| Pola República... |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Martes, 08 de Decembro do 2009 | |
|
Alfredo I. Diéguez-. Hai 34 anos, concretamente dous días despois da morte do ditador Francisco Franco, Xoán Carlos de Borbón, a quen o ditador designara o seu lexítimo sucesor, foi coroado rei de España.
Uns anos máis tarde, o 6 de decembro de 1978, o pobo español referendaba unha Constitución monárquica, convertendo así a herdanza franquista en lexitimidade democrática. Abofé que ese foi un éxito rotundo das clases dominantes, que souberon subtraer o pobo soberano, segundo recoñecía a Lei para a reforma política de 1976 e a propia Constitución, o lexítimo dereito a decidir sobre o modelo de estado: monárquico ou republicano. Semellante subtracción fora denunciada, apenas uns días antes de que se celebrasen as primeiras eleccións democráticas tras a morte do ditador, por José Vidal-Beneyto, quen advertía no lúcido ensaio Del Franquismo a una democracia de clase (1977) que a Transición se estaba a converter nun proceso de substitución do franquismo por unha democracia de clase, na que o obxectivo era consolidar o control político e económico da burguesía. Obviamente, ese obxectivo fíxose posible mediante tres estratexias paralelas: a subtracción do lexítimo dereito á participación política do pobo, substituíndo a acción política popular pola negociación secreta entre profesionais da política; a reconversión democrática da clase política franquista e a cooptación por e para o poder dunha parte da oposición, mesmo da comunista, que a partir dese momento se viu obrigada a demostrar electoralmente a súa forza e a prescindir da mobilización popular como axente promotor do cambio. Así, en palabras de Manuel Vázquez Montalbán, podería dicirse que "os sectores sociais que gañaron a guerra civil volveron gañar na Transición empregando os reformistas do franquismo e os reformistas da esquerda". Sinalábao o outro día o Beiras, quen, relendo a obra de Joan Garcés no seu libro Soberanos e intervenidos: estrategias globales, americanos y españoles (1996), ao que deberiamos engadir La CIA en España (2006), de Alfredo Grimaldos, e Ricos por la patria: grandes magnates de la dictadura, altos financieros de la democracia (2001), de Manuel Sánchez Soler, sostiña que o mito da Transición agocha o paso do réxime franquista a unha monarquía parlamentaria na que non se alterou a estrutura do poder económico herdada do franquismo. Neste sentido, pois, no momento de crise actual, derivada dos pactos -como os Pactos da Moncloa- e acordos -como os Acordos coa Santa Sé-, decididos ás costas do pobo soberano, débese denunciar a monarquía, unha institución política predemocrática que só artificialmente pode coexistir cun estado democrático (lembremos, neste sentido, a incompatibilidade entre os dereitos dinásticos á herdanza da xefatura do Estado e o dereito democrático á elección de calquera cidadán ou cidadá por calquera cidadán ou cidadá á xefatura do Estado), como garante dese sistema e abrir, xa que logo, un novo proceso, radicalmente democrático por republicano, laico, federal e socialista. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

