| Árbore: nove anos de loita |
| Nerea Pereira Rodríguez | |
| Mércores, 30 de Decembro do 2009 | |
Nerea Pereira-. A cooperativa, pioneira na Galiza, agrupa xa a 290 familias e serve de espello a unha necesaria revolución alimentaria.Árbore cumpre 9 anos coa satisfacción de multiplicar por dez o número de socios que a formaban alá por 2001, cando a cooperativa se creou. Empezou sendo un reducido grupo de familias que querían mellorar a súa calidade de vida alimentándose mellor. Cando a tenda de produtos ecolóxicos na que mercaban pechou, non quedou alternativa; xuntáronse -eran unhas 25 familias- e como cooperativa comezaron a beneficiarse das vantaxes desa unión. Aquilo foise facendo máis e máis grande e tras unha década xa son case 300 as familias socias desta Cooperativa de Consumo viguesa. Pero Árbore é moito máis.
Pero aínda que a primeira vista puidese parecer que os socios de Árbore son só persoas preocupadas pola súa saúde que optan por unha alimentación sa baseada en produtos biolóxicos, o certo é que a súa implicación social vai moito máis lonxe. "Defendemos o medio natural, a loita contra a contaminación e a obesidade. Tamén loitamos contra o cambio climático e a nosa forma de consumo implica unhas relacións moito máis xustas con países de Sur", asegura González. Deste xeito, poderiamos dicir que a tenda é o espazo físico no que Árbore desenvolve todo o seu ideario e promove a súa ideoloxía de vida. As máximas, tantas como o asociado queira expor, as mínimas, un investimento inicial de 66 euros -que se recupera si deixa a organización- para pasar a ser socio e a intención de colaborar co proxecto. Charlas divulgativas, encontros cos produtores, material pedagóxico, obradoiros e unha longa lista de actividades forman parte das accións coas que a cooperativa tenta desenvolver o seu labor social. "Temos que atopar a fórmula para explicar aos novos afiliados que é formar parte de Árbore, explicarlles que son empresarios, que o capital inicial que invisten implica capacidade de decisión e que un grupo unido por unha causa pode lograr moito", asegura Diego Alonso, traballador da cooperativa. E é que as cooperativas de consumo ecolóxico como Árbore enfróntanse agora ao que será, posiblemente, o seu maior reto; demostrar a súa valía fronte ás grandes superficies que empezan xa a facerse eco da nova moda en materia alimentaria e ofertan produtos de agricultura biolóxica a menor prezo. "Por iso chamámonos "consumo consciente", porque temos os ollos abertos á realidade social", explica Diego, "ademais de ofertar produtos de agricultura ecolóxica tamén explicamos de onde proceden e cal é a cadea que seguen até chegar ao consumidor, que sabe canto gaña o produtor e entenden por que pagan máis", analiza. E é que ao final o que fan as grandes superficies non é máis que desvirtualizar a iniciativa social, converténdoa nunha nova forma de consumo e agochando o verdadeiro obxectivo do movemento. "Aprovéitanse das persoas preocupadas pola súa saúde", puntualiza Diego. Neste sentido, Olivier Ligot, dinamizador social de Árbore, dá o seu punto de vista explicando que na súa opinión, para que o proxecto siga con vida as actividades sociais son a clave. "Outras empresas máis grandes virán cos seus produtos biolóxicos e saudables a mellor prezo, pero nós temos que ofertar, difundir e fomentar hábitos de vida non só sans, senón tamén xustos para con outras culturas e situacións sociais, así como de respecto ambiental; queremos cambiar as cousas". Cos obxectivos máis que claros as persoas que traballan acotío na cooperativa son as que se acaban levando o peso da responsabilidade sobre os seus ombreiros e os únicos que coñecen as reviravoltas dunha organización que conta cun total de 290 socios e facturou máis dun 300.000 de euros o pasado ano. Tomar decisións unánimes é probablemente una das tarefas máis duras. As asembleas do consello reitor son abertas, pode participar calquera socio. E é que en toda agrupación humana xorden problemas, é inevitable, e en toda relación humana respectuosa atópase un termo medio, "unha balanza", e en Árbore, tras dez anos, aínda hai moito traballo porque "sempre estamos a aprender", analiza Ligot. Agora, coma antes, Árbore segue inmersa en novos proxectos e ten moi claro cal é o seguinte paso. "Educar de forma responsable sobre as realidades sociais que tentamos cambiar é o noso obxectivo, a nosa responsabilidade como cooperativa consciente", asegura Diego, "e para eles debemos desenvolver ferramentas pedagóxicas; a guía de selos e a de marcas son un paso moi importante neste sentido". E aínda que pioneira en Galicia, Árbore xa non é a única, algo que a converte nun referente. Nos últimos anos o seu traballo diversificouse e un dos seus labores foi ofrecer apoio a pequenas cooperativas de consumo que se foron formando en Galicia. A expansión mediante a coalición convértese desta forma nun feito con múltiples beneficios. Así, como puntualiza Diego, agora "a responsabilidade de Árbore é articularse en rede á hora de perfilar proxectos para non duplicar traballos e avanzar máis rápido". A revolución alimentaria en Galicia avanza. Guía de selos de certificación
O CONSUMO CONSCIENTE
+ INFO: www.arbore.org
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|
























Nerea Pereira-. A cooperativa, pioneira na Galiza, agrupa xa a 290 familias e serve de espello a unha necesaria revolución alimentaria.
Pioneira en Galicia, a Cooperativa de Consumo Consciente Árbore é unha agrupación que, a grandes liñas, e segundo describe o seu presidente, Manuel G. Garrido, "traballa para satisfacer as necesidades alimentarias dos seus socios dunha forma respectuosa para coa natureza". 
O consumo consciente consiste en interesarse polas repercusións dos nosos actos de consumo: o que mercamos, onde e como foi producido, como chegou a nós e onde o mercamos. Trátase de coñecer se os nosos hábitos de consumo son en maior ou menor grao ambiental e socialmente sustentables. A dificultade de consumir produtos de consumo consciente está en que o feito de consumir bens e servizos, nunha sociedade orientada a tal feito como motor económico, fai que sexa en si un acto case automático e irracional. Á hora de escoller un produto ou un servizo seguimos patróns estándar como o prezo, a suposta calidade, a accesibilidade, a marca ou a moda de quenda. Unha rutina tan instaurada e tan cultural fai que o consumo consciente requira un esforzo bastante importante, é dicir, seguir patróns “contra-culturais”. Se lle dedicamos un pouco da nosa enerxía e tempo á nosa forma de consumir, podemos aprender a facelo de forma máis consciente. Ten moitas vantaxes…
Manoel Santos-. Especialmente indignante é o pulo que se lle dá ao Fondo Monetario Internacional (FMI), que no canto de ser exterminado polos crimes de lesa humanidade que provoca a débeda externa inducida nos países do sur global, sae co orzamento triplicado.