Artigos de Xosé Manuel Beiras
O lamazal -ou "A traizón dos menestrais"
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 24 de Xaneiro do 2010

 X. M. Beiras-. Fora a atmosfera contaminada pola cobiza dun efémero poder. Fora a intoxicación do veleno inoculado dende tempo atrás en relacións que deberan ser fraternas. Fora a indignación represada día tras día e máis ao longo de toda a xornada, a impotencia fronte ao roubo das nosas propias mensaxes para prostituílas, o noxo perante a treizoeira conduta hipócrita dalgúns pretensos compañeiros pretensamente copartícipes de proxectos e morada na casa común.
O texto que reproduzo a seguida ía ser a entrega VII, e derradeira, da serie editada aquí mesmo o pasado maio á volta da miña viaxe a Rabat. Mais ficará inédito. Confesaréivolo: autocensureime, e daquela decidín non publicalo. Quixen apostar inda unha vez máis pola conciliación e o restablecemento da confianza mutua na casa que fóra de todos, que entre todos construíramos outrora para ser de todos por igual. De xeito que sufoquei a miña indignación, engulín a miña tristura, sorbín as bágoas –e calei. O acontecido nos últimos meses faime pensar que fun outravolta inxenuo, relembrar a fábula da ra e do escorpión –e concluír que, a fin de contas, de nada vale reprimir a íntima liberdade de pensamento e expresión. Por iso dou á luz agora o que, escrito hai moitos meses, eu mesmo encarcerei todo ese tempo no limbo do meu ordenador. Desculpade por ámbalas dúas miñas accións.

*************************

A noite da derrota irmandiña ao pé do castelo rocheiro, recibín unha agarimosa mensaxe dun xornalista amigo de meu –tamén os teño, non vaiades pensar. Dicíame nela que se sentía orgulloso de ter por amigo un galego íntegro e un dirixente político que cumpría a palabra dada. Contesteille agradecéndolle o agarimo, inda que –dicíalle– ben se botaba de ver que a integridade e a palabra, o "logos", resultaban ser hándicaps, no canto de valores úteis, no lamazal político dos miserábeis. Nos lamazais –isto xa non llo dixen– só buligan a xeito as miñocas e os insectos, mentres que os bois de tiro, coma min, móvense a duras penas, afúndense na lama, mesmo até as illargas cando van cargados e a lama é fonda, cousa que aproveitan os mosquitos todos, moscas verdes e tabaos para asañárense neles a eito durante a lenta e penosa travesía do illó. Só que ao cabo o boi, cando dá saído, prosegue a súa andaina polas congostras do país, tripando chan firme de xabre ou laxe, aveludado ás veces polo brión ou salferido de "herba moura" nas bermas, sulcado de través por refrescantes regatos, somergullado nos baos de "escorrida corrente" pondalián, perpiañado nos pasais, asombrado por castiñeiros, carballos, bídalos ou freixos, decote adiante amodiño cara ao vilar comunal do seu destino, o lar soarengo do seu pobo. Os insectos, canto a eles, fican confinados no lamacento illó. Isto, repito, xa non llo dixen. Se cadra entresoñeino adurmiñado máis logo, cando o cansazo deu cabo da miña consciencia, xusto antes de ficar durmido de vez.

E coido que foi nesas, no durmevela previo ao sono profundo, cando o meu fatigado maxín pasou insensibelmente da verba miserábeis á de menestrais, se cadra por un resorte inconsciente de autocensura fronte á dureza do primeiro conceito, ou perante o inxusto equívoco que suscitaba co outro valor semántico do mesmo vocábulo no rótulo da consabida obra de Hugo –inxusto, quero dicir, coa probe xente protagonista dese enorme mural literario. Vai ti saber. O caso é que me veu ás mentes La trahison des clercs, o famoso ensaio de Julien Benda que, aló polos anos vinte do pasado século, causara non pouco escándalo e suscitara un remuíño de controversias sobre o rol dos intelectuais e as elites cultas verbo do sistema, que derivaría, pola esquerda, no tema do compromiso, antremesturado coa noción gramscián do "inteleitual orgánico", e desembocaría no aínda máis famoso Les chiens de garde, o lúcido alegato acusatorio do Paul Nizan que ía ser máis logo mártir da resistencia francesa a mans dos nazis.

Nese remexido seminconsciente de confusas reminiscencias ás portas do sono, fiquei durmido de vez. Mais, ás poucas horas, xa de madrugada, espertei de sócato, e desveleime. Acontéceme raramente, por fortuna, só despois dalgunha xornada desusadamente intensa, abusiva en concentración mental e malgasto de enerxía nervosa, que ao meu cerebro pásalle como aos motores vellos dos autos de outrora cando se requentaban, que, despois de apagados, facían o "autoencendido". A culpa fora esta vez das tensións naquela asemblea. Ía escribir dos debates, mais non, que debate pouco puidera haber e menos aínda puidera eu intervir, naquela frenética carreira contra o tempo na que só parecía importar chegarmos deseguida ás votacións e rematar o choio canto antes con ovacións e cánticos autoeuforizantes. Non, non fora a tensión dos debates. Fora a atmosfera contaminada pola cobiza dun efémero poder. Fora a intoxicación do veleno inoculado dende tempo atrás en relacións que deberan ser fraternas. Fora a indignación represada día tras día e máis ao longo de toda a xornada, a impotencia fronte ao roubo das nosas propias mensaxes para prostituílas, o noxo perante a treizoeira conduta hipócrita dalgúns pretensos compañeiros pretensamente copartícipes de proxectos e morada na casa común. De menestrais, en rigor, non intelectuais comprometidos nen camaradas de loita solidaria.

Así que o meu vello motor requentárase e fixo o autoencendido. Espertei e desveleime. Erguinme para ir beber un pouco leite e fumar un pito. Camiño da cociña, o meu maxín empatou coas últimas reminiscencias que tirara do seu limbo xusto antes de me durmir. "A treizón dos menestrais", traduciu inesactamente, pro máis acaídamente para o caso. Entrei na biblioteca e axiña dei co volume de Julien Benda, na reedición do setenta e cinco, comprobei que era. Xa na cociña, mentres sorbía aos poucos o leite morno con mel e aspiraba o fume do pitillo, pasaba as follas do libro coa ollada a pinchos polas páxinas seguindo as marcas feitas a lápis nas marxes hai anos. Na introdución do premio Nobel André Lwof feita para esa reedición, sáltame á vista unha frase subliñada: "A traizón dos "clercs" consiste no rexeitamento dos valores universais e o sometimento do espiritual ao temporal". Mentres leo, o meu caletre dálle voltas ao equivalente correcto de "clercs". Noutra páxina, un pargárafo acoutado na marxe, agora do proprio Benda, dáme conta do que el entende por tales. Pero a miña mente teima en ditarme a palabra menestrais, inda que ben sei que non coincide esactamente. Nestas comprendo: é a degradación dos "clercs", o seu sucedáneo, o que sesgadamente traduce o meu maxín. Menestrais, en orixe os "ministerialis" carolinxios, os precursores máis antigos dos funcionarios.

E vénme a lembranza de don Paulino Pedret, o supervivente do Seminario de Estudos Galegos que profesaba a cátedra de Canónico cando eu era estudante de Dereito en Compostela. Culto, irónico e didáctico, dicíanos que ser mestre era máis ca ser ministro, pois que –e sorría con malicia– minister" viña de "minus", menos, e "magister" viña de "magis", máis. No contexto social e político do entón, aquilo tiña unha sarcástica carga de sátira do poder fascista e denuncia da situación dos mestres e da pexorativa consideración social do maxisterio. Os mestres vítimas dos menestrais, no merecidamente despectivo senso figurado da palabra. "A función do intelectual en materia política é predicar o respecto da xustiza e da verdade", di Benda. Non o facer, convérteo nun simples menestral, di o meu maxín. Nun cociñeiro da política, que diría Antígona, cando lle espeta a Creón: "Até tes cara de cociñeiro" -e que culpa terán os bós dos cociñeiros de verdade desa pexorativa transposición figurada, pergúntome eu.

Retorna o sono. Vólvome deitar. Recobrei o sosego. Os menestrais de onte fican no lamazal político dos miserábeis -coas miñocas e os insectos. Os bois de tiro xa non pasan por alí. Os menestrais -mosquitos todos, moscas verdes e tabaos- morrerán de inanición. Confinados no illó.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >