais de uns e outros, traballadores e nacionalistas, do movimento obreiro e das nacións sen Estado, mesmo cando non eran as suas próprias por mor da ubicación na estrutura de clases ou no des-concerto dos pobos peninsulares: pequena burguesía demócrata, no primeiro caso, e cidadáns non "periféricos" do Estado, no segundo. E digo ben que as suscrebían, non que as asumisen coa determinación de facelas suas por identificación ou por solidariedade na prática política futura. Botade unha ollada aos documentos clandestinos da época, á prensa internacional daquel tempo, e, mesmo, a partir do chamado "destape", á própria prensa do interior. Todos os que hoxe se pasaron de rosca -involutivamente, enténdese, ou sexa, que recuaron públicamente- suscrebían entón pontos reivindicativos cruciais deses dous grandes inimigos internos do Estado fascista: sindicalismo de clase e unitário, no movimento obreiro; autodeterminación e soberanía dos pobos galego, vasco e catalán, no frente nacionalista "periférico". Eran postulados básicos e innegociábeis da democrácia que se loitaba por estabelecer, pontos esenciais da quebra democrática liquidadora do rexime fascista. Por qué eses pontos esenciais, por riba de seren arrombados sen escrúpulos no proceso de "transición", se converteron en cocóns e fantasmas shakesperianos -hamletianos ou macbethianos, como gostedes- do sindicalismo e a política oficiais, respectivamente, do presente? Por qué eses dous grandes inimigos do Estado fascista son apresentados agora, de xeito subliminal ás veces, descarado moitas outras, como inimigos ou ameazas para o Estado democrático? Eu son, persoalmente, testemuña involuntariamente cualificado deses feitos todos, da veracidade deses posicionamentos, no campo democrático socialista. Algo sei, logo, do asunto. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| Seg. > |
|---|

X. M. Beiras-. Á volta do vran do 1985 era inminente a convocatória de eleicións para a segunda lexislatura do Parlamento de Galicia. No outono do 1981 celebráranse as primeiras eleicións lexislativas galegas no marco do Estatuto de Galicia…
