| Daniel Raventós: “A renda básica aumentaría o poder de negociación fronte ós empresarios” |
| Mariló Hidalgo | ||||||
| Luns, 26 de Outubro do 2009 | ||||||
Mariló Hidalgo / Fusión-. Entre as moitas propostas do movemento altermundista a da renda básica toma máis forza ca nunca, pois deixaría a cidadanía toda, sen distincións por mor da súa orixe ou estrato social, protexida fronte ás crises provocadas polos abusos dos poderes financeiros.
|
||||||
![]()
|
![]()
|
A CANTIDADE DESTA RENDA DEBERÍA RELACIONARSE CO LIMIAR DA POBREZA |
A PROPOSTA TEN QUE VER COA DESMERCANTILIZACIÓN DA FORZA DE TRABALLO |
Comezarei polo final da pregunta, a cobertura. Por definición unha Renda Básica tería unha cobertura universal no lugar xeográfico onde se implantase. A cobertura abranguería a toda a cidadanía e residentes desde o berce á tumba. Se non fose así estariamos falando doutras propostas, quizais interesantes tamén, pero non da Renda Básica. O que a Renda Básica simplificaría depende do xeito de como se financiase. Unha Renda Básica pode financiarse de diferentes maneiras e, en realidade, ao longo dos últimos vinte anos houbo propostas respecto diso en grao sumo variadas. Pero unha forma de financiamento que creo realmente interesante porque contribuín xunto con outros compañeiros a deseñala é a partir dunha reforma do IRPF. Simplificaríase moitísimo nun sentido moi preciso: o IRPF sería diafanamente claro até para a persoa máis alérxica a querer entender o sistema impositivo, aforraríanse algúns custos administrativos e simplificaríase a tremenda maraña de subvencións.
Que achegaría a Renda Básica nun intre coma este?
Nun contexto de crise económica como a que xa vivimos desde hai dous anos, algunhas das características xerais da Renda Básica cobrarían maior relevo. Referireime para abreviar a tres aspectos. En primeiro lugar, se se perde o posto de traballo pero se dispón dunha Renda Básica, a situación preséntase de forma menos inquedante. Aínda que, esa é unha característica destacada da Renda Básica para calquera conxuntura económica, nunha de crise, onde a cantidade de desemprego é moito maior –a cifra de 5 millóns de posíbeis parados oficiais non está afastada–, cobra maior importancia social.
En segundo lugar, a Renda Básica suporía, en caso de folga, unha especie de caixa de resistencia incondicional, cuxos efectos para o fortalecemento do poder de negociación dos traballadores son doados de calibrar. Efectivamente, o feito de que en caso de conflito folguístico os traballadores dispuxesen dunha Renda Básica permitiría afrontar as folgas dunha forma moito menos insegura: a día de hoxe. Dependendo dos días de folga, os salarios poden chegar a reducirse de forma dificilmente soportábel se, como acontece para a inmensa maioría da clase traballadora, non se dispón doutros recursos. A actual crise económica pode desembocar nun gran retroceso de conquistas sociais duramente conseguidas. A Renda Básica pode ser vista neste punto como o medio material para boa parte da clase traballadora para resistir a este retroceso.
En terceiro lugar, como é sabido, a porcentaxe de pobres no Reino de España non cambiou significativamente nas últimas décadas até o inicio da crise económica. Cando o crecemento económico foi importante, e en ocasións moi vigoroso, a proporción de persoas pobres, case un quinto exacto do total da poboación, non variou ao longo das últimas décadas. A crise económica está comportando, en contraste, un aumento rápido e significativo da pobreza. Así, mentres que taxas dun crecemento económico substancial foron necesarias para manter a proporción de pobres, unhas taxas negativas ou positivas moi pequenas comportarán un crecemento espectacular da pobreza.
Podería entón axudar a frear o índice de pobreza?
Unha RB equivalente polo menos ao limiar da pobreza sería unha forma de acabar coa pobreza, se non completamente, cando menos de deixala en porcentaxes moi marxinais. Nunha situación de depresión económica, a pobreza aumentará moito, e axiña se chegará a unha proporción dun pobre cada catro habitantes –antes da crise era dun a cinco. A Renda Básica representaría un bo dique de contención desta onda de pobreza que medra e medrará.
Como calcular esa cantidade?
A cantidade da Renda Básica e a forma de financiarse son indisociábeis. Pode financiarse unha Renda Básica á conta da sanidade e educación públicas, por poñermos o peor xeito de facelo, na miña opinión. Pode financiarse unha Renda Básica baixando os salarios, por citar outra forma que consideraría politicamente horríbel. E pode financiarse a Renda Básica de forma que haxa unha distribución da renda dos ricos aos pobres. Para o meu entender esta é a forma que considero politicamente interesante. A cantidade exacta proposta depende do criterio que elixamos. Propuxéronse, ao longo dos últimos anos, distintos criterios: limiar da pobreza, 90% do salario mínimo interprofesional, pensión media, etc. Todas estas referencias que, como pode observarse, variarían dun ano a outro –efectivamente, o limiar da pobreza ou a pensión media varían cada ano aínda que non de forma moi marcada– foron defendidas con argumentos máis ou menos sólidos. Persoalmente, creo que un bo criterio é o do limiar da pobreza.
Ese salario non alteraría o mapa do mercado produtivo? Que sentido tería o traballo? Traballar para que?
Podería alterar o mercado do que chamas "mercado produtivo" e, non teño a menor dúbida, para mellor. Algúns aspectos de alteración de seguro serían os seguintes que no meu libro As condicións materiais da liberdade (El Viejo Topo, 2007) explico con certo detalle. Nas economías capitalistas, as persoas que non dispoñen da propiedade de terras ou de medios de produción deben vender a súa forza de traballo no mercado laboral a un propietario de terras ou de medios de produción, chamado empregador, para poder adquirir todos aqueles medios que permitirán a súa subsistencia. Esta situación recibiu o nome de "mercantilización da forza de traballo" –ás veces, directamente, "mercantilización do traballo"–, posto que esta capacidade de traballar dos que non teñen outra propiedade que lles permita eludir o traballo asalariado, é tratada como unha mercadoría. Os traballadores poden ter as súas necesidades de subsistencia cubertas fóra do mercado mediante algúns mecanismos de provisión social. Neste caso, a súa forza de traballo é desmercantilizada. Podemos así falar de graos distintos de mercantilización –e de desmercantilización– da forza de traballo. A Renda Básica tería un efecto importante como ferramenta para a desmercantilización da forza de traballo, sempre que fose polo menos dunha cantidade que permitise "a liberdade de non ser empregado", por utilizar unha expresión afortunada da filósofa Carole Pateman.
Esa cantidade de diñeiro tamén lle daría máis liberdade á persoa á hora de negociar no mercado de traballo...
A Renda Básica tería outro interesante efecto sobre a clase traballadora: o aumento do poder de negociación fronte ao empresario ou empregador.
A seguridade nos ingresos que a garantía dunha Renda Básica comportaría, impediría que os traballadores se viran impedidos a aceptar unha oferta de traballo de calquera condición. Desde o momento en que a súa saída do mercado de traballo resultase practicábel, suporía unha posición negociadora –ou de resistencia, como ás veces se chamou– moito maior que a que os traballadores posúen agora. Non é o mesmo levar as negociacións laborais ao límite da ruptura cando se conta, como é o caso dos empresarios, coa posibilidade real de substituír os traballadores contendentes por maquinaria ou por traballadores actualmente en paro –os que engrosan as filas do outrora chamado "exército industrial de reserva"–, que facelo a propósito de que a subsistencia depende de forma directa, e practicamente exclusiva, das retribucións obtidas dos individuos sentados no outro lado da mesa de negociación, como lles acontece aos traballadores e traballadoras hoxe en día. A relación laboral baixo o capitalismo é, por dicilo eufemisticamente, claramente asimétrica. Unha Renda Básica faría practicábel non só a posibilidade de negarse de forma efectiva e convincente a aceptar situacións non desexadas por parte de moitos traballadores, senón tamén exporse a formas alternativas de organización do traballo que permitisen aspirar a graos de realización persoal máis elevados.
Estás a falar dunha forma máis ampla de entender o concepto traballo...
Non hai espazo para desenvolver o que simplemente deixo indicado. Cando falamos de traballo, se o facemos con propiedade, debemos facelo polo menos abarcando tres tipos: o remunerado, o doméstico e o voluntario. Pensar e actuar coma se o único traballo existente fose o remunerado é un grave erro.
Hai algún país que poña en marcha a Renda Básica?
En Alaska e desde 1982 existe unha Renda Básica. Toda persoa que leve residindo legalmente en Alaska un mínimo de 6 meses recibe unha Renda Básica desde hai máis dun cuarto de século. Os resultados foron tan bos que nin só os seus máis ferventes críticos dos seus inicios se aprestan agora a pedir a supresión da Renda Básica. O interesante é que esta simple medida comportou para os residentes en Alaska unha distribución da riqueza moi diferente aos outros estados de EUA. Alaska é hoxe o Estado menos desigualitario daquel país.
Levas varios anos apostando por esta idea e moitos séguenvos tachando de utópicos ou tolos. Desde entón cambiaron en algo as cousas? En que situación se atopa este debate?
A acusación de "tolos" aos defensores da Renda Básica non a profire hoxe en día ninguén que estea minimamente informado da proposta da Renda Básica. E se alguén o fai, exponse ao ridículo. Por certo, maior "tolemia" que a que se practicou no mundo ao longo destes últimos lustros, provocando a actual crise económica, maior tolemia que esta, digo, é difícil de imaxinar.
Si, as cousas cambiaron ao longo dos últimos anos en relación coa Renda Básica. Sería difícil expor en poucas palabras a situación actual do debate pero limitareime a indicar que hai só sete anos, había cinco seccións da asociación internacional Basic Income European Network, entre elas a nosa, a Rede Renda Básica (www.redrentabasica.org). E todas eran europeas. Actualmente, xa somos 16 seccións oficiais repartidas por varios continentes, maioritariamente por América e Europa.
Nas Cortes creouse unha subcomisión parlamentaria –xa hai algúns meses– para estudar a viabilidade da Renda Básica. Non se puxo aínda a traballar, pero é un síntoma do interese pola proposta. A reforma fiscal que acaba de realizar o Goberno a finais de setembro podería ser moito máis interesante e beneficiosa para a maioría da poboación se estudase a posibilidade da Renda Básica, xunto con outras medidas fiscais, pero desperdiciouse unha grande oportunidade.
A proposta podería entrar entre as medidas que preconizan os partidarios do decrecemento económico?
En primeiro lugar debo dicir que non é dos temas, o da relación da Renda Básica co decrecemento, do que máis se estudou até o momento. Polo menos se o comparamos con outros habituais: Renda Básica e xustiza, Renda Básica e impostos, Renda Básica en relación aos subsidios condicionados...
Pero en segundo lugar debo engadir que as cousas poden cambiar en breve. Por exemplo, do 25 ao 28 de marzo do 2010, realizarase en Barcelona o Segundo Congreso Internacional sobre Decrecemento –o primeiro fíxose en París en abril de 2008. Un dos obradoiros propostos é precisamente a Renda Básica. Pode ser un bo momento para pór ao día algunhas investigacións que relacionan a Renda Básica co decrecemento económico.
UN REPASO Á PROPOSTAA Renda Básica Universal (RB) ou ingreso cidadán (IC), segundo a define a Rede Renda Básica, é un ingreso pagado polo estado, como dereito de cidadanía, a cada membro de pleno dereito ou residente da sociedade até se non quere traballar de xeito remunerado, sen tomar en consideración se é rico ou pobre ou, dito doutra forma, independentemente de cales poidan ser as outras posíbeis fontes de renda, e sen importar con quen conviva. Ao cabo, consiste en que o Estado lles dea unha paga a todas as persoas, independentemente de onde vivan, da súa raza ou sexo, de que traballen ou non, e igual para todos. As consecuencias que tería poderían ser que: • Melloraría a situación das persoas cun baixo nivel adquisitivo. • Os traballos desagradábeis serían mellor pagos e á súa vez os máis agradábeis ou satisfactorios terían unha menor remuneración. • Os traballadores estarían en mellores condicións para negociar os contratos de traballo. • Non habería que "vixiar" que os parados non traballen ilegalmente, como pasa coa axuda por desemprego. • Como non se perdería a RB ao atopar traballo, hai menos posibilidades de que se traballase de forma ilegal e por conseguinte non se debe gastar diñeiro en investigar a fraude. Algo similar pasaba cos selos, Charles Babbage descubriu que era máis barato pór unha cota fixa que calcular cada vez canto custaba un envío. • O autoemprego sería menos arriscado, co que as posibilidades de que aumentase serían maiores. • Os soldos maiores, que tamén recibirían a RB, veríanse máis afectados polos impostos directos, como resultado, o estado volvería recuperar o diñeiro que reciben eses grandes soldos. Eticamente, a RB foi xustificada polos seus defensores de xeitos distintos, estando as tres xustificacións principais referidas ao problema da liberdade individual: 1. A xustificación da liberdade real, formulada por Philippe Van Parijs, distingue entre sociedades formalmente libres e realmente libres. Xustifica a RB argumentando que nunha sociedade cunha RB os que tivesen menos oportunidades terían máis que en calquera outra sociedade. 2. A xustificación republicana, defendida por exemplo por Daniel Raventós, parten da noción da liberdade como autogoberno, típica desta tradición política representada por autores e pensadores como Aristóteles, Cicerón, Maquiavelo ou Robespierre. Aquel que non dispón dunha 3. A xustificación económica: é unha medida que permite a adaptación da economía á nova realidade definida pola globalización, o progreso tecnolóxico que fai que diminúa a necesidade do emprego, a puxanza da economía financeira e a necesidade dun desenvolvemento sustentábel, de xeito que vai evitar que se fagan investimentos para crear empregos que implican a destrución do medio natural. Como dereito económico convértese no eixe fundamental da sustentabilidade. +INFO: en.wikipedia.org/wiki/Basic_income |
PERFIL
Daniel Raventós Pañella (Barcelona, 1958) é doutor en Ciencias Económicas, profesor titular do departamento de Teoría Sociolóxica, Filosofía do Dereito e Metodoloxía das Ciencias Sociais na Facultade de Economía e Empresa da Universidade de Barcelona, e membro do grupo de investigación GREECS (Grup de Recerca en Ètica economicosocial i Epistemologia de lles Ciències Socials).Entre as súas publicacións: El derecho a la existencia (Ariel, 1999); La Renta Básica. Por una ciudadanía más libre, más igualitaria y más fraterna (Ariel, 2002); Basic Income. The Material Conditions of Freedom (Pluto Press, 2007) e Las condiciones materiales de la libertad (El Viejo Topo, 2007).
REDE RENDA BÁSICA
Iniciou a súa actividade a principios de 2001. Un bo número de persoas que xa levaban unha década promovendo a proposta da Renda Básica, con este ou con outro nome, e investigando determinados aspectos da mesma, decidiron constituír a Asociación. No artigo 4 dos Estatutos dise que “constitúen os fins desta Asociación a promoción e difusión de estudos e a investigación científica sobre a Renda Básica, para un mellor coñecemento da proposta e da súa viabilidade”. A Rede é sección oficial da organización internacional Basic Income Earth Network (BEN) desde a asemblea desta última realizada en Xenebra o 14 de setembro de 2002. +INFO: www.redrentabasica.org
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Mariló Hidalgo / Fusión-. Entre as moitas propostas do movemento altermundista a da renda básica toma máis forza ca nunca, pois deixaría a cidadanía toda, sen distincións por mor da súa orixe ou estrato social, protexida fronte ás crises provocadas polos abusos dos poderes financeiros.


