| "O primeiro século despois de Béatrice" |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 18 de Xaneiro do 2010 | |
|
X. M. Beiras-. Sentín anguria e melanconía. Tróuxome á memoria outro texto dun xénero ben diferente, pero igualmente aguniante: a segunda parte do Informe Lugano de Susan George.
(Pra Aurichu, no seu dia)
"Calquera dia, ben axiña, non voltarei do meu paseo. Seino, agardo por il, cáseque non o temo. Botareime a camiñar por algún vieiro xa tripado. Os meus pensamentos andarán a dar choutos, indomeábeis. De sócato, esgotado polos meus cismes, exaltado, atordoado, o meu corazón botaráse a saloucar. Procurarei apouso nalgún carballo coñecido. E alí, nese estado, mestura de torpor e de serenidade derradeira, polo espazo dun intre, terei a máis preciada ilusión: o mundo, tal coma o coñecin, semellaráme un vulgar pesadelo, e será o mundo dos meus soños o que cobrará fasquía de realidade. Volverei comezar a crér nil, algo máis a cada instante. Nil deitarei a miña derradeira ollada. Un sorriso de picariño virá alumear a miña barba cór de montaña. E, quediñamente, pecharei os meus ollos". Eis o remate do relato que, a meiados do s. XXI, fai un vello biólogo de oitenta e tres anos refuxiado na alta montaña da Savoia. Recluído no seu afastado retiro voluntario, o vello rememora o acontecido arredor da sua peripecia vital dende a década final do século anterior. Híbrido de memorias autobiográficas e de crónica de perversas manipulacións demográficas desencadeantes de violentos conflitos sociais, que precipitan a crise do modelo de civilización imperante e até ameazan a supervivencia do xénero humán, a narración do desiludido vello constitue o contido do romance de Amin Maalouf rotulado co enigmático tíduo de Le Premier Siècle après Béatrice, publicado en primeira edición no 1992. Dixen "romance" porque é o xénero literario no que esplícitamente encadra o autor esta sua obra de ficción -é precisamente "roman" o termo que fai figurar ao pé do tíduo, e non "récit" ou relato nen ningúnha outra modalidade narrativa. Pero coido eu que, en rigor, resulta máis ben ser unha fábula ou unha parábola futuristas e anti-utópicas, cunha clara intención didáctica de advertencia premonitoria -unha premonición que os dramas colectivos actualmente en curso no planeta semellan corroborar, por certo, inda con non seren idénticos aos descritos nese relato. O biólogo narrador, especializado na entomoloxía, é de primeiras o prototipo do científico encapsulado e concentrado nas suas esculcas: pasara a primeira etapa da sua vida célibe e confinado no seu laboratorio a estudar toda caste de insectos, alleo ao acontecer social do seu arredor, indiferente aos problemas e conflitos da humanidade. Até un día no que, xa coarentón il, un inesperado incidente casual na sua monótona cotianeidade vai mudar bruscamente o curso da sua existencia, transformar a sua vida privada e máis tamén facelo saír do seu tobo para comprometerse socialmente nun prolongado combate cívico de denuncia e ataque contra o uso perverso de determinados achádegos científicos no eido da xenética e a reprodución dos seres humáns. Non vou cometer a aduanada de contarvos eiquí esa historia: prefiro que leades a Maalouf e disfroitedes coma min co seu fascinante relato, que comeza en claves de trivialidade anecdótica para ensarillarse axiña na urda dos graves conflitos éticos e sociais de noso tempo e tornarse ao cabo angurioso e punxente drama colectivo. Direivos só que o fío condutor do relato terá como leitmotif inicial uns misteriosos "feixós do escarabello", unhas cápsulas disque utilizadas xa no Exipto dos faraóns para estimular a potencia viril, que de súpeto comezan a proliferar no mercado dos fármacos nos países do Sul, só que contendo unha sustancia, producida no Norte, que incide na fecundación discriminando o sexo: os varóns que inxiran a "sustancia" terán só fillos, e non fillas. A produción industrial dos "feixós do escarabello", de primeiras ilegal mais consintida, convirtiráse axiña en arma dunha xigantesca operación de malthusianismo demográfico contra as povoacións da periferia do sistema, finalmente louvada polo "pensamento único" e asumida polos poderes do centro do sistema, sob pretexto do necesario control da natalidade fronte ao boom demográfico do terceiro mundo. O método, porén, entraña un imprevisto "dano colateral" oculto, mais que axiña se fará manifesto: os seus efeitos serán irreversíbeis, e os varóns que inxiran a "sustancia" nunca máis poderán ter fillas, inda que deixen de tomala. Podedes imaxinar vós mesm@s as consecuencias: desque as cifras de nenos nacidos dan en triplicar ou quintuplicar as de nenas, etnias e povos enteiros entran en vías de extinción. Desencadéase un pandemonium: dende o secuestro e o tráfico internacional xeralizado de picariñas até o estourido de insurreicións, loitas fratricidas, confrontacións étnicas, derrubamentos de reximes políticos que dan paso á anarquía, masacres de europeus, rebelións de inmigrados no centro do sistema, e así seguido. O combate das minorías lúcidas e honestas que, no Norte, primeiro avisan, logo denuncian, e durante todo o proceso se orgaizan e teimosamente loitan contra a corrupción e o uso depravado dos achádegos da ciencia, non logran impedir primeiro nen remediar despois o desastre. Cando o pánico prende nas opinións públicas do centro e as institucións da "comunidade internacional" acaban por reaccionar, xa é tarde por demáis. O protagonista, xa vello, retorna ao estudo dos "seus" insectos, afastado esta vez do mundo convulso que non deu conseguido salvar da traxedia. Refuxiado na alta montaña da Savoia, só ten un consolo: a sua filla Béatrice, nacida co novo século, ennoivada logo co fillo dun inmigrado africán. Eu mercara esta novela de Maalouf no aeroporto de Paris, en maio do ano pasado, vindo de volta de Rabat. Mais non a lera daquela, e ficara sepultada baixo outros libros tamén despois mercados e tampouco inda lidos, no irremediado desorde da miña biblioteca. Descubrina por azar hai poucos dias, e lina en duas noites. Vorazmente. Mais foi un pracer lindante co masoquismo. Sentín anguria e melanconía. Tróuxome á memoria outro texto dun xénero ben diferente, pero igualmente aguniante: a segunda parte do Informe Lugano de Susan George. Mais sobre todo feríume nunha freba egoísta: non puiden evitar ler no relato de Maalouf, como nun espello deformante, unha metáfora grotesca das miñas proprias vivencias -da miña propria existencia. E volvin sentir a tentación do afastamento. Sen ter que irme pra tan lonxe coma os Alpes savoiáns. Eiquí mesmo, na aba deste outeiro: no meu refuxio de Aguiar. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

