O enguedello das "caixas" IV "Flash-back"
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 07 de Decembro do 2009

X. M. Beiras-. No vran do 1985, portanto aínda na primeira lexislatura da recén estreada Autonomía política galega, o Parlamento de Galiza madrugou en aprobar unha lei -Lei 7/1985 de 17 de xullo- reguladora das Caixas de Aforros.

Tanto das que tiñan o seu domicilio social na Galiza como tamén das actividades, no territorio galego, das que o tiñan fóra. A nosa cámara de representantes amostrábase así dilixente en exercitar o mandato competencial lexislativo conferido polo Estatuto de Autonomía que, no punto 5 do apartado I do seu artigo 30, incluía ás "institucións de crédito corporativo, público e territorial e Caixas de Aforros" nas materias de "competencia exclusiva" da Comunidade Autónoma galega. Compre dicir que Camilo Nogueira, coa sua tenacidade característica, tivera bastante que ver co logro da inclusión desa competencia na carta autonómica galega, xa dende o proceso de elaboración do famoso "Estatuto dos dezaseis", precedente xerminal -e máis ambicioso por certo- do texto que finalmente aprobarían as Cortes españolas e entraría en vigor no 1981.

Para esa declaración de "competencia exclusiva", o devandito artigo 30 invocaba os "termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1, 11 e 13 da Constitución" española. E o único marco normativo limitativo do exercizo desa competencia exclusiva era iste: "De acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado". Reparemos na literalidade dese enunciado: o linde competencial sinálao o respeito ás "bases" ordenadoras a nivel do Estado da sua política macroeconómica, como conxunto -"actuación económica xeral"- e, dentro dela, da política monetaria -tamén macroeconómica e xeral, portanto. Insisto: trátase, daquela, das bases e ordeación xeral -por certo que a Constitución (a.149.1, 13º) di literalmente "coordenación", que non é idéntico a "ordenación"; e di "da planificación xeral da actividade económica", que tampouco é o mesmo ca "actuación económica xeral". Mais, ao caso: non se trata, portanto, da regulación normativa concreta e polo miúdo das materias confiadas en "competencia exclusiva" á nosa autonomía -poisque doutro xeito, evidentemente, estaría de sobro, por valeiro de contido efectivo, o establecido como competencia propria polo Estatuto, e que fora asumido e convirtido en lei orgánica do Estado polas proprias Cortes.

Á par da regulación das Caixas, figuraban no mesmo artigo 30 -figuran aínda, poisque o Estatuto non foi abolido, derrogado nen legalmente demoucado, que eu saiba- como materias de competencia exclusiva "nosa" a industria, a agricultura e gandería, o comercio interior (pontos 2, 3 e 4), e até esta xoia de "welfare economics" keynesián, paradigma daquela aínda non esborrallado pola barbarie ultra-liberal (ponto 6): "Sector público económico de Galicia". Por certo que o apartado II dese artigo decretaba inclusive que "a Comunidade Autónoma galega participará, tamén, na xestión do sector público económico estatal" ubicado en territorio galego -e relembremos que, naquela altura, formaban parte dese sector empresas e factorías do INI como Bazán, Astano, As pontes, San Cibrán, e así seguido. Inciso: qué fica efectivamente en vigor de todo iso? Úlo o "sector público económico galego"? Cándo e ónde chegou a participar a Xunta nas empresas públicas estatais antes de seren regaladas ao gran capital privado ou á contorna dos buscóns azanaristas?. Úlo o exercizo de todos eses eidos competenciais exclusivos polas sucesivas maiorías parlamentares e governos da Xunta, ostentados polas "forzas de ocupación" da dereita española durante vintetrés dos vinteoito anos que levamos de "autogoverno" ou, se preferides, de "governos autistas"?. Pero prosigamos.

O que dotaba de sentido "común" a ese conxunto de materias competenciais exclusivas érao a posibilidade de elaborar, artellar e vertebrar unha política macroeconómica antónoma, axeitada á peculiar realidade socieonómica do noso país e capaz de remediar a patoloxía do noso subdesenvolvemento -aínda dentro das escasas marxes permitidas pola Constitución. Esa pretensión traducíase en norma estatutaria no ponto primeiro dos enunciados nese mesmo artigo 30: "Fomento e planificación da actividade económica en Galicia". Verdade que se fixo uso dese precepto?. Verdade que os sucesivos governos e maiorías parlamentares autónomas foron esforzada e patrióticamente dilixentes en planificaren a ordenación e desenvolvemento socioeconómico do benestar da nación galega e dos seus cidadáns? Tal "como en Irlanda, como en Irlanda", que bradaba o católico Brañas tan adorado polo fraguismo? Acaso non se fixo uso para tan "galeguista" finalidade do preciosísimo instrumento financeiro que era a rede das "caixas" -de Pandora- galegas? -non riades, que o conto é triste, escribira o "irmán Daniel", e fixéralle eco saloucante Cabanillas: "na praia de Rianxo caían como bágoas as estrelas".

O certo é que, dos artigos da Constitución invocados polo "noso" Estatuto no devandito artigo 30, cáles chegaron a aplicarse ou tan sequer respeitárense?. O 38 recoñece a "liberdade de empresa no marco da economía de mercado", e compromete aos poderes públicos a garantiren "o seu exercicio e a defensa da produtividade", mais condiciónao a que sexa "de acordo coas esixencias da economía xeral e, cando corresponda, da planificación". Úla?. O 131 asevera que "o Estado, mediante lei, poderá planificar a actividade económica xeral para atender ás necesidades colectivas, equilibrar e harmonizar o desenvolvemento rexional e sectorial e estimular o crecemento da renda e da riqueza e a sua máis xusta distribución" Maravilloso: fíxoo, non si? Pero hai máis, no ponto 2 desa mesma norma constitucional, establécese o compromiso de que "o Goberno elaborará os proxectos de planificación de acordo coas previsións que lle sexan subministradas polas Comunidades Autónomas". Nunca os sucesivos governos do Estado obedeceron ese precepto constitucional. É máis: "A tal fin constituiráse un Consello, cunha composición e cunhas funcións que se desenvolverán por lei" -remata ese artigo. Criouse, si, o Consello Económico e Social, por lei de 1991 -mais nunca funcionou operativamente, e nunca se chegou a darlle presencia nil á flamante Comunidade Autónoma galega, nen sequer no apoxeo do esplendor fraguiano: eu reclamárallo cando do famoso "diálogo institucional", e il confesárame a sua impotencia política no asunto.

Coidaredes, se cadra, que isto pouco ten que ver co enguedelllo das "caixas": pois xa vedes en cal contexto se situa en orixe ese eido competencial autónomo, a sua razón de ser, os atrancos políticos ao seu exercizo, o desleixo dos ocupantes das institucións galegas responsábeis de exercelo, e a xestación do proceso que desembocaría no enguedello actual. Prosigo, logo?

Etabamos en que a primeira lei de Caixas galega era de xullo do 1985. No Estado, o Psoe gonzalista áchase en pleno apoxeo: primeira lexislatura de governo con maioría absolutísima. Pois ben, cousa dun mes máis tarde, en agosto dese mesmo ano, promúlgase unha lei das Cortes españolas (Lei 31/1985) , que non se ocupa de regular as bases nen a ordenación-coordenación da planificación-actuación económica xeral nen tampouco da política monetaria macroeconómica -conforme vimos que reservaba a Constitución ao poder central. Non. Esa lei impón o "Regulamento das normas sobre órganos rectores das Caixas de Aforro". Así comenza a intromisión, a invasión dese eido competencial declarado "exclusivo" polo Estatuto de Autonomía de Galicia. Así enceta o poder central o proceso de uniformización dunha morfoloxía tan diversa e tan vencellada a cada peculiar realidade socio-institucional e orixe fundacional como é o deseño orgánico desas entidades non mercantís de economía social que son as caixas de aforros -diversidade ben marcada aínda, naquela altura, mesmo dentro do pequeno pero polimorfo universo galego.

Pero no ronsel desa lei navega logo -faltaba máis- o Tribunal Constitucional, como buque-escolta do governo central dedicado a botar cárregas de profundidade contra calquera das "nacionalidades históricas" que pretenda exercer as suas competencias políticas. O Tribunal é lento, pero seguro, no seu labor de cancerbero do Estado unitario de sempre, disfrazado de "descentralizado": a nosa nación-sen-estado ten declaradas potestades moi lindas, a condición de que non as exerza máis que pra aforrarlle choio administrativo ao poder central -xa se sabe, algo así como unha deputación supra-provincial, con caciques incluídos. E o T.C. dicta duas sentencias no mesmo día, o 22 de marzo, do 1988. Unha delas arremete contra a lei galega das Caixas, a de xullo do 1985, e anúlalle un feixe de artigos. A outra, por se acaso non abondase con iso, atribuelle "carácter básico" a determinadas normas da lei estatal intrusista no tema dos órganos das Caixas, a de agosto do 1985 tamén.

En Galiza governa, neses intres, o malpocado "tripartito" -Psoe, CG, PNG- presidido polo infeliz Fernando G.Laxe, sospeitoso en Madrid por ter sido outrora "pexego" (do PSG), e odiado en Génova por ter ousado apresentar, e por riba gañar, unha moción de censura contra a inefábel "Xunta de Albor" -aquela á que lle cantabamos "no cortello está millor", lembrádesvos?. E ese governo da Xunta baixa as cirolas perante o T.C. e apresúrase a tramitar no Parlamento un proxecto de lei de modificación da lei galega de Caixas do 1985. A exposición de motivos dese proxecto de lei é patética. Ten dous breves paragrafos. O primeiro dá conta das sentencias do T.C. atentatorias contra as competencias estatutarias do Parlamento e a Xunta de Galiza -ou sexa, as suas, as dese governo tripartito investido un ano antes por ese parlamento. O segundo confesa as suas culpas e fai acto de atrición, coma os encausados pola Inquisición de outrora e de arestora: "Co fin de lles dar cumprimento ás Sentencias mencionadas, compre proceder á adecuación da Lei galega ás resolucións das mesmas, mediante a supresión das custións declaradas inconstitucionais e a modificación da redacción daqueles artigos nos que o texto orixinario (...) é incompatible coa normativa declarada básica". Abraiante, poisque o único inconstitucional dese asunto érano as sentencias do tal Tribunal Constitucional da Inquisición celtibérica. O BNG tiña un só deputado na cámara: ben sabedes que era eu mesmo. A emenda de totalidade e devolución que apresento daquela tiña un texto moi breve tamén -e mesmo tamén patético, a fin de contas: "este Proxecto de lei -argüía- significa un autorrecorte de competencias promovido pola actual opción no poder". A demouca ou auto-castración da primeira lei galega das Caixas consumouse o 25 de abril do 1989: quince aniversario da revolución portuguesa "dos cravos". Daquela non había, que se soubese, crise nen buracos negros nas institucións financeiras galegas de aforro "popular". Mais xa comezaba a prepararse o asalto do poder central a esa cidadela ubicada fóra do seu feudo. Remataba así o primeiro acto da traxicomedia que tería como desenlace o actual enguedello das "caixas"... de Pandora. O segundo contareivolo outro día, se queredes. Agora voume a Madrid -a conspirar.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >