Manoel Santos-. Falamos con Silvia Ribeiro, investigadora e responsábel de programas do Grupo ETC en México.
Biopiratería, xeoenxeñería, nanotecnoloxía, transxénicos, bioloxía sintética, agrocombustíbeis… unha rede de poderosas transnacionais xogan a rachar as regras da natureza. silvia ribeiro está entre as meirandes expertas mundiais na loita contra estas nocivas prácticas.
Traballas en México, que vén de estar no centro da atención mundial por causa da chamada gripe porcina. Pouco se fala na prensa hexemónica da relación entre ese A/H1N1 e a cría industrial de animais. E menos aínda dos efectos destes métodos sobre a vida dos campesiños e campesiñas. Cal é a túa reflexión respecto diso? Eu creo que a gripe porcina, amais da gravidade do feito en si mesmo para quen a sofren, é unha mostra clara dun aspecto das crises múltiples que vivimos, do que pouco se fala: a crise da saúde. Oímos falar das crises económicas e financeiras, que parecen opacar nos titulares a outras moitas máis graves, como a alimentaria, a climática e a ambiental, pero case non se fala da crise de saúde, que é unha consecuencia lóxica e gravísima do modelo imperante.
A gripe porcina é un bo exemplo disto, a pesar de que até a OMS se fixo cómplice das empresas cambiándolle o nome ao aséptico “gripe A/H1N1”, para desvinculala da cría industrial de porcos. Con todo, o virus estaba presente en porcos de establecementos industriais en Estados Unidos dende hai unha década, aínda que non se coñecían casos de contaxio a humanos e entre humanos, pero houbo varias alertas de virólogos que dicían que isto podía acontecer en calquera intre, pola alta taxa de recombinación dos virus, pero sobre todo, porque a cría industrial confinada de animais acelera e intensifica este proceso. Non é o único factor, pero é clave na orixe da actual epidemia e as que veñen, porque os porcos actúan, máis que outras especies, como “crisol” para a recombinación de novos virus. As condicións de amoreamento de milleiros de animais onde circulan diferentes cepas de virus que poden infectar á vez ao mesmo animal, a tensión, as frecuentes vacinacións con antivirais e antibióticos, a exposición continua a praguicidas para combater os parásitos e insectos que pululan nesas instalacións, exacerban esta capacidade. Non se trata só dos porcos, tamén da cría industrial de polos e gando, que teñen un efecto similar. Os porcos son particularmente receptivos a virus doutras especies, e por iso, foi na cría industrial de porcos onde se xerou este virus. Pero xa tiñamos o antecedente da gripe aviaria, que ten a mesma matriz de formación. De seu, o virus da gripe porcina ten segmentos de gripe porcina, de gripe aviaria e de gripe humana. E unha outra cara, como ti mencionas, é o desprazamento dos pequenos criadores, dos campesiños e campesiñas, que poden producir alimentos de forma sa, sen xerar estas doenzas. Por suposto, os porcos dun labrego poden contraer o mesmo virus, pero se así fora, non o diseminarían de xeito masivo, porque serían poucos animais. Ademais, a cría familiar non acelera a mutación, porque os animais están en condicións moito mellores, e non están bombardeados dende que nacen con antivirais e antibióticos, como acontece na cría industrial. En México, onde se supón que iniciou a gripe que agora é definida como pandemia global, a cría industrial de animais a grande escala, desenvolveuse xunto co Tratado de Libre Comercio de América do Norte (TLCAN), porque entón as grandes empresas de cría industrial de porcos e polos invadiron o campo mexicano, desprazando moitos criadores pequenos. Trasládanse a México en parte pola crítica e multas a que empezaron a ser sometidas en Estados Unidos –pola devastación ambiental que levan–, pero ademais porque o TLCAN lle abre a porta, até subsidiándoas ao non ter que pagar varios impostos, ademais que a man de obra e a terra é máis barata. O lugar onde se sitúa ao chamado “paciente cero” da gripe porcina, é un poboado en Veracruz, achegado a Granxas Carroll, que é propiedade maioritaria de Smithfield, a maior produtora de carne de porco industrial do mundo. En Granxas Carroll críanse case un millón de porcos por ano. En pouco máis dunha década, os grandes criadores industriais de porcos apropiáronse de case a metade do mercado mexicano. Como dixo Mike Davis, o máis perigoso de todo son os porcos con traxe. En Estados Unidos, en 1965 había 55 millóns de porcos en máis dun millón de granxas; hoxe existen 65 millóns, concentrados en 65 mil instalacións, a metade das cales teñen máis de 5 mil animais. Ou sexa, a produción non aumentou tanto, o que desapareceron foron os pequenos criadores. “En esencia –dinos Davis– trátase dunha transición desde os pequenos chiqueiros cara a vastos infernos de excremento, de natureza sen precedente, nos que centos de milleiros de animais con sistemas inmunes debilitados sufócanse entre a calor e o esterco e intercambian patóxenos a velocidade de vertixe cos seus compañeiros de presidio e as súas patéticas proxenies.” Ti mesma definiches a cuestión como “epidemia de lucro”. Son os virus un negocio máis? Quen se lucra con todo isto e que fan os gobernos respecto diso? En primeira instancia, é un gran lucro para os criadores industriais de animais. Pero xa na enfermidade, é un tremendo negocio para as empresas farmacéuticas. Xa antes da gripe porcina, as empresas farmacéuticas estaban logrando grandes lucros coa venda de vacinas para adultos, que no 2007 superou por primeira vez a venda de vacinas pediátricas a nivel global. As vacinas para a gripe son un gran negocio porque os virus mutan todo o tempo, entón as empresas ven nisto unha fonte interminábel –digamos cínicamente “renovábel” de ganancias. En 2008, cinco empresas farmacéuticas controlaban o mercado mundial de vacinas: Merck, GlaxoSmithKline, Sanofi Pasteur –a división de vacinas de Sanofi Aventis–, Wyeth –agora propiedade de Pfizer– e Novartis. As catro máis grandes controlan o 91,5% do mercado mundial. As empresas que están máis adiantadas na carreira para xerar unha nova vacina para a gripe porcina, son xustamente Glaxo –en colaboración con Baxter–, Novartis e Sanofi Pasteur, que serán os grandes gañadores. Hai outras produtoras de vacinas algo menores, que tamén están no negocio coa gripe porcina, por exemplo Novavax e Medinmune –de AstraZeneca. O enfoque da vacinación masiva contra a gripe porcina, que xa se impuxo en varios países europeos e en Estados Unidos, non será moi útil para a saúde pública, xa que o virus seguirá mutando –até o máis probable é que estas campañas aceleren a mutación– pero as compras gobernamentais a esas empresas son un negocio espectacular para elas. Peor aínda, coa histeria construída oficialmente de vacinar a todo o mundo, estase procesando aprobacións en fast-track de novos métodos de elaborar vacinas que non foron realmente avaliados e poden ter consecuencias moi perigosas, xa que son métodos experimentais que, por certo, na maioría dos casos implican o uso de organismos transxénicos e virus manipulados, agregando novos riscos descoñecidos até agora. Ningunha destas políticas dirixidas aos síntomas, toca as causas que levan ao xurdimento de novos patóxenos, garantindo que o proceso seguirá tal como viña. Para peor, como moitos sinalaron, a gripe porcina nin sequera está entre as doenzas que máis mortes causan no mundo, pero si é unha das que máis drenará os recursos públicos a favor das transnacionais.
Biopiratería, bioloxía sintética, xeoingeniería, nanotecnoloxía, transxénicos, agrocombustíbeis? Xogamos demasiado coa natureza, coa vida? Definitivamente están xogando demasiado coa vida, incluíndo a vida do planeta, pero non “xogamos”, o plural é demasiado amplo. Son sobre todo os grandes intereses comerciais transnacionais, que ademais teñen unha enorme inxerencia na investigación científica, no desenvolvemento de novas tecnoloxías e nos gobernos. En case todos os casos mediado por diñeiro, que se presentan como “subsidios” das empresas, pero en realidade son xeitos baratos para as corporacións de acceder e beneficiarse da infraestrutura, recursos e formación académica dos sectores públicos. O famoso e controvertido xenetista Craig Venter, que logrou a súa sona por encabezar a parte privada do secuenciamento do xenoma humano, agora está construíndo microbios artificiais con bioloxía sintética, ou sexa, construídos artificialmente dende cero, para producir combustíbeis e outros materiais. Cando a prensa lle preguntou se estaba a xogar a ser Deus, Venter contestou: “Non estou xogando”. A súa arrogante resposta é unha boa mostra da mentalidade que impera no complexo científico-industrial das novas tecnoloxías: non se trata de ver cales son as causas dos problemas para resolvelos, senón aproveitar as crises e os desastres como novas fontes de negocios, aínda que coas “solucións” propostas se ameace aínda máis o ambiente, os ecosistemas, a saúde, a vida. Como di Craig Venter, non están xogando, só están facendo diñeiro á conta de todo e todos os demais. Por certo, Craig Venter instalouse en Valencia co seu barco-laboratorio até 2010, apoiado por autoridades locais, para “aproveitar” a biodiversidade microbiana das costas mediterráneas para os seus experimentos. Sería interesante coñecer de que forma o que fai non debe ser considerado biopiratería. E cales consideras que son os xogos máis perigosos. A tecnoloxía terminator e os transxénicos, as patentes de sementes? Podes pór algún exemplo? É difícil contestar esta pregunta, porque todas as novas tecnoloxías e as políticas que as acompañan –como as patentes– levan riscos considerábeis, non só ao ambiente, senón tamén ás culturas e formas de vida que posibilitan a vida no planeta, como os labregos e labregas. Se cadra o máis perigoso sexa a converxencia das novas tecnoloxías, o que en ETC chamamos un novo "BANG", parafraseando ao Big Bang. Trátase da converxencia dos Bits, Átomos, Neurociencias e Xenes, ou sexa "BANG". O goberno de Estados Unidos chámao a converxencia NBIC, Nanotecnoloxía, Biotecnoloxía, Informática e Ciencias Cognitivas. Desas tecnoloxías, a nanotecnoloxía é a plataforma de desenvolvemento de todas as outras. En termos inmediatos, quizáis o máis perigoso polos alcances vastísimos que tería, son as propostas de xeoingeniería, é dicir, a manipulación do planeta no seu conxunto, ou de grandes pedazos do planeta ou ecosistemas enteiros, para, teoricamente, frear o cambio climático. Pero por outra banda, o impacto do avance dos transxénicos significa entregar definitivamente a soberanía alimentaria a un feixe de transnacionais, xa que todos os transxénicos están patentados e son propiedade de seis empresas. Isto ademais dos problemas ao ambiente e a saúde. Entregar a soberanía de sementes, é darlle a esas empresas a chave de toda a rede alimentaria. E ninguén pode vivir sen comer. Como cada vez hai transxénicos máis perigosos, porque teñen máis xenes apilados –e son xa que logo máis inestábeis– ou polas propostas de grandes plantacións de árbores transxénicas, que implican unha contaminación a grandes distancias e por décadas, as empresas volveron presionar para introducir a tecnoloxía Terminator, para facer sementes suicidas, ou sexa, estériles en segunda xeración. Terminator non servirá para conter a contaminación, pero asegura ás empresas que todos teñan que comprarlles sementes para a vindeira sementa, garantindo a bioescravitude. A escalada tecnolóxica que segue aos transxénicos é a bioloxía sintética ou como dicimos no Grupo ETC, a enxeñería xenética extrema, que é producir organismos vivos sintéticos ou alterar con ADN sintético os seus pasos metabólicos. A diferenza dos transxénicos, que toman xenes de seres que existen e os insiren noutros seres que existen, a bioloxía sintética proponse crear xenes e seres vivos artificiais, totalmente creados en laboratorio. O obxectivo é empregalos para acelerar os procesos de extracción de azucres presentes en toda a biomasa, a súa fermentación e a súa conversión en químicos, polímeros e outras substancias. Os insumos desta nova industria son calquera fonte de biomasa, como cultivos agrícolas e forestais, pastos, algas, etc., co obxectivo de producir combustíbeis, plásticos, tinguiduras, cosméticos, fármacos, adhesivos, téxtiles e moitos produtos máis. O uso deste tipo de microbios vivos artificiais leva un aumento exponencial dos riscos e problemas que expón os transxénicos ao ambiente e á saúde. Outra grave consecuencia inmediata, é unha disputa de terras aínda máis agresiva, para usar a biomasa natural ou cultivala para satisfacer a demanda de insumos desta nova forma de produción. Non se trata de ciencia ficción ou proxectos a futuro. As empresas máis poderosas do planeta teñen importantes investimentos en bioloxía sintética e proxectos de produción en marcha en Estados Unidos e Brasil. Os nomes das empresas de bioloxía sintética non nos resultan moi coñecidos. Son por exemplo Amyris, Athenix, Codexis, LS9, Mascoma, Metabolix, Verenium, Synthetic Genomics e outras. Pero quen están detrás ou asociados con elas son as principais petroleiras (Shell, BP, Marathon Oil, Chevron); as empresas que controlan máis do 80% do comercio mundial de cereais (ADM, Cargill, Bunge, Louis Dreyfus); o oligopolio de sementeiras e produtoras de transxénicos e agrotóxicos (Monsanto, Syngenta, DuPont, Dow, Basf, Bayer); as maiores farmacéuticas (Merck, Pfizer, Bristol Myers Squibb), xunto a outras como General Motors, Procter&Gamble, Marubeni, papeleiras, forestais e outras.
A loita contra os transxénicos xerou moita información, con todo hai cuestións, como a nanotecnoloxía, que se escapan á opinión publica. Que é iso da nanotecnoloxía? A nanotecnoloxía é a manipulación intencional da materia –viva ou inerte– a escala do nanómetro, que é a millónesima parte dun milímetro. A diferenza da biotecnoloxía, que indica a manipulación da vida, a nanotecnoloxía fálanos dun tamaño, dunha escala. A escala nanométrica, cambian as propiedades físicas e químicas da materia, porque actúan o que se coñece como efectos cuánticos. A esa escala –por baixo de 100 a 300 nanómetros segundo quen o defina– os materiais cambian as súas propiedades de resistencia, conductividade eléctrica, reactividade. Actualmente hai no mercado máis de 800 liñas de produtos baseados en nanotecnoloxía, que van dende cosméticos, alimentos e estoxos, lavarroupas e outros artefactos domésticos, produtos para bebés, vestimenta, varios praguicidas, varios usos médicos e farmacéuticos, ademais de moitos novos materiais para construción de casas, autos e avións. A nanotecnoloxía revolucionou tamén a telefonía e a computación, ao permitir o uso de procesadores moito máis pequenos. En fin, cando se describen todos os seus usos parece algo moi positivo, pero xa hai algúns centos de estudos científicos que mostran que as nanopartículas e os nanocompostos teñen un alto potencial de toxicidade para os seres vivos. Nalgúns casos pode ser debido aos materiais empregados, pero o máis tremendo é que máis aló do que se use, parece ser que é o tamaño o que comporta máis riscos: o sistema inmunolóxico dos seres vivos non ten xeito de detectar as nanopartículas sintéticas e xa que logo pasan inadvertidas, con potencial para danar o ADN, formar tumores, até pasar da nai ao feto a través da placenta, atravesar a barreira hemato-encefálica do cerebro, cravarse nos pulmóns causando un efecto similar ao do asbestos. Tamén se comprobou que hai nanopartículas que deteñen o crecemento dos cultivos e son tóxicas para os microorganismos do chan e auga. Con todo, aínda que hai discusións en marcha en varios países, incluíndo a Unión Europea, non hai regulamentacións aplicábeis á nanotecnoloxía en ningún lugar do mundo, e os gobernos seguen permitindo a súa comercialización –mentres tanto. No Grupo ETC expomos a necesidade dunha moratoria inmediata a todas as aplicacións da nanotecnoloxía desde o 2003, pero os gobernos optaron por un principio de precaución “invertido”: mentres haxa enormes incertezas científicas e descoñecemento do público, que nada preveña ás empresas para seguir usando a todos como os seus coellos de indias. E a xeoingeniería? É certo, por exemplo, que hai quen trata de fertilizar os océanos? Como mencionei antes, isto é gravísimo porque se está expondo como alternativas para manexar o cambio climático. Como ningún goberno cre que as negociacións internacionais van lograr parar o cambio climático, que cada vez está peor, hai moitos científicos expondo proxectos de xeoingeniería como a “única solución”, aínda que implique riscos enormes. E por suposto, moitas empresas ven nisto outra fonte de zumentos negocios. Entre as propostas de xeoingeniería está a de “imitar” erupcións volcánicas, lanzando millóns de globos con compostos azufrados –outra vez, con nanopartículas– para tapar os raios do sol. As partículas logo caerían á terra provocando a morte prematura de medio millón de persoas, pero Paul Crutzen, o premio Nobel de química que o propuxo, considera que co cambio climático tamén morrería moita xente…! A fertilización oceánica trátase de arroxar ao mar nanopartículas de ferro ou urea, para provocar florecementos súbitos e masivos de plancto, que teoricamente absorberían dióxido de carbono e levaríano ao fondo do mar. Houbo 13 experimentos patrocinados por gobernos, pero tamén hai tres empresas que o promoven comercialmente: venden “créditos de carbono” que outras empresas ou individuos compran para que se “fertilice” o mar e absorba dióxido de carbono. Con todo, hai estudos en revistas científicas como Nature e Science, que mostran que o carbono volvería á superficie, afectaríase gravemente as cadeas tróficas do mar e xeraríase falta de osíxeno e nutrientes noutras capas do océano, ademais de potencialmente provocar o xurdimento de algas daniñas e moitos outros efectos sobre o mar e costas, incluíndo a disrupción dos sistemas de pesca artesanal. Neste caso particular, logramos en 2008 que o Convenio de Diversidade Biolóxica de Nacións Unidas declarase unha moratoria contra a fertilización oceánica, pero as empresas empeñadas en facer disto un negocio –por exemplo Climos– están cabildeando fortemente para revertela. Un problema xeral de todas as propostas de xeoingeniería, é que por definición deben ser a gran escala –pola contra, non terían ningún efecto sobre o clima–, e que ao ser iniciativa dalgúns gobernos e empresas, necesariamente outros países que non paguen por elas van sufrir as consecuencias dos seus impactos. Lamentabelmente hai moitas máis propostas, como extensas plantacións de árbores tránsxenicas e artificiais, espellos na atmosfera, e “biochar” ou produción de carbón vexetal a grande escala que sería enterrado nos chans como fertilizante –aínda que xa se sabe que até podería liberar o carbono natural do chan. Todas as propostas teñen o compoñente de arriscar o equilibrio natural dos ecosistemas e desarranxar máis o clima, impactando a outros –ou até aos mesmos que o fan. É a propiedade intelectual unha inimiga do planeta? Por que? Os sistemas de propiedade intelectual son un invento típico do capitalismo para lograr ganancias extraordinarias, adicionais ou complementarias aos monopolios e oligopolios de mercado, que nada teñen que ver co recoñecemento social aos que crean algo en particular. O coñecemento –base de todas as “invencións”– é un ben común, todos baseámonos en coñecementos doutros sempre e somos interdependentes. A idea de privatizar este fluxo recíproco inherente e básico para a subsistencia das sociedades humanas é absurda e perversa, son en realidade sistemas para privatizar e excluír do acceso social aos recursos e coñecementos, transformándoos en mercadorías de quen poida pagalos. As patentes, un dos seus expoñentes mais extremos, son un bo exemplo de como funciona: o 97 por cento das patentes no mundo están nos países da OCDE, e o 90 por cento son propiedade de empresas transnacionais. Máis demostrativo é que as dúas terzas partes do que se patenta nunca chega a usarse: só se patenta para impedir que outros poidan acceder ao obxecto da patente. Patentar seres vivos, como sementes, plantas, animais e até os códigos xenéticos, é aínda máis absurdo, xa que claramente son bens comúns. Coa nanotecnoloxía até se están patentando os elementos da táboa periódica. Tamén dixeches que a nosa civilización está en guerra contra os campesiños do mundo. E como poden as comunidades campesiñas loitar contra xigantes como Monsanto? Está en guerra e é unha guerra suicida, porque o capitalismo cada vez expulsa máis xente do campo, contamina, destrúe e esgota os seus recursos, aínda que os campesiños, indíxenas, pescadores artesanais, comunidades locais, son quen seguen coidando e producindo os elementos básicos para a subsistencia de todos –a nivel global unha enorme diversidade de sementes e animais domésticos, plantas medicinais, fibras, ademais do coñecemento sobre uso de moitos recursos silvestres, dos ecosistemas e como coidalos, do chan, a auga. Isto non só “para eles”, porque a diversidade é a base de todos os sistemas vivos, incluíndo, por suposto, os humanos. Todo o que comemos e usamos para a nosa saúde baséase na diversidade que produciron –e seguen a producir– os labregos, labregas e indíxenas. É unha ilusión que poderiamos vivir da uniformidade da agricultura industrial, por exemplo. Se non se renovase constantemente a base xenética deses cultivos, desaparecerían en certo tempo. Ademais, obxectivamente, os campesiños e pequenos produtores do mundo producen a maior parte da alimentación da humanidade. Fronte ao cambio climático, os que teñen e coñecen millóns de variedades adaptadas a miles de microclimas e situacións xeográficas son os campesiños. A soa existencia das comunidades campesiñas é unha loita contra Monsanto e as transnacionais. Creo que é responsabilidade de todos, non só dos campesiños e campesiñas, recoñecer a importancia desta forma de vida e loitar xuntos contra Monsanto –dende a información, a denuncia e as campañas até buscar formas cotiás de solidariedade, incluíndo redes e mercados locais, que nos permitan saír da dependencia cos agronegocios e os supermercados. É un camiño o que facedes no ETC Group? que insistides moito en dar nomes e apelidos das corporacións que concentran o poder da “industria das ciencia da vida”. Cales son os vosos principais campos de acción respecto diso? Esperamos que o que facemos sexa útil, pero teño claro, como di aquí un sabio do pobo huichol, que “só entre todos sabemos todo”. Nós investigamos, analizamos e difundimos información sobre a concentración corporativa e as súas estratexias, como unha forma de contribuír a entender o contexto onde nos movemos. Xustamente, unha das formas que ten o poder para que a xente sexa pasiva fronte a todo o que acontece é que non entenda e non poida ver o contexto xeral. Tamén analizamos e informamos sobre as novas tecnoloxías e os seus impactos sobre as sociedades. Por exemplo, fomos das primeiras organizacións –nese entón co nome de RAFI– que informamos a nivel global sobre os transxénicos, sobre o patentamento de seres vivos e liñas celulares humanas, sobre biopiratería, e máis recentemente sobre outras novas tecnoloxías. Todo o que facemos está dispoñible en inglés e castelán na nosa páxina www.etcgroup.org . Tamén traballamos directamente con outras organizacións e movementos en obradoiros e campañas e levamos os temas a algunhas instancias internacionais para tratar de parar algúns dos efectos máis nocivos. Non sempre temos eco, pero por exemplo, logramos que se establecese unha moratoria á tecnoloxía Terminator e outra á fertilización oceánica no Convenio de Diversidade Biolóxica. Tamén traballamos polo recoñecemento dos dereitos dos agricultores na FAO e contra a privatización da sementes. De todos os xeitos sabemos que o fundamental é que a información chegue aos máis afectados e á base das sociedades, a nosa contribución é xerar información e compartila con outras organizacións e institucións. Que relación tendes no ETC Group cos movementos campesiños? Temos relación con moitos movementos sociais, campesiños e outros, e esperamos que o noso traballo de información sexa útil para movementos que cremos fundamentais na conxuntura actual, por exemplo A Vía Campesina. En México participamos especialmente na Rede en Defensa do Millo Nativo, que está constituída por máis de 350 comunidades e organizacións indíxenas e campesiñas. Cal é o grao de concentración corporativa na industria biotecnolóxica e cales consideras que son os perigos desta concentración? Nas últimas dúas décadas houbo unha concentración corporativa vertixinosa en todos os sectores que tocan a agricultura e a alimentación, desde as sementes aos supermercados. Hai só 30 anos, só o 5 por cento da sementes comerciais estaba baixo propiedade intelectual –e a maioría eran plantas ornamentais. Hoxe o 82 por cento do mercado global de sementes está baixo propiedade intelectual e nese rubro, as 10 empresas máis grandes acaparan o 67 por cento do mercado. Entre só 3, Monsanto, Syngenta, DuPont-Pioneer, teñen o 47 por cento. Estas tres están tamén entre as 10 maiores de agroquímicos que teñen en total o 89 por cento do mercado. Pero se vemos só as sementes transxénicas, seis empresas teñen o control do 100 por cento do mercado e unha soa, Monsanto ten o 88 por cento. Isto é un grao de monopolio que non ten comparanza na historia da agricultura, e en xeral, na historia de todas as industrias. O único caso dun monopolio similar é o de Bill Gates con Microsoft. Non é estraño que agora ambos coincidan no seu intento de introducir transxénicos en África, teñen a mesma mentalidade. Os altos graos de concentración de mercado, repítense en toda a cadea alimentaria. Non me gusta usar a expresión “cadea”, porque é unha rede, pero cando está en mans das transnacionais transfórmase realmente nunha cadea: cada vez teñen máis poder para decidir que se planta, que comemos, que (falta de) calidade terá, etc. Os cultivos transxénicos son a expresión maior deste control corporativo: están todos patentados e inevitabelmente contaminan aos demais cultivos –o cal muda nun delito para as vítimas, porque se lles acusa de ‘uso indebido’ dos seus xenes patentados. En lugar dunha “opción” para quen os queira, como din as empresas que os promoven, son os cultivos máis imperialistas da historia. Aféctalle a esta industria a crise, ou quizá lle beneficia, como no caso da crise alimentaria? Todos os agronegocios, desde as sementeiras, os fabricantes de agrotóxicos, incluíndo fertilizantes sintéticos e as grandes cerealeiras tiveron ganancias altísimas dende que se revelou a crise alimentaria no 2007, moito maiores que en anos anteriores. Gañaron coa suba e especulación dos prezos dos alimentos, pero tamén coa venda de grans para agrocombustíbeis –co que podían especular aínda máis producindo maior escaseza de alimentos e prezos máis caros–, coa venda de insumos químicos e até coa vendas de cereais para “axuda alimentar” nos lugares de catástrofe. Son verdadeiros voitres do fame. Ao teu xuízo, ten cabida a soberanía alimentar nun mundo capitalista? Que tería que pasar para que camiñásemos cara aí? Quiza constitucións como a de Ecuador? Ou tampouco. A pesar de todo o que describín sobre o poder das corporacións agroalimentarias, o 85 por cento da comida prodúcese preto de onde come, e a maioría das sementes seguen en mans dos campesiños. Isto é unha base fundamental e hai que pelexar por mantelo e amplialo. A soberanía alimentar sempre vai ser atacada polas transnacionais que buscan ser as donas de todo o mercado alimentar, porque é o máis grande do planeta e ademais non se pode vivir sen comer. Por iso mesmo é necesario porlles freo –como mínimo– a nivel dos países que teñen a vontade política para iso. Creo que o caso de Ecuador é un precedente importante, aínda que lamentabelmente e contra a vontade do pobo e o Congreso, o presidente Correa vetou algúns artigos, xustamente cedendo ás presións dos grandes latifundistas e os agronegocios. En calquera caso necesitamos estar organizados desde abaixo para poder controlar que se se logran medidas lexislativas, sexan a favor da soberanía alimentar, dos campesiños, das maiorías, e que se cumpran. É posible un mundo baseado na pequena e mediana agricultura campesiña ou sempre imos necesitar, como afirman os defensores do sistema neoliberal, novas revolucións verdes? Aínda que dende as cidades sexa difícil visualizalo, xa vivimos nun mundo baseado na pequena e mediana agricultura campesiña, que son quen alimentan á maioría da poboación do planeta. Até en moitas cidades do planeta, hai un grao importante de agricultura urbana, a cargo na súa maioría de campesiños que deberon emigrar ás cidades. Estímase que entre un 15 e un 20 por cento dos alimentos prodúcense en cidades, e máis de 800 millóns de habitantes urbanos participan nalgunha forma de agricultura. Publicamos máis datos sobre isto, sobre a concentración corporativa e outros temas que mencionei nun informe do Grupo ETC de decembro 2008 titulado “De quen é a natureza?”. A revolución verde aumentou o volume de cereais producidos por hectárea, pero ao mesmo tempo aumentou máis a pobreza, os famentos e os desnutridos a nivel global. De paso produciu unha monstruosa contaminación de augas e erosión de chans e facilitou a toma do mercado polas corporacións. Ademais a agricultura industrial e o cambio de uso de chans son factores moito máis graves de cambio climático que o transporte, que é o máis coñecido. As mesmas empresas que crearon e se beneficiaron con esta desfeita, que agora aumentaron inmoralmente as súas ganancias coa crise alimentaria, nos recetan máis dos mesmo. Ou peor, estender aínda máis a agricultura industrial, transxénica e contaminante, para seguir gañando. Non só é posible un mundo baseado na agricultura campesiña, diversa e descentralizada, é imprescindíbel. E é tarefa de todos apoiar a quen, como A Vía Campesina, o seguen a practicar e defender.
PerfilA uruguaia Silvia Ribeiro é investigadora e coordinadora de programas do Grupo ETC en México. Foi coordinadora de campañas ambientais en Uruguai, Brasil e Suecia. Como representante da sociedade civil, seguiu as negociacións de tratados ambientais da ONU. É experta en transxénicos e novas tecnoloxías, concentración corporativa, propiedade intelectual, dereitos indíxenas e campesiños. Escribiu gran número de artigos, publicados na rede e en inumerábeis revistas e libros. É columnista do diario La Jornada en México e membro do comité editorial da revista Biodiversidad, sustento e culturas, publicada en sete países latinoamericanos, da revista Ecología Política e outras.
Grupo ETC Grupo de Acción sobre Erosión, Tecnoloxía e Concentración. Dedícase á conservación e promoción da diversidade cultural e ecolóxica e os dereitos humanos. Promove o desenvolvemento de tecnoloxías socialmente responsábeis que sirvan aos pobres e marxinadose, traballa en cuestións de gobernanza internacional e poder corporativo. A forza do Grupo ETC atópase na investigación e análise da información tecnolóxica –recursos xenéticos das plantas, biotecnoloxías, diversidade biolóxica, etc.–, e no desenvolvemento de opcións estratéxicas relacionadas coas ramificacións socioeconómicas das novas tecnoloxías. +INFO: www.etcgroup.org
|