| A vertixe da historia |
| Carlos Taibo | |
| Martes, 24 de Novembro do 2009 | |
Carlos Taibo-. …moitas das ideas que a orde liberal creu arrinconar para sempre reaparecen, ben é certo que a miúdo en orgullosa contestación do que foron os réximes do socialismo irreal.O vixésimo aniversario da desaparición do Muro de Berlín deixounos un alude de literatura que pretende rescatar o que foron aqueles acontecementos. Apenas viron a luz, con todo, análises que permitan calibrar o que supuxeron os feitos de 1989. Parecera coma se, na zozobra xeral en que estamos, optásemos polo relato historicista e pintoresco e afastásemonos de calquera sorte de reflexión que obrigue a escarbar, en serio, nas causas desa zozobra. As reflexións do momento non deixaron oco, polo momento, para unha discusión vital: a que se pregunta polo que foron, ao cabo, os sistemas de tipo soviético. Aínda hoxe son moitos os que viven dunha dobre ilusión óptica: por unha banda, a que nace da certeza de que eses sistemas eran realmente comunistas e, polo outro, a que dá por descontado que co afundimento da URSS o comunismo desapareceu irremediabelmente da face da Terra. Se o primeiro é máis que discutíbele –os sistemas de tipo soviético de ningún xeito conseguiron transcender o universo histórico e social do capitalismo–, o segundo revélase pouco críbel nun planeta no que, 20 anos despois, moitas das ideas que a orde liberal creu arrinconar para sempre reaparecen, ben é certo que a miúdo en orgullosa contestación do que foron os réximes do socialismo irreal. En paralelo, sobran as razóns para recelar do bo sentido dalgúns dos prognósticos que se formularon no ronsel dos feitos de 1989. O máis soado foi, claro, o que se refería a un eventual final da historia da man da incontestada entronización da orde liberal. Momento é este de reflexionar sobre a formidábel aceleración dos ritmos que permite que hoxe, só 20 anos despois, todas as certezas de entón se esluíran. Coa globalización e o propio capitalismo en dúbida, a vertixe dos tempos asáltanos e invita a abandonar calquera certidumbre no que fai ao rigor das grandes teses que nos acompañaron nos últimos catro lustros. A efeméride de 1989 debería servir, por riba de todo, para acometer unha reflexión sobre o singularísimo momento histórico en que nos atopamos. Aínda que é verdade que, a diferenza do acontecido 20 anos atrás, o sistema hoxe en crise, o capitalismo, benefíciase da ausencia, máis aló de respetabilísimas elaboracións teóricas, de fórmulas alternativas que dean réplica á triste realidade que arrastramos, a súa crise despunta aquí e acolá. Á marxe da súa incapacidade para acabar coa pobreza, a exclusión e a inxustiza, cada vez faise máis evidente a súa vocación de agudizar os problemas ambientais e de recursos que acosan ao planeta. Máis aló do anterior, con todo, dous datos permiten tomar o pulso á condición contemporánea do capitalismo. O primeiro lémbranos que, á calor dun proceso globalizador que apostou con claridade pola xestación dun paraíso fiscal de escala planetaria, en aberta ignorancia de calquera razón de cariz humano, social ou ecolóxico, perfilouse un caos de escala planetaria que escapou visibelmente do control e dos intereses de quen puxeron en marcha o proceso correspondente. O segundo subliña o que por intres antóllase evidente: a rechamante incapacidade do capitalismo destas horas para dar satisfacción dos seus propios obxectivos. Tirado de Público | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Carlos Taibo-. …moitas das ideas que a orde liberal creu arrinconar para sempre reaparecen, ben é certo que a miúdo en orgullosa contestación do que foron os réximes do socialismo irreal.