| Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista (e IV) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 04 de Outubro do 2009 | |
|
X. M. Beiras-. Unha constitución non é máis ca un documento onde se plasma un modelo político de estruturación da sociedade resultante dun proceso constituinte. -V- Perguntarédesvos: e a Constitución española? Como certos personaxes dos esperpentos, está presente no ambiente e na trama sen se facer ver apenas. En Luces de bohemia de Valle-Inclán, hai nun intre dado unha anotación de acción, práticamente irrepresentábel, que reza: "Atravesa a escena un gato que berra ¡viva España!" -ainda mo recordaba o outro dia Pancho Pillado. É natural. Unha constitución non é máis ca un documento onde se plasma un modelo político de estruturación da sociedade resultante dun proceso constituinte. O proceso constituinte acontece no seo da sociedade mesma como colectividade viva e en movimento, non nun salón ou cámara determinados. O proceso constituínte da Iª República francesa, vertido na declaración universal dos "droits de l"homme et du citoyen" e na primeira constitución democrático-burguesa da Europa continental, foino a Revolución Francesa do 1789-92. O proceso constituinte da Unión Soviética, primeira federación de repúblicas socialistas na história do planeta, foino a revolución bolchevique de Outubro no 1917. O da Constitución portuguesa hoxe vixente, ainda e pésia todo, foino o proceso revolucionário que se desata co golpe militar progresista do 25 de abril do 1974 e culmina nos gobernos provisórios presididos por Vasco Gonçalves. E o da actual constitución española do 1978 estámolo a ver reflexado aqui através dun prisma que fixen esplícito desde o mesmo título: o dun socialista que loitou desde a adolescéncia até hoxe no frente do nacionalismo galego, quer dicer, na vanguarda do proceso histórico-político de autodeterminación do pobo galego, pobo que constitui unha nación sen Estado en curso ascendente de accesión á plena conciéncia colectiva da sua identidade como nación, e conseguintemente de loita polo exercício da sua soberania -se empregamos, para entendernos, este termo nado nas suas connotacións semánticas contemporáneas na mesma revolución francesa precisamente. A identidade nacional da Galiza, a sua existéncia histórica como nación na dimensión sociopolítica do termo -non na superestrutural que é sempre unha "excrecéncia, nunca de seu un fenómeno estrutural na sociedade- estivo sempre en contradición co feito xurídico-político -superestrutural, logo- do Estado español. Esa contradición, sempre existente, agudizouse na história a partir da forma moderna e borbónica de Estado unitário centralista desde o XVIII, e agravouse co Estado centralista español burgués, por duas razóns primordiais: unha, o desenvolvimento capitalista para o que ese Estado foi o instrumento superestrutural que, mutatis mutandis, serviu aos mesmos fins cardinais en toda a história contemporánea de Europa, pero que ao actuar sobre da base económica galega converteuna ademáis nunha colonia "interna"; outra, o despertar e desenvolvimento que desde o XIX experimentou a conciencia nacional -se queredes, o "volkgeist", nas formulacións teóricas europeas da época- na conciencia social de Galiza. A agravación e agudización desa contradición acada o seu cume histórico coa fase franquista de Estado español totalitário e fascista. Por outra banda ese fenómeno, nos seus termos xerais, non se dá somente coa realidade nacional galega, senón tamén coas outras englobadas no espácio territorial e político dese Estado español: Euskalherria e máis Catalunya -ou, nun senso lato, os Países cataláns. O fascismo, coa sua concepción totalitária do Estado e a sua abafante presión represiva sobre das liberdades de calquer caste, agudiza non só as contradicións de clase na sociedade "española", senón tamén as contradicións nacionais, quer dicer, entre o Estado unitário e anti-democrático e a realidade plurinacional da sua base de asentamento. De aí mesmamente que os vectores primordiais da dinámica socio-política anti-fascista sexan o movimento obreiro -loita de clase do proletariado- e os nacionalismos "periféricos" -loita das nacións asoballadas pola sua autodeterminación. A liquidación do rexime franquista, ou sexa, o desmantelamento do Estado facista, tiña que resolver esas duas contradicións, dar satisfación a esas duas correntes de movilización política de camadas populares, plasmar nunha nova fórmula de superestrutura xurídico-política esas duas expresións activas da conciéncia social. Só dándolles solución no plano institucional "ex-novo" poderia abrirse unha situación democrática de amplo horizonte e estabilidade -"consolidarse" a democrácia, como se adoita predicar retórica e farisaicamente nos meios políticos oficiais de hoxe. Noutras palabras, o proceso constituinte que estaba a operarse de feito na sociedade xa baixo o franquismo camiñaba nesa dobre direición. A via de paso dese proceso, para se traducir superestruturalmente, constitucionalmente, chamábase no argot da época creba democrática. Ora: escamoteouse a quebra democrática, furtáronse as reivindicacións cardinais tanto do movimento obreiro canto das loitas nacionalistas emancipadoras, arrombáronse os postulados esenciais previamente suscritos, ao parecer, por todas as forzas e organizacións democráticas, e fíxose unha constitución consagradora da "economía social (?) de mercado" -eufemismo supletorio da expresión "capitalista"- e negadora da soberanía nacional e o direito de autodeterminación dos pobos galego, vasco e catalán. Acabouse aplicando, a fin de contas, a Lei de Sucesión franquista do 1946 "sub specie constitutionis": ao cabo os vencedores resultaron ser Fraga e demáis "revenants" políticos, absolutamente impresentábeis en calquer democrácia normal. Estamos a pagar ainda hoxe as consecuéncias. Seguiremos a pagalas. E o pior é que pagamos "xustos por pecadores", os inocentes polos culpábeis, os explotados polos explotadores, os asoballados polos asoballadores, os colonizados polos colonizadores. "O pobo galego non pode transixir con nengunha forma de transición política, no nivel do Estado español, que non leve enxertada a sua autodeterminación como pobo. O respeito dos direitos nacionais dos pobos do Estado español non pode ser unha "cuestión adicional" na estratéxia da transición, por moi "sine qua non" que se chegue a considerar esa cuestión. O exercício dos direitos nacionais da Galiza e dos demáis pobos do Estado español actual é consustancial co proceso de quebra democrática": son diáfanas afirmacións contidas no documento que o PSG apresenta ao Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) para levalo -e será levado- á xuntanza de plataformas democráticas que se vai celebrar o 25 de setembro do 1976 en Valéncia, cando xa está a apodrecer a alianza antifascista e as organizacións chave a nivel de Estado andan a pactar coas forzas do rexime franquista, a saldaren o patrimonio da quebra democrática, e aceitaren a reforma. Curiosa extravagáncia, pactar unha reforma democrática! Obviamente, pola sua própria índole, un Estado e un rexime fascistas son irreformábeis. Só se pode reformar unha democrácia que xa exista; un rexime e un Estado anti-democráticos "per se" non cabe sometelos a unha reforma democrática: ou se botan abaixo, se dinamitan ou desmontan peza a peza, ou viciarán conxénitamente calquer Estado e rexime que os sucedan. E iso non se resolve con que media dúcia de "xurisconsultos" escreban un papeliño co rótulo de Constitución e logo se aprobe nunhas cortes ou nun referendum: tamén facía referendums Fraga a prol do vello marrau, e gañábaos, naturalmente. Coa reforma política, a Constitución do 1978 e o subseguinte referendum, a base social do fascismo franquista e os seus escribas e pontífices gañaron a sobrevivéncia política frente ao conxunto das camadas populares do Estado español e á conciéncia social que apostaba por un proceso constituínte aberto e disipador dos fedores de tanto cadáver político por enterrar de vez. A reforma e a Constitución foron a UCI que non resucitou ao tirano pero salvou in extremis aos seus cans de presa. A democrácia, e o poder formal nela, nacen así secuestrados. Seguen secuestrados ainda, por máis que xa pareza gostarlles esa situación: son os fillos de Franco. "Conforme ao princípio de autodeterminación nacional, a soberanía política en Galiza corresponde ao Pobo Galego. Un Goberno galego asumirá a repesentación e o exercício do poder político no território da Galiza en tanto non se estabelezan as institucións definitivas no correspondente proceso constituinte. A participación da nación galega nun Pacto federal español, terá de axustarse ás condicións mínimas seguintes: A) O Pacto federal terá de ser concluído sobre os princípios da negociación en plano de igualdade dos representantes lexítimos dos pobos das diversas nacións integradas hoxe no Estado español, segundo veñan determinados polos respectivos procesos constituintes...". Son párrafos das "Bases constitucionais" elaboradas na primavera do 1976 e asumidas polo CFPG. Semellan ecoares dun pasado remoto, prosa de política-ficción, extrapolación dun documento vietnamita? Non: era a linguaxe política cotián nas plataformas ilegais, xa non estritamente clandestinas, das forzas democráticas nesta Terra e nas demáis da Península hai menos de dez anos. Cando abria o dia no Padornelo após a longa noite de pedra celsoemiliana, recitabamos de memória o Alba de Grória do Daniel, e as hostes de Waldemar, señor de Gurre, cantaban para nós con música de fanfárria do Schoenberg: "Vede, o sol escintilante ao borde do ceo saúda o voso soño. Ridente, remóntase das vagas da noite, facendo voar desde o relocinte sobrancello os seus mollos dourados de luz!". Non foi un espellismo. Esa premonición de antonte é hoxe o porvir. Compostela, 6 de outubro do 1985 | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. |
|---|

