Crise de civilización e vivir ben
Katu Arkonada   
Mércores, 28 de Outubro do 2009

Katu Arkonada-. Hoxe en día ninguén dubida que vivimos algo (moito) máis que unha crise financeira. Vivimos unha crise financeira, pero tamén epistemolóxica, social, política, climática, alimentaria… en definitiva, unha crise de vida, de modelo estrutural e civilizatorio, occidental e moderno, por suposto.

Rafael Correa, presidente de Ecuador, di que non vivimos unha época de cambios, senón un cambio de época. Sen saber se pensamos no mesmo paradigma, é certo que a profundidade desta crise estrutural que vivimos fainos mirar cara a novos (aínda que antigos) paradigmas de vida, e aí xorde con forza a idea que os pobos orixinarios do Abya Yala nos transmiten, o da cultura da vida, criar a vida, a visión comunitaria… ese novo paradigma que chamamos Vivir Ben.

O Vivir Ben non nace agora, é produto da cosmovisión milenaria dos pobos indíxenas do continente, de feito nin sequera como concepto é algo novo, aínda que precisamente nestes tempos cobra máis forza que nunca. Cando as ONGs comezaron a preguntarse como se podería traducir o termo desenvolvemento ao quechua, decatáronse que non había unha tradución, e o mesmo aconteceu co aymara, guaraní… en ningunha das linguas  das civilizacións indíxenas, orientais, existía unha palabra para designar o noso concepto de desenvolvemento occidental. Esta contradición aparente reflicte ben a división entre as dúas matrices civilizatorias, entre oriente e occidente.

Por iso comezaron a acuñarse termos que se achegan a ese concepto de Vivir Ben, Suma Qamaña en aymara, Sumaj Kausay en quechua, Ñande Reko (vida armoniosa) en guaraní, Teko Kavi (vida nova), Ivi Maraei (terra sen mal) ou Qhapaj Ñan (camiño ou vida nobre), conceptos que a nova Constitución Política do Estado Plurinacional de Bolivia (aprobada en referendo en xaneiro do 2009) xa recolle como bases fundamentais cando fala dos Principios, Valores e Fins do Estado.

Así mesmo quedou recolleito o Vivir Ben na Constitución Política de Ecuador, de outubro do 2008, dando un paso importante tamén coa consagración dos Dereitos da Natureza, porque Vivir Ben é tamén saír da dicotomía entre ser humano e natureza, é espertar a conciencia de que somos parte da Pachamama, da Nai Terra e con ela complementámonos.

É ben interesante, e hai que seguir afondando no seu desenvolvemento, as formas hibridas que se están a dar entre conceptos de matrices diferentes, como neste caso un concepto occidental e moderno, como dereitos unido a un concepto oriental e milenario como Pachamama, Nai Terra.

O Vivir Ben nos achega e ensina conceptos como complementariedade, reciprocidade, comunitarismo (aínda que non se pode entender a comunidade como un conxunto de individuos) que chocan frontalmente cos nosos esquemas establecidos. A cultura da vida é comunitaria, non pode ser doutro xeito, fronte a un capitalismo individualista, depredador, ou até un socialismo que aínda que preocupado de mellorar as condicións de vida da sociedade, só a entende como o conxunto de persoas que viven, sen considerar para nada á Nai Terra como algo vivo, e que pode chegar a ser tan industrial e depredador como o capitalismo (aínda que, e este é outro debate, quizais un socialismo comunitario é hoxe en día a mellor opción para Occidente).

Educáronnos e aprendéronnos a vivir mellor, pero non a Vivir Ben. E para realmente achegarnos a este concepto, temos que, nun proceso complexo, deconstruirnos. Non primar o EU (primeiro pronombre nas linguas occidentais) senón o NÓS (primeiro pronombre en quechua ou aymara por exemplo), non ver o tempo como algo liñal, no que prima o individuo que vén dun pasado, sitúase nun presente e vai cara ao futuro, senón o tempo como algo circular, no que o presente é continuo e o pasado e o futuro son un só, o pasado esta por diante e o futuro está por vir e esta atrás.

Pero no continente americano, logo de 517 anos de colonialismo, non podemos concibir o Vivir Ben sen unilo a un verdadeiro proceso de descolonización, igual que non podemos concibir esa descolonización sen cambiar o paradigma da educación.

Unha educación individualista e baseada nun sistema competitivo, no que o individuo é medido, xulgado, en base ás cualificacións obtidas. Até nos xeitos de educación máis humanistas seguimos un esquema occidental, imposto polos colonizadores. Formamos bos estudantes, cunha boa ética e moral, seguindo patróns occidentais, cristiáns, e non persoas que viven en harmonía consigo mesmos, cos seus semellantes e coa Nai Terra.

Vivir Ben, Descolonización… conceptos amplos e que merecen debates máis en profundidade, mirarnos cara a e desde dentro, utilizar a natureza, pero sen danala, racionalizar e redistribuír o consumo, para non sobreexplotar os recursos naturais que a Nai Terra dános, garantindo o futuro a todo o que vén detrás noso, vivir en harmonía entre os pobos, complementándose entre si, practicando formas de democracia comunitaria.

Evo Morales Ayma, presidente do Estado Plurinacional de Bolivia, dicíanos o outro día que antes os intelectuais en Europa pensaban e teorizaban, e despois en América Latina intentábase pór en práctica esas teorías, e hoxe en cambio aquí en Bolivia, en América Latina, estanse dando procesos de cambio onde os intelectuais teñen que vir intentar teorizar que está pasando. É totalmente certo, hogano o noso norte é o Sur, a praxe dos Pobos na procura de novos paradigmas para superar a crise de civilización levounos a novas formas de facer política, de repensar o Estado e as interrelacións entre as persoas así como unha conciencia ao redor da hecatombe climática que estamos provocando.

Aínda queda moita interacción entre teoría e práctica que facer, para chegar a unha praxe política diaria co horizonte de novos paradigmas, dentro dos cales o Vivir Ben é un elemento de aproximación, de aprendizaxe, dentro de todo o que os pobos indíxenas teñen para nos aprender.


Katu Arkonada
Sobre o autor ou autora:

Katu Arkonada traballa como investigador e analista para o centro de estudos boliviano CEADESC (Centro de Estudos Aplicados aos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais)


 
< Ant.   Seg. >