Manifesto a prol d"O Castro e Sargadelos
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 10 de Xaneiro do 2010

X. M. Beiras-. O complexo "O Castro-Sargadelos" é o resultado dun insólito proceso de creación colectiva inspirado, propulsado e catalizado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Encetouno Isaac xa hai máis de meio século. Hoxe constitúe un Patrimonio cultural da Galiza enteira.

Vai para dous anos que publiquei aquí, nesta mesma sección do GH, dous artigos baixo o rótulo común de "Defendamos a obra de Díaz Pardo e Seoane". O motivo era contribuír a darmos colectivamente a voz de alarma verbo dunha peripecia empresarial que estaba a acontecer no seo do complexo O Castro-Sargadelos, e que puña en perigo de extinción o gran proxecto cultural-industrial ideado e construído hai máis de meio século por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, á cabeza dun fato de activos ilustrados galegos contemporáneos de aquén e alén-mar. O primeiro deses dous artigos titulábase "Isaac e nós", e reproducía o texto dunha miña colaboración nunha homenaxe a Díaz Pardo, recentemente publicada daquela nun volume colectivo fermosamente editado pola Deputación da Coruña. O segundo, titulado "O Castro-Sargadelos: patrimonio da Galiza", serviría máis tarde como "materia prima" para un documento-manifesto asinado por un amplo colectivo de persoas pertecentes aos ámbitos da cultura e da política galegas, que foi remitido ao daquela Presidente da Xunta co propósito de que o complexo cultural artellado arredor das factorías d"O Castro e Sargadelos (Laboratorio de Formas, Museo Carlos Maside, Instituto Galego da Información, Ediciós do Castro, Laboratorio Xeolóxico de Laxe, Seminario de Estudos Galegos) fose declarado e salvagardado como Ben de Interese Cultural galego.

Nada se fixo até hoxe nesa dirección. Entrementres, o proceso de descomposición dese complexo cultural desencadeado pola nova dirección empresarial da industria cerámica matriz proseguiu o seu curso, á par do consecutivo afastamento e exclusión de Díaz Pardo de cada unha das unidades que o artellaban. O último, ou mellor dito se cadra o derradeiro, deses tristes episodios está en trance de acontecer: cando leades este texto estará a piques de consumarse a expulsión de Isaac Díaz Pardo do IGI -que, a máis da súa obra máis peculiar, mesmo foi tamén a súa morada durante todos estes anos.

Nen capital e empresa son a mesma cousa, nin empresa e capitalismo son termos indisociábeis. A empresa é unha unidade de produción, réxese pola lóxica da eficiencia na asignación dos seus recursos, e esa eficiencia non ten por que estar ao servizo da lóxica mercantil, é dicir, do lucro como fonte de acumulación do capital privado: pode igualmente estar ao servizo das funcións sociais da economía. Ou dun renovador proxecto sociocultural. Tal é o caso do complexo empresarial d"O Castro e Sargadelos: foi ideado e deseñado nesa perspectiva por Isaac, Luis e os demais galegos "bos e xenerosos" que o puxeron en obra. Se os novos titulares maioritarios do capital da empresa traizoan ou arromban o proxecto cultural para o que a empresa nacera, o poder político ten a obriga de intervir para salvagardalo -porque ese proxecto non é propriedade deles, senón patrimonio do país. E xa que o país sómolo os "paisáns" que o integramos, se o poder que disque nos representa non actúa, temos que actuar os cidadáns. Por iso volvo publicar aquí o manifesto que non foi escoitado polo poder: para pedirvos que me escoitedes vós.

O CASTRO-SARGADELOS: PATRIMONIO DA GALIZA

O complexo "O Castro-Sargadelos" é o resultado dun insólito proceso de creación colectiva inspirado, propulsado e catalizado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. Encetouno Isaac xa hai máis de meio século. Hoxe constitúe un Patrimonio cultural da Galiza enteira. Cómpre que o poder político do goberno galego así o declare institucionalmente, mediante o procedemento que formalmente sexa necesario e acaído, para preservalo e garantir a súa continuidade e supervivencia a cuberto de calquera eventualidade e calquera peripecia empresarial que o poña en perigo de desnaturalización, destrago ou desaparición. En canto ben de interese cultural para o pobo galego, é patrimonio da cidadanía, e á cidadanía incúmbelle reclamar do poder democrático que actúe e interveña para defendelo e mantelo ao dispor da cultura do común de nós, da nosa nación.

As orixes xerminais do proxecto están na conxunción de dúas fontes de inspiración e decisión e dous episodios da epopea de resistencia cívica, galeguista e republicán á barbarie do fascismo franquista. No primeiro caso, trátase dunha decisión individual tomada, en dous chanzos, por Isaac Díaz Pardo no transcurso da súa traxectoria existencial. No segundo, consiste nun proceso dialóxico antre Isaac e Seoane, activado nunha dinámica de grupo no exilio arxentino e proseguido despois de por vida.

A finais dos anos corenta, Díaz Pardo decide deixar a creación pictórica e aborda a creación das Cerámicas do Castro, coa colaboración financeira de José Rey e Federico Nogueira, en terreos que a sensíbel e fiel Mimina, a muller e compañeira leal de Isaac, cede solidariamente do Pazo do Castro de Osedo, propiedade da súa familia.

Cinco anos despois Isaac viaxa a Bos Aires, e alí aceita o convite dos exiliados para montar a Magdalena, unha fábrica de porcelanas conforme ao modelo pioneiro da do Castro e avincallado con ela, mar por medio. E aí configúrase un cerebro colectivo, primordialmente sobre a conexión entre Isaac e Luis Seoane, mais tamén cos Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor, Núñez Búa, Arturo Cuadrado, Antonio Baltar... Neses intres, alí, na Magdalena, constitúese un Laboratorio Cerámico e concíbese a creación dun Laboratorio de Formas de Galicia. Faráno realidade aquí, na Terra, en 1963, Díaz Pardo e Seoane, e moi axiña, con Andrés Fernández Albalat, darán a luz o proceso de recuperación de Sargadelos.

A Magdalena e O Castro non foron, pois, nin naceron como simples fábricas ou empresas industriais. Tampouco Sargadelos, filla delas. O que foron denominaríase hoxe un combinado de "laboratorio de ideas" e "factoría cultural": Laboratorio de Formas e Seminario de Sargadelos. Seoane e Díaz Pardo e máis o colectivo de leais ao proxecto que se foron integrando no proceso dérono construído por enteiro. Seminario de Estudos Galegos resucitado. Laboratorio Xeolóxico de Laxe legado por Isidro Parga Pondal. Museu Galego Carlos Maside de Arte Contemporánea, teima xenerosa de Luis Seoane. Ediciós do Castro para a recuperación imprentada da memoria histórica. Instituto Galego de Información (IGI), como laboratorio de creación ideatoria e comunicativa, hoxe sometido a asedio por corte de subministracións. Nesa urdime, as factorías industriais d"O Castro e Sargadelos foron o artefacto funcional para a conxunción arte-industria. Foron unha empresa formalmente privada que funcionou, por necesaria suplencia, con criterios de empresa pública eficiente orientada a fins socioculturais colectivos.

Isaac, Seoane e os demais idearon ese proxecto, edificaron ese complexo, e fixéronlle ese gasallo inmenso ao pobo galego. Correspóndenos agora aos cidadáns pórmos a salvo esa inxente obra. Por iso requierimos publicamente a intervención do poder político democrático do que os cidadáns mesmos nos dotamos. A obra de Isaac e Luis, o complexo cultural O Castro-Sargadelos, é patrimonio da Galiza.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >