| "Soberanos e intervenidos" (III) Os cravos do cristo |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 26 de Outubro do 2009 | |
|
X. M. Beiras-. Disimulade a aparente irreveréncia -que non é tal- deste rótulo reversíbel: podería igualmente ser "o cristo dos cravos". Porque os "cravos" son -xa o adiviñárades- os caraveis bermellos da revolución de abril portuguesa, día 25, santa Herminia -o dia do "santo" da miña nai. E o "cristo", con minúscula, é o vocábulo do argot popular do común, cuxo siñificado to-d@s coñecedes. Ningunha intención irreverente, portanto. E o enunciado do rótulo é perfeitamente reversíbel -só muda a énfase, nos "cravos" ou no "cristo"- porque de ámbolos dous xeitos expresa o mesmo: o cristo que se armou no enguedello político de celtiberia aquela primavera do 1974 cando, "no viciño Portugal -escribe Garcès- os capitáns agrupados no MFA (Movemento das Forças Armadas), sen dispararen un só tiro, derrocaron unha ditadura de catro décadas". Namentras, da banda do leste da sua fronteira, é dicir, na Terra Ancha, que diría o Ferrin, noutra ditadura de catro décadas de idade tamén, o escenário era esactamente o inverso, ou sexa, era a bota do exército, precisamente, a primordial lousa que, cara abaixo, esmagaba as pulsións emancipadoras do común e, cara arriba, sostiña en pé o arcaico castelo kafkián dun cheirento rexime totalitario apodrecido. Leición nunca adeprendida pola soberbia española despreciadora do povo portugués, que endexamáis quixo saber que, dende a ilustración de Pombal en diante, a historia dese povo e do seu Estado sempre lle levou a dianteir á do español, e decote máis perto da sincronía co avance histórico da Europa de alén Pirineus. Ben sei: a diferencia do franquista, o rexime salazarista non se enxendrara nunha guerra "civil" do exército portugués contra o seu proprio povo, e a diferencia do portugués, o exército español non levaba anos a desgastarse no encerello dunha guerra colonial imposíbel de gañar. Certo. Pero, en troques, o exército español non estaba baixo o control da OTAN, mentras que o portugués si -e ninguén terá a ocurrencia de pensar que aos poderes do Pacto Atlántico dáballes o mesmo ditadura ca democracia en Portugal: menteivos o día pasado que o informe "Vulcano" do Pentágono incluía ao rexime salzarista nas "ditaduras protexidas por EEUU". E, de feito, como sinala Garcès, "a inesperada revolución democrática e endóxena (portuguesa), nun país fundador da OTAN, alarmou ao resto da Coalición Bélica, cuxas estruturas foron mobilizadas para isolala e afogala". Até o ponto de que o brután do Kissinger "mostrabase partidario de aplicar aos portugueses o castigo que padecía Chile dende meio ano antes" -o sanguiñento 11 de setembro do 1973, que non do 2001- e tivo que saírlle ao paso Willy Brandt dicíndolle que "Europa non toleraría un Pinochet" -mais ofrecéndolle en troques, iso si, "métodos distintos para reintegrar a Portugal na disciplina da Coalición e -ollo ao parche- evitar en España outra revolución democrática: penetrar nos dous Estados ibéricos a traveso de políticos cooptados, finanzalos e darlles apoio político baixo cobertura das internacionais Demo-cristián, Socialdemócrata e Liberal". Os instrumentos operativos seríano a fundación democristián Adenauer, a socialcristián Seidel, a liberal Neumann, e a socialdemócrata Friedrich Ebert -nome, por certo, do que fora primeiro chanceler após a guerra do 14-18, cando da feroz represión contra os Espartaquistas e os "paseos" de Rosa Luxemburg e Karl Liebnecht. Por certo que desta última e benemérita fundación foramos hóspedes os da Conferencia Socialista Ibérica nunha das nosas reunións do 74 co Psoe de Pablo Castellanos, en Münster-Eifel -aquela na que, á volta, sentado González acarón de min nun microbus camiño de Frankfurt, ao pasarmos polas aforas de Bad-Godesberg, fixérame aquel comento que eu interpretara de primeiras nun senso inverso do que logo resultou que tiña: "E pensar, Beiras, que eiquí a SPD renunciou ao marxismo...". No entanto, se na trastenda das fundacións estaban partidos e governos, inda máis arrecuados, na rebotica, estaban os principios activos dos fármacos, os auténticos "bailleurs des fonds" -como diría Guérin a respeito do fascismo clásico e eu gosto de aplicar ás suas mutacións e epifenómenos ulteriores. Garcès relata que, "o 24 de maio de 1984, perante a Comisión do Parlamento da RF de Alemaña que investigaba a evasión fiscal do consorcio Flick (industria de armamentos), o seu socio -Günter Max Paefgen- afirmaba que diñeiro negro evadido antre 1973 e 1976 era entregado a Alfred Nau -tesoureiro da SPD e presidente da Friedrich Ebert- (...) "para manter a situación (en España e Portugal), que estaban a piques de pasarse completamente á outra banda (sic), para estabilizar a situación na Penínsua Ibérica e América Latina" -en prata: impedir o intolerábel escenario dunha Penínsua ibérica "roja" no teatro da guerra fría. Xa nese período, sen agardarmos un decenio a esas revelacións oficiais, sabíamolo, inanque imprecisamente, algúns dos da CSI que coñeciamos a conexión financeira de "O tanque" co secretario do sindicato do metal alemán -persoaxes, os dous, "de cuxos nomes non quero acordarme", asumindo a interpretación freudián que Julio Cortázar fixera da re-escrita da hipercoñecida frase cervantina pola persoaxe do conto de Borges. Mais, voltándomos a ese vran, poucos meses despois da Revolución dos cravos, producíase a terceira das "detonacións" ás que ando a referirme: a tromboflebite do vello marrau. Aquilo acelerou inda máis a dinámica do activismo e as mobilizacións cívicas rupturistas -incluída a recén criada Unión Militar Democrática (UMD), que tiña conexións tanto co MFA portugués coma coas inda clandestinas orgaizacións antifranquistas, e na que o meu grande amigo e daquela capitán Fortes Bouzán, a quen eu coñecera anos atrás cando fixera as práticas da mili e il era tenente recén saído da academia, era o principal enlace conmigo no espazo no que se movía o PSG. Mais tamén aquilo fixo dar un definitivo chouto adiante á estratexia das "intervencións preventivas" da CGF -e desta vez xa co protagonismo en primeira liña das seccións europeas das Internacionais SD e DC, e nomeadamente da SPD de Brandt: de imediato, envíase a Portugal a Soares -o ano anterior criárase en Bonn o PSP "co apoio material dos governos interesados en destruir o proxecto nacional autónomo do MFA", di Garcès- e convócase o "cónclave" de Suresnes que porá a andar o Psoe gonzalista da transición. "Unha subseguinte campaña de marketing introduciría perante a opinión pública nomes até daquela descoñecidos que, en pouco tempo (1975-76), isolaron e marxinaron aos militares da UMD e máis, en xeral, a tódolos que eran reacios a que España entrase na CEE e na OTAN sen condicións e calquer que fose o custe diso para a sua economìa ou a sua independencia". Os efectos corrosivos foron coma os da couza na madeira para a armazón do movemento popular rupturista en proceso de construir unha alternativa de creba democrática rotunda co franquismo. Xa no outono dese ano, González repetía como un retransmisor os propósitos declarados meses antes polo presidente USA sucesor de Nixon, Gerald Ford, após unha sua entrevista co príncipe Juan Carlos. No ano seguinte, antes mesmo de morrer Franco, Carrillo entrevistábase co mesmo Borbón e comprometíase ao PCE "non mover un dedo até que don Juan Carlos sexa coroado Rei" -prezo a pagar pola legalización do Partido. Mais, simultáneamente, montaban, uns, a Xunta e, outros, a Plataforma -Democráticas as duas, e as duas a prol da "quebra" idem- que acabarían mesmo por refundírense, efémeramente, na famosa "Plata-xunta" (oficialmente Coordenación Democrática) de 1976. E os seus discursos proclamaban as reivindicacións do movemento popular rupturista: governo provisorio, amnistía, liberdades, eleicións libres, unidade sindical, referendum sobre se república ou monarquía... Qué máis tiña?. O caso estaba na cerimonia da confusión, ou sexa, sintonizar verbalmente co movemento cívico-político antifascista e gañar así a credibilidade do común necesaria para, chegado o intre, endilgarlle o prato precociñado dende trinta anos antes pola CGF: esas mesmas reivindicacións -ou simples aturuxos- figuraran xa, literalmente, na declaración conxunta encol de España dos governos USA, GB e Francia do 4 de marzo do... 1946!. Garcès declara, con meridiana franqueza: "En 1975-76, eu contemplaba atordoado esta diacronía de máis de trinta anos". Eu, modestamente, tamén: cada vez comprendo millor por qué o meu cerebro estoupou nunha poeira de frangullas cintilantes após que as eleicións do 1977 rubricaran o "consumatum est" da paixón emancipadora das clases populares esbulladas e os povos asoballados no interminábel esperpento español. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|


