| O enguedello das ‘caixas’. I. Fusión ou fisión? |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 16 de Novembro do 2009 | |
X. M. Beiras-. A fusión implica un cambio de estado da materia; a fisión atinxe á sua estrutura nuclear. A fusión muda un corpo sólido nun fluido líquido; a fisión desintegra os seus átomos.Porque non é o mesmo –sabémolo tod@s, mesmo eu que non son físico. A fusión implica un cambio de estado da materia; a fisión atinxe á sua estrutura nuclear. A fusión muda un corpo sólido nun fluido líquido; a fisión desintegra os seus átomos. A fusión require enerxía -calórica; a fisión enxéndraa -transforma materia en enerxía. E poderiamos seguir -mais coido que abonda. Porque ben imaxinades e comprenderedes que, pesia ás aparencias, non estou tan tolo como para aventurarme polos vieiros da saudade na física, da que non sei máis ca o que adeprendera nos remotos tempos do famoso bacharelato aquel dos sete cursos enciclopédicos, cun pouco de case tódolos saberes sen chegar ao consabido extremo do saber nada de todo do xeneralista modélico antitético do saber todo de nada do especialista absoluto. Non, iso déixoo praos ‘políticos’, onde os hai desas dúas castes estremas, e só desas duas. Non, non. Pesia as aperencias, repito, a cousa vai, ou pretende ir, inanque sexa bulreira e metafóricamente, das ‘caixas’. Ou se cadra debera ir de Pandora, a que disque destapou aquela tan famosa –poisque de Pandora resultan ser imitadores, que non discípulos, os banqueiros e políticos todos do actual universo-mundo. Mais, en rigor, o ‘se cadra’ non cadra. Primeiro porque, conforme a Hesíodo, Pandora foi a primeira muller -e os banqueiros e políticos son cáseque todos homes, ou millor dito, asumen tod@s o rol do ‘home’ nesta cultura machista, sexa cal for o seu sexo anatómico-fisiolóxico. E ademáis, evidentemente, non son @s primeir@s seres humáns de calisquer dos dous xéneros. Segundo, porque o de Pandora é un mito, mentras que no lerio dos banqueiros e políticos o único elemento mítico é o da sua tan predicada benfeitora función social. E terceiro, porque non cadra léxicamente, nen no plano do siñificante nen no do siñificado, dado que, no relato grego do mito, o que destapou Pandora non foi unha caixa, senón un xerro -e haivos boa diferencia: cando víchedes un bo viño nunha caixa?; só esas purrelas enlatadas en cartón forrado de papel de estaño por de dentro. Agora que o penso: tal como as chamadas ‘sub-prime’, por mal nome, ou? Con todo, fose caixa ou xerro, estoxo ou ánfora, o recipiente que a Pandora da mítica lenda grega cometeu a imprudencia de destapar, o certo é tamén que as analoxías subsisten, alén imprecisións coma ésas e discordáncias funcionais ou anatómicas de xénero, no feito de que Pandora fora unha invención de Zeus para se vingar de Prometeu nas costas dos homes, semellaba unha deusa mais era de barro, sedutora mais nada de fiar, e do xerro que tiña proibido tocar, ao destapalo, saíron todolos andacios e pauliñas que inzaron polo mundo adiante e desgraciaron á humanidade. Como analoxía non é pouca, concordaredes conmigo que lle chega ben. ***************************** (Vou parar, porque se foi a luz. E inda que o ordenador segue a funcionar coa batería, e a pantalla está acesa, darredor todo está escuro. E inda tamén que prenda candeas para entrever o teclado –estou a facelo xa– os meus ollos van vellos e cansos de máis pra traballaren nesta penumbra máis aló dun instantiño sen forzar a vista. Cústame descifrar os apontamentos manuscritos nos papeis pousados á par deste chirimbolo sustituto da miña máquina de escribir. Podo pasar diles, mais non de ver o teclado como é debido. Repítese a historia de todolos anos. Chegou o inverno, e claro, como estamos no terceiro mundo, ou no cuarto, vai ti saber, e nun país coma o noso, sen fontes proprias de enerxía, nen recursos pra modernizar tendidos, inda menos soterralos, xa se sabe, desque chove ou venta, alá vai, fúndenselle os plomos ao plan Mega, que coido que así se chamaba a ‘millora elétrica de Ghalicia’ na remota era fraghiana. A culpa é nosa, só nosa, por non termos trasladado Galiza ao Mediterráneo marbellí, onde nen chove nen venta nen hai inverno. Ou por termos aturado que trasladasen a mentalidade climática marbellí ao interior dos cerebros de cuspe de grilo da ‘clase dirixente’ do noso im-país –co teu permiso, Manolo, polo empréstimo– incluída a das ‘caixas-xerro’ de Pandora e dos ‘estoxos-ánfora’ de San Gaitán. Somos periféria, recoiro, díxeno tántas veces durante tantos anos que xa nen eu mesmo me lembro de telo dito nen do que a verba ésa quer dicir. Neste caso, ‘periféria próusima’, e tan ‘próusima’, a dez kilómetros de Santiago, menos aínda en liña recta, non no Courel, nen Caldebarcos, nen Corrubedo, nen Cervo, nen Callón, por só mentar periférias con ‘ce’, sitas todas elas nas estremas, pero dentro, da periféria global que é este país non-noso e a sua paisanía toda, ou sexa todos nós, indíxenas e importados. Pero claro, a condición periférica non é custión de distancia kilométrica nen lonxanía física, senón social. A periféria da que eu falo agora, na que estou, na que habito, na que se foi a luz hai un cacho, ten feitío proteiforme de arquipélago e un nome ubícuo moi usado na política municipal: é ‘o rural’. Desque se foi a luz, achegueime á xanela pra botar unha ollada ao esterior e comprobar o que xa supuña. Dende a nosa casa, na aba do outeiro dos Barreiros, pretenciosamente chamada ‘balcón da Mahía’ polos vilegos cursis, dexérgase todo o val do Sar, dende Santiago, arriba á esquerda, no leste, até as veigas de Padrón. Contemplo o val nesta noite de invernía. Con ceos descubertos, mesmo que non haxa lúa, esa paisaxe noiturna adoita ser fascinante e ás veces aseméllaseme á dunha ría, salferida de luceciñas que se agrupan en mollos ciscados polas caeiras até a beira do fondal, máis escuro, como un rego de mar con pontos luminosos coma os das embarcacións. Tal imaxino eu, que teño a señardade do mar metida na alma dende a miña infancia. Hoxe é noite negra, de trebón, venta forte, é certo, escusa doada para este apagón. Mais en Santiago hai lus a eito, o resplandor proxéctase obscenamente nas tebras das nubes baixas que gavean cara o nordés a toda mecha. E moito máis perto, ao pé de onda min, Bertamiráns é unha orxía de lus que descobre impúdicamente a sua fealdade urbanística. E máis á dereita, cara o oeste, as novas ‘urbanizacións’ (sic) de Monte Valado, o adefesio de Agro Novo, Monte Debesa, máis discreta: todas teñen luz a esgalla. Mesmo Pedrouzos, en Santa Minia, onde está o Concello de noso, se cadra por iso. Dende aí, cara acó, todo negro. As aldeas e lugares que ruben cara os Barreiros, dende Castrigo e Brans de Abaixo até Brans de Arriba e Aguiar, a nosa, ás escuras todas elas, mesmo o escaso alumeado público nas corredoiras asfaltadas que chaman ‘pistas’. Somos a periferia, ou a micro-periferia se queredes. Somos os da aldea, ou sexa, do esterco mesmo xa sen vacas nen cortellos dos porcos, que xa cáseque non hai nen unhas nen outros, agás en tres ou catro casas por xunto, as únicas onde inda fica boa xente labrega que bota millo, centeo e mesmo algo de trigo en leiras doutros viciños, sen bancos de terras nen contratos de arrendamentos, cedidas en uso pra que non fiquen a monte e incen nelas a maleza ou os alcolitos. Ás escuras outravolta. E así un inverno e outro inverno máis durante os vinte anos que hai que vivimos eiquí, que os vai facer un dia destes, e durante os primeiros, un bó feixe deles, nen sequer tiñamos a ‘trifásica’, que si que a tiña a instalación da casa que restauraramos mais non o transformador, que estaba nun poste ao vintimperio, e segue a estar ainda, e o eleitricista que daquela levaba o mantemento das liñas de Fenosa dérame unha manchea de fusíbeis gordos coma chourizos de Manzaneda para que eu mesmo puidese poñelos cando se fundían na caixa de entrada da acometida na casa, onda o contador, e tiñades que verme a min, máis novo daquela, flamante deputado e portavos de grupo parlamentar, saír da casa nas noites de temporal e mallóns dauga a dios dar pra repoñer un fusíbel sen ter que molestar ao Reboredo e agardar por il, e volver entrar enchoupado e aterecido a sentarme ao pé da Jotul de combustión lenta para aquecer antes de volverme deitar. Galiza anos noventa do século vinte, Aguiar, San Fins de Brión. Non Moreda de Novoneira, Savane do Courel, anos corenta. E o lerio inda dura, malia que xa teñamos trifásica e xa non saia repoñer os plomos gordos coma chourizos-de-manzaneda na acometida da casa, que de nada valería tampouco, porque o que salta é o transformador no poste ou ou diaño da liña que disque ven de Negreira ou vai saber ti o qué, cagho-na-cona. E vou parar, que non sei se isto que vos conto vos importa algo ou non, mais sobre todo é que me choran os ollos e non de carraxe, que tamén, senón de forzar a vista, que levo a forzalos moito máis do instantiño que vos dixera e xa no entramentras desque volo dixen a lus veu e foise varias veces, e eu a apagar e acender as candeas, apaga candeas que volveu a lus, acende as candeas que se volveu ir, apaga, acende, ‘abre la muralla, cierra la muralla, abre la muralla, cierra...’, que se inda tivésemos feito ou fixésemos agora aínda coma os protagonistas desa cantiga latinoamericán se cadra tiñamos nós tamén o equivalente dun Evo, ou dun Hugo, ou dun Correa, ou dun ‘Pepe’ Mugica, o vello ‘tupa’, mais non, que non o fixemos e temos unha ‘habichuela’, que tal siñifica en español o nome que ben vós sabedes, da mentalidade climática marbellí de importación.....Puaf!) *************************************** Volveu a luz! E Ultreia! Mais xa non teño folgos nin espazo para proseguir coa confusión da fusión e a fisión das caixas-de-pandora. Fica para a próxima –se vos dignades agardar. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| Seg. > |
|---|

X. M. Beiras-. A fusión implica un cambio de estado da materia; a fisión atinxe á sua estrutura nuclear. A fusión muda un corpo sólido nun fluido líquido; a fisión desintegra os seus átomos.