Sahara libre xa!
Jordi Calvo Rufanges   
Luns, 14 de Decembro do 2009

 Jordi Calvo-. Aminatou Haidar puxo contra as cordas ao Goberno español, que mostra sensibilidade polo caso persoal pero que non se sitúa no aspecto de fondo da protesta…

A cuestión política do Sahara Occidental volveu á actualidade grazas a unha acción de protesta noviolenta dunha soa activista. Aminatou Haidar puxo contra as cordas ao Goberno español, que mostra sensibilidade polo caso persoal pero que non se sitúa no aspecto de fondo da protesta, a procura dunha solución á inaceptábel situación do pobo saharauí. Aminatou está a facer máis do que debe, xa que tantos días de folga de fame teñen efectos sobre a saúde que lle poden deixar secuelas. Se a activista saharauí fixo máis que suficiente, non podemos dicir o mesmo dos gobernos implicados. Marrocos móstrase inflexíbel e insensíbel. España, pola súa banda, amosa unha imaxe de voluntarismo incompetente, que creo que agacha simplemente unha realpolitik que segue vendo como máis interesante unhas relacións exentas de conflito coa monarquía veciña, en comparanza cun posicionamento claro pola procura dunha solución xusta para o pobo saharauí, que non é outra que a autodeterminación.

O apoio dos medios de comunicación, así como de intelectuais e outros famosos considerados líderes de opinión na nosa sociedade, está a facer que a estratexia de Aminatou sexa efectiva. Só con máis apoio mediático e social se pode conseguir que Moratinos ou Zapatero consideren que lles é máis interesante apoiar a causa saharauí e permitir así un final feliz da folga de fame de Aminatou, que manter a súa lúa de mel cuns veciños aos que parece que lles temos máis medo do esperado. Polo que respecta a Aminatou, faltan palabras para definir a súa valente e arriscada acción, pero se cadra vén sendo hora de que polo menos faga unha pausa na súa protesta e non poña en perigo a súa vida. Co seu xesto xa se converteu en todo un símbolo da causa saharauí que oxalá consiga o resultado que maioritariamente a sociedade española demanda, unha solución xusta para o Sahara Occidental.


Jordi Calvo Rufanges
Sobre o autor ou autora:
Economista e investigador sobre movementos sociais.
Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >