A esquerda despois de Seattle
Raúl Asegurado   
Martes, 01 de Decembro do 2009

 Raúl Asegurado-. Seattle foi a constatación de que o imperialismo, agora chamado globalización, podía ser respostado por unha cidadanía consciente dos estragos que o modelo capitalista estaba a facer en múltiples aspectos da vida planetaria…

Que significou Seattle para a esquerda? Seattle foi a constatación de que o imperialismo, agora chamado globalización, podía ser respostado por unha cidadanía consciente dos estragos que o modelo capitalista estaba a facer en múltiples aspectos da vida planetaria (na natureza, nos modelos de relación e de construción social). Que o proceso de racionalización neoliberal estaba asumido por unha cidadanía crítica que comprendía a dimensión dos seus efectos e tiña que artellar mecanismos para combatelos. Seattle foi por tanto o primeiro paso, partillar a análise da responsabilidade das organizacións transnacionais e manifestarse contra delas.

A esquerda despois de Seattle tiña novos obxectivos, novas estratexias e sobre todo, unha responsabilidade imaxinativa de artellar novos mecanismos de combate que transcendían os vellos paradigmas clásicos.

Nunha obra de Marta Harnecker que chegou ás miñas mans hai un lustro (titulada da como este artigo), a teórica marxista diagnostica oito experiencias latinoamericanas que respostan a un novo paradigma de configuración estratéxica contra o neoliberalismo. Na segunda parte dá unha serie de pinceladas do que pode ser o primeiro achegamento rigoroso ás novas relacións entre a esquerda social e as aspiracións políticas anticapitalistas do século XXI. Agora, dez anos despois, podemos retomar os retos que aí prantexaba para analizalos e constatar cal é a situación da estratexia da esquerda hoxendía.

  1. A crise da política e os políticos. Nesta última década a constatación de que o vello modelo de partido é inoperante está farto demostrada: a) os reducidos espazos de poder outorgados á política, servilista dos intereses económicos dunha minoría. b) O meirande desinterese social pola política explica a diverxencia entre a praxe política institucional e a vida das cidadás e dos cidadáns así como a baixa ou nula permeabilidade coa que contan os partidos políticos respeito da sociedade na que están inmersos. c) A participación social nos intereses públicos está secuestrada polo modelo dunha democracia anquilosada nun sistema clásico de partidos que loitan só por cotas de poder. d) A pouca transparencia dos partidos, concretamente no referente ao seu financiamento, que os converte en brazos dos intereses económicos das empresas privadas que os financian.

  2. Ausencia dunha proposta de sociedade alternativa ao capitalismo. Novas estratexias, métodos e plantexamentos teóricos estanse a prantexar para aproximarnos a un discurso de maior igualdade e liberdade, dereitos humanos internacionamente entendidos etc…, como é o caso do decrecemento e a renda básica de cidadanía. Mais un discurso novo, que abrangue desde as formas de produción até os procesos de racionalización social pasando por unhas novas formas de artellamento institucional que inclúa tanto os dereitos colectivos (soberanía das nacións) como as condicións materiais da existencia; é aínda un desafío.

  3. Dificultades da esquerda partidaria. Anquilosada nun modelo de partido inoperante sen un discurso "total", cunha praxe institucional de parámetros capitalistas e inmersa nunha corrente ultraliberal que afoga calquera política novidosa, o modelo de fronte que existíu no noso país agora internamente debatido e ameazado para reconstruílo nun modelo clásico de partido só preocupado por cotas do poder irreal das institución políticas.

  4. Limitacións da esquerda social. Algunhas veces son correas de transmisión de aparatos políticos e outras sumamente orfas de discurso político especializándose como técnicos sociais de diferentes aspectos da vida colectiva lonxanas de encarnar unha alternativa emancipadora política e aínda máis, social.

Eis, unha década despois, o momento de consolidar e madurar unha análise máis que sabida, que podemos enunciar nestes paradigmas:

  1. O sistema capitalista non pode ofertar a existencia material da sociedade no futuro.

  2. O sistema clásico de partidos non resposta como superestructura ao respeito á soberanía nacional nin ao sufraxio universal e por tanto, alónxase da aspiración real da esquerda de emancipar á sociedade no seu conxunto dos intereses privados das elites minoritarias.

  3. O poder político debe controlar o mercado para decrecer sustentábelmente e garantir internacionalmente as condicións materiais da existencia.

  4. Os dereitos universais deben ser o código de conducta lexislativo do mercado trasnacional e non os intereses privados.

  5. A relación entre organizacións políticas e civís debe ser en plano de igualdade orientados a diferentes esferas do poder social. Aumentando o grao de permeabilidade e a participación dunhas con outras e da cidadanía no seu conxunto.

A comprensión destes paradigmas teóricos na praxe das organizacións da sociedade civil e nos seus discursos, provocarían unhas condicións novas que facilitarían a emerxencia dun novo suxeito histórico que auspiciaría unha nova fase na esquerda, actualizando as análises marxistas que permitan enraizarse con alternativas reais, que se ben deran respostas heteroxéneas e puntuais en diversos aspectos da vida social, manterían unha altura de miras globais e emancipadoras para o conxunto. As alternativas locais (políticas e sociais) desde a análise dos movementos antiglobalización son a materia pendente unha década despois de Seattle.


Raúl Asegurado
Sobre o autor ou autora:
AIS 'O Peto'
Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >