Outra agricultura para outro clima
Esther Vivas   
Mércores, 04 de Novembro do 2009

 Esther Vivas-. O actual modelo de produción agrícola e gandeiro industrial contribúe a profundar na crise ecolóxica global cun impacto directo na xeración de cambio climático. Aínda que a primeira vista non o pareza, a agroindustria é unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Así o puxo de relevo a campaña Non comas o mundo, no marco das mobilizacións destes días con motivo da reunión das Nacións Unidas en Barcelona sobre cambio climático, previa ao crucial cume de Copenhaguen (COP15) de decembro, onde debe aprobarse un novo tratado que substitúa ao de Kyoto.

Segundo a campaña, entre un 44 e un 57% das emisións de gases de efecto invernadoiro son provocadas polo actual modelo de produción, distribución e consumo de alimentos. Unha cifra que resulta de sumar as emisións das actividades estritamente agrícolas (11-15%), a deforestación (15-18%), o procesamento, transporte e refrixeración dos alimentos (15-20%) e os refugallos orgánicos (3-4%).

E é que non podemos esquecer os elementos que caracterizan a este sistema de produción de alimentos: intensivo, industrial, quilométrico, deslocalizado e petrodependente. Analicemos polo miúdo.

Intensivo, porque dá conta dunha sobre-explotación dos chans e dos recursos naturais que acaba xerando a liberación de gases de efecto invernadoiro por parte de bosques, campos de cultivo e pastos. Ao antepor a produtividade ao coidado do medio ambiente e á rexeneración da terra, racha co equilibrio mediante o cal os chans capturan e almacenan carbono, contribuíndo á estabilidade climática.

Industrial, porque consiste nun modelo de produción mecanizado, con uso de agroquímicos, monocultivos, etc. A utilización de grandes tractores para traballar a terra e procesar a comida contribúe á liberación de máis CO². Os fertilizantes químicos utilizados na agricultura e na gandería moderna xeran unha importante cantidade de óxido nitroso, unha das principais fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro. Así mesmo, a queima de bosques, selvas… para convertelos en pastos ou monocultivos acaba afectando gravemente á biodiversidade e contribúe á liberación masiva de carbono.

Quilométrico e petrodependiente, porque se trata dunha produción de mercadorías deslocalizada en busca da man de obra máis barata e da lexislación ambiental máis laxa. Os alimentos que consumimos percorren milleiros de quilómetros antes de chegar á nosa mesa co conseguinte impacto ambiental. Calcúlase que, na actualidade, a maior parte dos alimentos viaxan entre 2.500 e 4.000 quilómetros antes de ser consumidos, un 25% máis que en 1980. Atopámonos perante unha situación totalmente insustentábel onde, por exemplo, a enerxía para mandar unhas leitugas de Almería a Holanda é tres veces superior á utilizada para cultivalas, á vez que consumimos alimentos que proveñen da outra punta do mundo cando moitos destes se cultivan tamén a nivel local.

Este modelo de alimentación quilométrica e viaxeira, así como o alto uso de agroquímicos derivados do petróleo, implica unha forte dependencia dos recursos fósiles. En consecuencia, na medida en que o modelo produtivo agrícola e gandeiro industrial depende fortemente do petróleo, a crise alimentaria, a crise enerxética e a crise climática están intimamente relacionadas.

Pero, a pesar destes datos, podemos parar o cambio climático, e a agricultura campesiña, local e agroecolóxica –como sinala o centro de investigación GRAIN– pode contribuír de forma determinante a iso. Trátase de devolverlle á terra a materia orgánica que se lle quitou, despois de que a revolución verde esgote os chans co uso intensivo de fertilizantes químicos, pesticidas, etc. Para facelo, fai falta apostar por técnicas agrícolas sustentábeis que poden aumentar gradualmente a materia orgánica da terra nun 2% nun período de 50 anos, restituíndo así a porcentaxe eliminada desde a década dos sesenta.

É necesario apostar por un modelo de produción diversificado, incorporando praderías e abono verde, integrando de novo a produción animal no cultivo agrícola, con árbores e plantas silvestres, así como promovendo circuítos curtos de comercialización e venda directa en mercados locais. Con estas prácticas, calcúlase que sería posíbel capturar até dous terzos do actual exceso de CO² na atmosfera. O movemento internacional A Vía Campesina teno claro cando sinala que "a agricultura campesiña pode arrefriar o planeta".

Así mesmo, hai que denunciar as falsas solucións do capitalismo verde ao cambio climático, como a enerxía nuclear, os agrocombustíbeis ou outras, así como os lobbies empresariais que buscan mercantilizar o tratado de Copenhaguen. Desde distintos movementos sociais esíxese xustiza climática, fronte aos mecanismos de mercado incorporados no protocolo de Kyoto e que terán continuidade en Copenhaguen. Unha xustiza climática que debe ir á vez coa xustiza social, ligando a loita contra a crise ecolóxica global co combate contra a crise económica que afecta a amplos sectores populares, en base a unha perspectiva anticapitalista e ecosocialista. Para que o clima non cambie, hai que cambiar o mundo.


Esther Vivas
Sobre o autor ou autora:
Coordinadora de sensibilación da Xarxa de Consum Solidari (XCS).
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >