| O inxusto xuízo a Egunkaria |
| Jabi Zabala | |
| Martes, 15 de Decembro do 2009 | |
Aínda que nos pareza que os argumentos da acusación non teñen base argumentativa algunha, aínda que vexamos fortes aos da defensa, non debemos esquecer que nestes xuízos nunca se sabe, de que son fortes condenas as que están en xogo, que bastante sufriron xa os procesados, unhas persoas cuxo único delito foi pór en marcha un diario en éuscaro.
Hoxe comeza o xuízo aos procesados a causa do peche, en febreiro de 2003, do diario Euskaldunon Egunkaria. Por mor daquel peche, e desde entón, veño escribindo neste blog as miñas pedradas, desvaríos e reflexións. Hoxe, por primeira vez desde entón, decidinme a escribir en castelán para tratar de contar a quen teña interese e queira escoitar a miña explicación de por que este proceso é un dos maiores despropósitos xudiciais dos últimos anos. Sinceiramente creo que, ademais doutras circunstancias desfavorabeis do contexto político, o descoñecemento fóra da nosa comunidade vascoparlante sobre o que era Egunkaria fixo posíbel que o pecharan impunemente. Tamén fixo posíbel a prolongación no tempo deste inxusto proceso e que hoxe teñamos que estar falando de compañeiros xulgados, ademais de no seu día ultraxados, maltratados e calumniados. A pasada semana cumpríronse 19 anos desde que, un 6 de decembro de 1990, saíu á rúa o primeiro diario en éuscaro desde a guerra civil. Seguramente entón moi pouca xente decatouse diso en España, porque esas cousas non adoitan ser noticia en Madrid. En cambio, para a comunidade vascoparlante foi un fito, un paso na normalización da lingua, esperado e traballado por moita xente. Cun orzamento máis que modesto e nulo apoio institucional nos seus comezos, Euskaldunon Egunkaria foi un proxecto sufragado dos petos de euscalduns de toda condición que sentían necesario ter un diario na súa lingua. A aparición de Egunkaria tivo lugar coincidindo coa feira de Durango, a principal feira do libro e disco vascos, que se celebra cada ano a principios de decembro. Fóra do País Vasco ben pouco se sabe deste evento, xa que raramente é mencionado nos medios da corte, pero eu levo 23 anos sen faltar nin un só á cita. Recordo que xa antes de aparecer o primeiro número estivemos facendo campaña no instituto público no que eu cursaba os meus estudos en modelo A, en apoio de Egunkaria Sortzen, reunindo diñeiro e facendo propaganda dun proxecto que, entón non era visto con bos ollos por ningunha administración, pero que espertaba unha ilusión palpábel en moita xente, euscalduns de toda condición. Aínda teño gardado o exemplar daquel primeiro número daquel diario no que anos máis tarde tería a sorte de pasar un verán como novo redactor en prácticas e que supuxo unha experiencia moi enriquecedora a nivel profesional e persoal. Sempre tiven moi claro que a miña vocación era o xornalismo: contar á xente o que sucede, achegar verdade, coñecemento e cultura á sociedade para facela mellor. Fascinábame a imaxe cinematográfica do reporteiro e recordo que na UPV estudaba con maior ilusión as materias relacionadas directamente coa práctica xornalística á vez que, embarcado na aventura de facer a carreira en éuscaro, reforzaba os meus escasos coñecementos día a día. Que conste que segue parecéndome unha profesión en principio admirábel, de servizo, corrompida a miúdo pola realidade das empresas xornalísticas e as liñas editoriais. Nun contexto no que todos os demais xornais reflectían sen disimulo as forzas políticas que os impulsaban e manexaban, a imaxe que eu tiña de Egunkaria era a do máis neutral de todos eles. Dada a peculiar situación da nosa comunidade lingüística, pequena e minorizada nunha diglosia desfavorábel, sendo o éuscaro boneco permantente do pimpampún partidista, Egunkaria debía ser decididamente neutral para poder ter lectores de todas as correntes nas que se dividía a pequena masa lectora euscaldun, non tiña outra opción e cultivou a conciencia ese non mollarse. A moita xente parecíanos que facía da necesidade virtude, é dicir, que de feito era o máis neutro, o menos emotivo, o que mellor distinguía os xéneros informativos dos opinativos nas súas escasas páxinas e o máis plural no seu elenco de columnistas. Non tiña editorial, outra proba máis da súa vontade de non significarse demasiado. Egunkaria, ademais, achegaba unha función moi importante na compactación da comunidade e na normalización da lingua. Recordo o seu primeiro libro de estilo, que eu lía e relía coma se fose unha novela e que, en edicións posteriores, corrixido e aumentado, foi estandarizando o éuscaro correctamente escrito, confirmándoo como unha lingua totalmente homologada para a comunicación mediática. Ilusioneime moito cando en xuño de 1995 recibín en casa a inesperada chamada de Martxelo Otamendi, invitándome a pasar o verán como bolseiro en Andoain. Presentoume sen moito convencemento a unha proba de selección na que había unha multitude de euskaldunzaharras que seguramente dominaban mellor que eu a redacción en éuscaro. O caso é que acudín gustoso e foi unha experiencia vital da que gardo un grato recordo. Alí había un ambiente moi cordial, con xente nova de diversas orixes e variadas filiacións, aínda que a maioría non parecían estar demasiado interesados en política. Desde logo, ninguén me preguntou a quen votaba e, por suposto nunca vin a ninguén pasearse con pasamontañas e pistola pola redacción. Logo daquela experiencia en Andoain veu outra, xa en Bilbo, facendo sustitucións. Despois, varios anos como colaborador en suplementos (Uni, KZ, Udagiroa, Barkatu Ama), crónicas de última páxina... Pasei por política, sociedade, cultura... Ata escribín sobre deportes! Coñecín a moitas persoas e podo asegurar que xamais percibín a máis mínima sensación de pertencer a trama nin “contorna” algunha, nin sospitabamos como o noso traballo naquel proxecto podería beneficiar a ETA. Obviamente, está claro que non eramos o suficientemente retortos (enténdase a ironía). Por suposto, identificabámonos co proxecto como vascófilos, e é que tiña a súa boa parte de militancia o aceptar un soldo varias veces máis baixo que o de compañeiros doutros medios. Moita xente, ata no País Vasco, descoñecía a existencia de Egunkaria ata o día do seu peche. Seino porque me tocou a miúdo repetir o nome e explicar que era o único diario en éuscaro. Penso que a impunidade coa que se portaron con Egunkaria susténtase en gran parte nese descoñecemento xeneralizado na sociedade española cara a todo o relacionado coa lingua e cultura vascas. Basta porse a pensar e darse conta de que a maioría de españois nin sequera saben “como soa” a nosa lingua, xa que en contadísimas excepcións apareceu alguén expresándose en éuscaro en TVE, por pór un exemplo. Soa forte, pero é así. Outro exemplo: antonte mesmo tivo lugar un evento cultural de primeira orde no mundo vascófono, con 14.000 persoas asistindo no BEC á final do campionato de bertsolaris (improvisadores de versos). Pois ben, non foi noticia EN NINGUN MEDIO fóra de Euskal Herria. Moitísimas máis posibilidades de publicarse en Madrid tería a combustión espontánea dunha papeleira en calquera barrio de Bilbao. A mañá do 20 de febreiro de 2003 non saïamos do noso asombro cando oímos que pecharan Egunkaria e detido a varios directivos. A verdade é que desde un punto de vista político non acabo de entender por que a Garda Civil e Del Olmo decidiron ir a por Egunkaria, a todos pillounos por sorpresa que se metese no saco de ETA a un medio con pouca relevancia social, economicamente modesto e politicamente non moi aliñado. Desde o punto de vista criminal, unha simple mención nuns supostos papeis de ETA nos que presuntamente se valora que en Egunkaria poñan a este ou aquel como director é unha argumentación falaz e non se sostén para establecer as imputacións. Así o entendeu a fiscalía, aínda que tarde, porque o seu cambio de postura ao solicitar o arquivo non puido evitar todo o que sufriron e pagaron xa os acusados, como tampouco puido evitar a celebración do xuízo sen acusación pública nin particular, só coas acusacións de dúas asociacións ultras. Sei que moitos se deixaron levar entón polo “algo farían” do descoñecemento. Por iso, outras persoas que tamén pasaron por Egunkaria, conscientes do inxusto e perigoso das acusacións, decidiron contalo, en castelán e noutros idiomas , ás anestesiadas conciencias de moitos que nunca coñeceron Egunkaria e que o primeiro e o único que oíron ao redor deste diario foi todo o lixo que entón se verteu sobre os detidos, humillados, mallados e, para mais inri, calumniados. E como o “algo queda” do “calumnia” é neste caso unha difusa imaxe de culpabilidade, é noso deber deixar as cousas claras. Aínda que nos pareza que os argumentos da acusación non teñen base argumentativa algunha, aínda que vexamos fortes aos da defensa, non debemos esquecer que nestes xuízos nunca se sabe, de que son fortes condenas as que están en xogo, que bastante sufriron xa os procesados, unhas persoas cuxo único delito foi pór en marcha un diario en éuscaro. Deberiamos estarlles profundamente agradecidos por iso pero agora, ademais, necesitan o noso apoio. Baixo o lema Egunkaria libre! estanse creando comités de apoio aos procesados en moitos lugares, ata en Madrid . O sábado 19 espérase unha multitudinaria manifestación en Bilbao en solidariedade cos procesados. Alí estaremos. Artigo do blog de Jabi Zabala: sarean.com
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Aínda que nos pareza que os argumentos da acusación non teñen base argumentativa algunha, aínda que vexamos fortes aos da defensa, non debemos esquecer que nestes xuízos nunca se sabe, de que son fortes condenas as que están en xogo, que bastante sufriron xa os procesados, unhas persoas cuxo único delito foi pór en marcha un diario en éuscaro.