"Soberanos e intervenidos" (V). Epílogo provisório: "L"Espagne est en vente"
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 09 de Novembro do 2009

X. M. Beiras-. Desque o proceso constituinte do post-franquismo español tivo como desenlace -espriqueivolo o dia pasado- unha paradóxica "eutanasia constitucional" do Estado-nación, imponse estoutro interrogante: "Cabe falarmos de independencia cando o Estado é un referente nominal, do pasado?".

Non se non trata dun meu exabrupto denigratório, non vaiades pensar. Non. Trátase dun eslogan publicitario do empresariado francés a raíz do ingreso do Estado español na CEE que, completo e literalmente, dicía: "Non sexades miopes, España está á venda". Remítome a Garcès: "Ne soyez pas myopes, l"Espagne est en vente, foi un eslogan da campaña promovida en 1986 antre consorcios empresariais polo francés Jacques Delors, presidente da Comunidade Económica Europea. Nen un só responsábel español lle saíu ao paso" -nen sequer en aras do "patriotismo constitucional", digo eu. O mesmo Delors que, á altura do 1988, pronosticaba que á volta de dez anos "o 80% das decisións sociais e económicas dos Estados da CEE se tomarán en Bruxelas". Cousa que suscitaba esta interrogación do Garcès: "Qué destino agarda aos povos sen Estado merecente de tal nome, gobernados dende un centro de poder que nen lles responda democráticamente nen poidan controlar?". E esta resposta: "A sumisión ou a revolta, cos seus custes conseguintes".

Mais é natural. Desque o proceso constituinte do post-franquismo español tivo como desenlace -espriqueivolo o dia pasado- unha paradóxica "eutanasia constitucional" do Estado-nación, imponse estoutro interrogante: "Cabe falarmos de independencia cando o Estado é un referente nominal, do pasado?". A resposta xa veu dada en 1994 con palabras de Klaus Kinkel, ministro de Exteriores alemán -"estou disposto a romperlle o carrelo a España"- cando o goberno español tentou oporse ao aumento da cifra de votos precisa para vetar resolucións do Consello europeu por mor da ampliación da UE operada daquela: o goberno de González aturou a bravata teutona e engulíu o purgante. Polo estilo faría Aznar máis logo coa redución de escanos "españois" no Parlamento europeu na ampliación da UE "ao leste". "Na derradeira década do s.XX -sinala Garcès- o sistema político español funcionaba como a maior parte dos latinoamericáns: as suas elites dominantes razonaban conforme á premisa de que as soberanías popular e nacional, históricamente, finaran. No seo da Coalición que sostivo a guerra fría, a función encomendada aos gobernos era adaptaren e executaren decisións tomadas nos centros da Coalición, e manteren a orde pública interna mesmo a custe da coesión social. O final desa guerra impelíunos a pedir que se institucionalizase o seu legado. Como se temesen que, antes de acadar un ponto de non retorno, os cidadans tomasen conciencia das consecuencias do camiño seguido".

Nese contexto, "a palabra "Europa" foi o esconxuro para agochar o que realmente se desexaba recibir da CEE: nacionalidade, direición económica, mando militar, direitrices diplomáticas, partidos que encadrasen aos eleitores locais". Así como "o mesmo cabería dicir da función ideolóxica que tanto en España coma en América Latina cumplían os conceitos de "modernización", "globalidade", etc. -coberturas actualizadas de vellas relacións de subordinación-dominación". A fin de contas seguía en vigor, mutatis mutandis, o criterio xeopolítico que Kissinger lle guindara á cara, coma un esgarro, a un ministro chileno antes da UP de Allende: "o eixo da historia comenza en Moscú, pasa por Bonn, cruza por Washington, e chega até Tokio. O que aconteza no Sul non conta" -"as moscas mudan, só a merda non varía", que cantara Luis Cilia polo entón. E a Penínsua ibérica seguía a estar tan ao sul dese paralelo coma Latinoamérica -pesia estarmos en Europa e mesmo, disque, na UE. Labregos, mariñeiros, proletariado e até empresariado autótono galegos, cada quen ao seu xeito, esperimentárono nas suas carnes -sen outra anestesia que o estupefaciente administrado polos poderes mediáticos e as organizacións políticas, ou sexa , a "amansadora".

A síntese deses fenómenos foi o norde da "reforma política" operada na transición: "o obxetivo da reforma política gravitou arredor do mantemento do status quo social interno e do estratéxico externo". Os medios fórono os "democrático-liberais": cara dentro,"innovar nos medios era funcional para preservar os fins, a orde social construida após o derrocamento do sistema democrático republicán no 1939"; e cara fóra, para "ancorar a España militar, económica e políticamente nas institucións supraestatais criadas durante a guerra fria", compría un aparello de Estado "homologábel cos reximes liberais". A metamorfose da repugnante crisálida franquista operouse, xa que logo, "actualizando os plans, conxelados dende 1942-46, de restaurar a monarquía e afortalar as estruturas socioeconómicas meiante a sua "lexitimación democrática" ": eis a tarambeleira bolboreta borbónica. Mais iso supuxo que "a devolución dos seus dereitos políticos aos cidadáns tivo lugar baixo a supervisión dos intereses beneficiarios de aqueles plans" -"é a faciana descoñecida da historia do postfranquismo, da que pouco leva transcendido", acusa Garcès.

Obviamente, esa operación non sería factibel nun escenário de creba democrática protagonizada pola cidadanía activa que abrise un proceso constituinte ex-novo de abaixo arriba. Por conseguinte, compría cortocircuitar os mecanismos e a dinámica da democracia participativa. Foi o primeiro que se fixo: disociar as retesías políticas da dinámica social, meiante "a redución-recondución das pugnas sociopolíticas á sua vertente parlamentar antre as equipas cooptadas", de xeito que "os partidos da reforma funcionaron na prática como órganos do Estado", no canto de pontes de acceso da cidadanía á actuación nas institucións políticas. Esa mutación na funcionalidade democrático-representativa das organizacións partidarias requería unha deturpación da sua inicial estrutura democrática interna: a sua oligarquización, ou sexa, "lograr que se configurase unha unidade oligárquica concentrada arredor dunha persoa con plenos poderes no seo de cada partido, que mediatizase aos seus afiliados e os convirtise en instrumentos executores de plans e compromisos adoito secretos" - persoa, asemade, "non responsábel, na prática, perante os órgaos colectivos do proprio partido na medida en que istes foron á sua vez copados por clientelas de sumisión probada". A partir de aí, "a actuación independente da cúpula de semellantes partidos a respeito dos seus membros e eleitores, facilitou a sua actuación á marxe de referencias de clase, ou de relacións de dominación" social, cultural ou nacional -e nese punto, Garcès trai a colación a aseveración de Agnoli de que así xurde "unha nova forma de organización estatal" que constitue "o último chanzo cara a manipulación ininterrumpida e cara o sistema político que tende a perpetuarse".

Estruturada así a aparellaxe político-institucional, púxose en prática "un proceso denominado de consenso" antre os grupos que pactaran e protagonizaran a "reforma", que "operaron como grupos socialmente autónomos instalados en retrincos do Estado, como compoñentes sociais do mesmo con intereses e necesidades proprias", e tecendo unha urdime que "actuou como órgano de conservación do status quo socioeconómico". En suma, un proceso de transformación interna e funcional dos partidos que levaba aparellada a "desideoloxización" da sua política e máis "unha renuncia progresiva á realización de reformas estruturais profundas na sociedade e na economia" -conforme ao pronosticado hai decenios por Flechtheim e relembrado por Garcès na sua análise. Porque o lerio do consenso -enervador da tensión dialética de opostos que obxetivamente existe en toda sociedade de clases antagónicas- non se praticou só no "pacto constitucional" e no seu desenvolvemento ulterior: aplicouse asimesmo á dinámica parlamentar nas primordiais temáticas políticas nas que debera evidenciarse a contraposición transformación-conservación -ou esquerda-dereita, se preferides. E mesmo proxectouse sobor dos contidos programáticos dos partidos axiais dun "bipartidismo imperfecto" en permanente disputa polo "centro", de xeito que os seus programas políticos, en verbas de Garcès, eran "só en apariencia distintos": "inda que os partidos semellaban pelexar por conquistaren posicións de poder, eran parte dunha unidade simbiótica". Subxace constantemente unha pulsión cara fórmulas de coalición de goberno socialdemócrata-democristián -en prata, "concentración nacional"- análogas ás do onesto compromesso contraído na Italia dos sesenta pra isolar ao daquela potentísimo PCI. Esa pulsión vai abrollar intermitentemente en situacións delicadas para o mantemento do status quo -e sempre como fórmula involucionista, claro está. Así aconteceu nos arredores do episodio do 23-F, coincidentes co "advenimento" de Reagan, a virada definitiva cara o ultra-liberalismo e a globalización financeira, e a trunfante traxectoria dos neo-cons ianquis que acadará o apoxeo con Bush-II. Daquela, por certo, vai ser o Psoe gonzalista o que se implique na finalmente frustrada "alternativa Armada", en esperpéntico contraste contraste coa honrosa actitude de Suárez -non da UCD, que xa estaba rota por dentro, nen por suposto de AP, que estaba no xogo. Mais, case tres decenios despois, ben lonxe portanto do contexto da transición, vaise escenificar no marco autonómico euskaldún, coa expulsión da esquerda abertzale do terreo de xogo e o pacto PSE-PP para arrebatarlle a "lehendakaritza" e o governo ao partido eleitoralmente máis votado, o PNV. Dicíame con humor retranqueiro un amigo euskaldún que ese pacto demostraba que, para o poder do Estado español, a custión basca era política exterior, pois PP e Psoe facían ali o que non sería factíbel en Madrid. Diagnose moi didáctica: contra os "separatismos" todo val neste rexime. Mais esquecía que tamén valera todo contra "rojos" e republicáns.

Asi perduran as constantes conxénitas nun rexime que naceu cunha fraude á cidadanía que se arriscara a loitar pola conquista da democracia e das liberdades e dereitos individuais e colectivos inerentes ao exercizo da soberanía popular. Un rexime -concluo eu pola miña conta- que hoxe se atopa en proceso descomposición, roto o pacto constitucional, dinamitados pola caverna celtíbera os peares da propria "carta magna" que iles mesmos cociñaran. Ás veces penso que esta segunda Restauración áchase nunha fase análoga á da primeira á altura do terceiro decenio do s.XX. Incluída a emerxencia -agora en metamorfose acaída á moi diferente etapa do capitalismo mundializado- dos fascismos no seu trasunto profundo, ou sexa, como fenómeno sociopolítico antes que superestrutural, no seu cerne no canto das suas fórmulas orgánicas e dos seus aduvíos simbólicos de outrora. Se cadra conserva plena vixencia a descarnada diagnose formulada por Garcès para o contexto da transición ao postfranquismo, coa que remato de vez: "O partido único do rexime franquista, o Movimiento Nacional, foi na prática reconvertido despois do 1975 nunha versión plural dun partido dominante subxacente". Se cadra. Daquela, "qué facer?".


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
Seg. >