| A vaga de privatizacións alcanza ao mosteiro de Celanova |
| Iván Xil | |
| Martes, 17 de Novembro do 2009 | |
|
Iván Xil-. Os orzamentos para o vindeiro ano 2010 amosáronnos a radical política ultraliberal encamiñada polo Goberno popular, que deu luz verde á vaga de privatizacións nos servizos públicos básicos, como a sanidade ou o ensino. Nembargante, o concello de Celanova, rexido polo popular Antonio Mouriño, deu un paso máis alá para atreverse a acometer a privatización do patrimonio histórico-cultural máis senlleiro desta vila ourensá, o mosteiro de San Salvador, para convertelo nun hotel de luxo. O proxecto xestionouse durante a era Fraga, mais coa entrada do bipartito ao Goberno bateu de fociños coa Dirección Xeral de Patrimonio, que rexeitou esta operación especulativa. Agora, coa volta dos populares á Xunta, os gobernos local e autonómico pretenden pechar a operación. O mosteiro benedictino, erixido a mediados do século X, foi cedido ao concello de Celanova para o seu uso público trala desamortización de Mendizábal. Desde este momento, o edificio foi destinado para albergar servizos básicos como as dependencias consistoriais, a cátedra de latinidade, o cuartel da Milicia Nacional, a cárcere do partido e a escola primaria. Dezasete décadas despois, o Goberno municipal deu un ultimato para desaloxar estas dependencias, que na actualidade ocupan o Instituto de Ensinanza Secundaria, un Centro Social, o salón de actos municipal e diversas aulas de conferencias e exposicións, e ceder a súa xestión a unha empresa hoteleira privada. A transcendencia histórica que esta decisión política carrexa para os actuais e futuros habitantes de Celanova fai dubidar da súa lexitimidade a veciñanza e oposición. Mais aínda, cando se tenta levar a cabo sen efectuar ningún tipo de consulta pública e sen atender as opinións dos dous milleiros de veciñas e veciños que asinaron en contra do proxecto, segundo manifestaron membros da Plataforma en Defensa do Uso Público do Mosteiro de Celanova. A magnitude desta inxente operación especulativa –que comprende a construción doutro instituto a un quilómetro da vila- xa fixo que o pasado mes de outubro o asunto chegase ao Pleno do Parlamento da man dunha interpelación do deputado e deputadas nacionalistas Alfredo Suárez Canal, María Tereixa Paz Franco e María do Carme Adán Villamarín. Na sesión parlamentaria os deputados preguntaron polas razóns que levaron a Ensino a “construír un hotel de luxo no Mosteiro e trasladar o IES a un novo recinto”, pois entenden que é “un contrasentido en épocas de restrición de recursos públicos”, e máis intensamente “no ensino -libros, comedores, peche de unidades-”. Ante a incipiente mobilización veciñal e o apoio expreso ao uso público do mosteiro por parte de intelectuais, escritores e sindicalistas da talla de Xosé Luís Méndez Ferrín, Etelvino Blanco Antón Riveiro Coello, Henrique Alvarello ou Baldo Ramos, así como de asociacións cívicas, como é o caso Anacos da Cidade e outras AAVV de Ourense, o Goberno municipal tentou contrarrestar a situación mediante o envío a tódolos habitantes dun bando de dous folios a dúas caras no que se xustifican as razóns para construír o hotel de luxo e máis un novo instituto. Estes argumentos baséanse principalmente no “beneficio educativo” do novo centro, que paliará os “diversos problemas arquitectónicos que dificultan poder cumprir coa normativa escolar do actual instituto”, e mais na necesidade do hotel de luxo “para desenvolver un proxecto turístico global en Celanova”, segundo reza a batería de argumentacións asinadas polo alcalde da localidade, Antonio Mouriño. Para o Claustro de Profesores do IES de Celanova os devanditos “problemas arquitectónicos” xa foron solucionados no pasado. Segundo un escrito feito público por este organismo do centro, a “administración educativa leva investido inxentes cantidades nos últimos anos: arranxo do tellado, cableado ADSL, equipamento e, sobre todo, un polideportivo -soterrado por respecto ao patrimonio- para uso dos nosos alumnos en horario lectivo, que andou preto dos ¡tres millóns de euros! e que, sorprendentemente, permanece pechado, mentres que Educación paga autobuses para trasladar ao alumnado de Educación Física ao outro pavillón da vila”. Agora, que o traslado se fai inminente, profesores, pais e alumnos pregúntanse pola razón de ser dese pavillón escolar que nunca será utilizado polo alumnado. O mesmo lle ocorre a veciñanza en xeral, que desde unha óptica non menos abraiada polo seu absurdo, se pregunta se verdadeiramente o turismo de luxo será a utopía que evite a emigración masiva da xuventude celanovesa, ou se polo contrario, a privatización do núcleo identitario do pobo, a carón do cal xermolou e se desenvolveu a vila de Celanova, profundizará a distopía do seu exterminio como grupo social. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
























Unha incursión no territorio de Oventik, unha pequena comunidade alzada nas montañas de Chiapas, dá indicios de que a revolución é posíbel. Por cuestións de seguridade, non se pode filmar nin facer entrevistas. Polo demais, pódese percorrer a comunidade, conversar con todos e pasar a noite en “territorio libre zapatista”.
Gustavo Duch-. Refírome ó "decrecemento" que xorde inicialmente desde propostas europeas e ó "bo vivir" orixinario de comunidades indíxenas nos países andinos.