| Enganosa liberdade |
| Manoel Santos | |
| Sábado, 30 de Setembro do 2006 | |
|
[Publicado en Galicia Hoxe] A resposta que o “mandamenos” do Partido Popular –refírome a Mariano Rajoy– dirixiu cara ó goberno ao respecto da súa intervención no barullo ese das OPAS entre eléctricas ten compoñentes humorísticos, como case sempre que o do PP abre a boca, e tráxicos á vez. Falo desa resposta curta –recurso dos politiquiños do século XXI, que só pensan no efecto mediático do que vomitan– na que pedía ao goberno “libertad, libertad y libertad” nas ofertas de compra que rebulen polo sector enerxético. Por un intre pensei que o Mariano sufrira un colapso sináptico republicano. Á frase só lle faltaba a compaña dun cornetín e certo ritmo para que o viramos entoar o himno de Riego e aos seus facerlle os coros á voz de “viva a Pepa”, ou algo así. Como saberán, o antedito himno foi oficial na II República e falaba dos fillos do Cid, dos soldados da patria e de vencer ou morrer, pero a pé de rúa lle engadían coplas máis xeitosas: “Si los Reyes de España supieran / lo poco que van a durar / a la calle saldrían gritando / ¡libertad, libertad, libertad!”. Ata aquí o humorístico da cousa. A parte tráxica ten que ver co feito de que na ideoloxía ultraliberal que impera na individualista mentalidade de todos os que nos mandan, a máxima parece ser a de identificar a economía de empresa, como tamén dixo Rajoy, coa liberdade. De feito, fan propaganda continua das súas insolidarias regras coma se foran a única alternativa (pensamento único), supoño que porque niso lles vai o poder, e miran aos que teiman en pedir a intervención estatal para salvar o Estado do Benestar coma se foran endemoñados cometendo sacrilexio contra a liberdade. Xa sei que non é o do affaire das eléctricas o caso, pero aí me foi a mente. Hogano semella que ese ben eternamente buscado polos seres humanos, o da facultade de obrar dun xeito ou doutro sendo responsábeis dos nosos actos, non é a liberdade. Arestora esta é o dereito das empresas a xogar cos seus activos onde lles pareza, a especular de parqué en parqué, a ceibar o seu capital por calquera recuncho do planeta –paraísos fiscais incluídos, sen atrancos alfandegueiros e co dereito de esmagar a quen lles pete. E sempre por riba dos intereses dos pobos e das decisións dos Estados, que xa non poden protexer aos do común e se limitan a xestionar, porque hai tempo que se deixaron asoballar polo ultracapitalismo e os seus “principios de liberdade” en forma de desregulacións, privatizacións, flexibilidade fiscal, redución de gastos sociais… En definitiva, os incompetentes dos nosos gobernantes deixáronnos en mans da doutrina neoliberal, na que o capital diñeiro é máis importante có humano. O das eléctricas é un dos casos máis flagrantes, pois basean a súa riqueza no patrimonio común. Esnaquizan os nosos ríos, os nosos montes e mesmo o aire que respiramos coma se lles foran outorgados por unha divindade á que chaman mercado libre. Pero hai moito máis. Aí están por exemplo as privatizacións de todo o público (telecomunicacións, transportes, educación, sanidade, seguridade social, cultura…) e a entronización da competitividade, que ao cabo sempre remata en fusións e absorcións con despedimentos de traballadores, coa ruína das pequenas empresas, con servizos máis deficitarios e demostrando que o da liberalización –que non liberdade– é un engano, porque nunca reverte no ben común. É iso a liberdade? Abofé que non. Esta segue a ter que ver co dereito da humanidade a gozar dunha vida digna, a escoller o que queren comer, como educar aos seus, que lingua falar, como xestionar os recursos naturais, que sistema político lles convén (autodeterminación) e mesmo onde queren vivir. Esta agresiva oda dos neoliberalistas á liberdade de mercado contraponse á das persoas, que por exemplo non poden circular polo mundo coma o fan os cartos e ven como se constrúen sociedades excluíntes como a europea, que é unha unión de mercado e non de persoas. De feito, ata a libre circulación da xente dentro da UE se interrompe cando a eles lles peta, pois suspenden o acordo de Schengen a pracer, xa sexa por mor dun casamento real, do medo ao terrorismo ou pola ameaza de mobilizacións altermundistas. Mais que tratar de evitar que as empresas que mercadean coas necesidades e bens públicos sexan dominadas polo capital doutros países, o que non deixa de ser nacionalismo empresarial, o que habería é que expropialas a todas e devolver á cidadanía o control do que lle pertence. O control da súa vida. E con el a liberdade.• | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

