| Vinte anos despois |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Mércores, 18 de Novembro do 2009 | |
Alfredo I. Diéguez-. A alternativa pensada por Marx estaba pechada: fóra do capitalismo e da democracia burguesa, é o corolario dese discurso ideolóxico, nada era posible.
Hai agora 20 anos o mundo, realmente unha pequena parte do mundo, celebraba orgulloso a caída do muro de Berlín. Ese acontecemento histórico, unido á posterior derrota do socialismo de Estado na URSS e nas repúblicas socialistas da Europa oriental, aproveitárono os ideólogos das clases dominantes de Europa e dos Estados Unidos para instaurar o discurso do final da historia. Porén, aquel discurso, que ardentemente defendera Fukuyama, adaptouno axiña Huntington ás novas necesidades imperiais en forma de "choque das civilizacións"; ese novo discurso, que argumentaba que "a principal fonte de conflito na nova orde mundial non será máis ideolóxica ou económica, senón que os vindeiros conflitos humanos terán unha orixe cultural", non é máis que a reactualización do vello discurso que lexitima a orde instaurada pola burguesía ao longo dos tempos. A alternativa pensada por Marx estaba pechada: fóra do capitalismo e da democracia burguesa, é o corolario dese discurso ideolóxico, nada era posible. Porén, ese discurso xurdido das elites intelectuais das clases dominantes foi asumido, paradoxalmente, polas clases dominantes e por moitas das persoas que ata ese momento defenderan un discurso alternativo. Lembremos, nese sentido, que aqueles acontecementos serviron para desmobilizar a clase traballadora occidental e os movementos sociais (antimilitaristas, ecoloxistas...), tan dinámicos naqueles tempos. Preguntémonos, senón, que foi daquela vizosidade que manifestou a sociedade galega en tan diversos ámbitos ao longo das décadas anteriores, dende as mobilizacións a prol da democracia e da liberdade dos anos do tardofranquismo, ata as mobilizacións contra a brutal reconversión industrial que afectaba ás cidades industriais máis combativas nos anos setenta, as loitas veciñais e estudantís contra as taxas do autobús urbano en Vigo, as mobilizacións contra as verteduras radioactivas na foxa atlántica -a poucas millas das nosas costas- e contra a entrada de España na OTAN, as mobilizacións estudantís contra as sucesivas reformas educativas que abrían o camiño á degradación do ensino público, o activismo a prol da insubmisión e a desmilitarización... De súpeto, baixo as novas leis impostas pola apisoadora neoliberal, que precarizaron as condicións de vida da clase traballadora xerando inestabilidade laboral e endebedamento familiar -á marxe de aumentar a fractura social entre ricos e pobres-, todo ese dinamismo social esvaeuse. As clases dominantes lograban así o seu obxectivo: someter o Estado aos seus intereses; non en van, o estado do benestar non fora máis que unha conquista da clase traballadora no contexto da guerra fría -non unha concesión da burguesía-. Anos despois, rexurdiu o soño utópico dos "parias da Terra", pero nesta ocasión disociado dun partido capaz de exercer de intelectual colectivo, de conquistar o poder político e de construír unha alternativa democrática ao capitalismo. Velaí un erro que cómpre rectificar para romper os muros do capitalismo. Publicado en Galicia Hoxe | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Alfredo I. Diéguez-. A alternativa pensada por Marx estaba pechada: fóra do capitalismo e da democracia burguesa, é o corolario dese discurso ideolóxico, nada era posible.
