| As nogueiras |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 31 de Xaneiro do 2010 | |
|
X. M. Beiras-. Metérase en internet, e por ese vieiro achara programas de información na materia e conectara con asociacións que promovían e difundían na rede unha nova cultura forestal, máis racional e axeitada ás condicións do medio natural en cada caso.
É un home novo, aínda un mozo, para min un rapaz. Nestas últimas semanas topámonos con frecuéncia. Adoita vir sábados e domingos, ou algún dia polo medio se é festivo, que é cando pode aproveitar sen faltar ao seu traballo. Ao traballo do que vive, quero dicir, porque traballo é tamén o que anda a facer cando nos topamos. Mais os nosos encontros comezaran hai cousa dun ano, desque remudara eu os itinerários das miñas camiñatas cotiáns, ou cuase. Denantes facíaas polo outeiro dos Barreiros, que está darriba de Aguiar, a nosa aldea. Nesta bisbarra non vos hai xeito de camiñar en chao, fóra treitos pequechos. Se queres dar unha paseata longa, ou comezas costa arriba para despois baixar, ou encétala costa abaixo e logo tes que voltar remontando. Só podes escoller antre alasar á ida ou á volta. Digo alasar porque, á miña idade, costa arriba polas corredoiras, acabas arquexando coma un boi cangado. Évos así. Estamos empoleirados ao pé do cordal de outeiros que separa a Maía do val do Tambre, na caeira que desce até Castrigo, Lamiño e as brañas do Pego. A cousa non ten volta. Detrás dos Barreiros, nun cotarelo algo escorado cara o oeste, están as ruinas das Torres de Altamira, o castelo dos Moscoso, señores de Compostela, os do pazo que queimaran os vilegos cando das famosas revoltas do 1111, coido recordar. A partir de aí, si, alén das Torres comeza o vasto penichao da Rañalonga, e por alí podes camiñar en horizontal, digamos, ben me entendedes, que non quer dicir andar deitado, que iso só poden facelo as cobras. Mais Rañalonga está moi lonxe para ir pasear de cotío, e de todos xeitos non te safas de rubir até aló, a non ser que o fagas no auto, que é unha lata e eu non gosto, ademáis, inanque hai xente que o fai, porque hai xente para todo, urbanitas sen remedio. O caso é que eu adoitaba gavear cara os Barreiros, darlles a volta darredor, ou cruzalos a meia encosta, ou sexa, en todo caso, facer o máis duro do camiño á ida, para deixarme vir costa abaixo á volta e chegar máis apousado a casa. Até unha vez que, de conversa con María, unha médico amiga de meu, comentáralle o tema e dixérame ela un chisco alporizada, cun algo de preocupación, "oes, que se trata de camiñar, non de faceres unha proba de esforzo cada día!". Así que tentei mudar de itinerario, e deille voltas ao beo en procura dun percorrido menos cansativo. Non era doado, mais a única solución sería camiñar en zigue-zague, a ser posíbel. Ocurríuseme explorar as agras que descen dende a aldea de Brans de Arriba á de Abaixo, aínda algunhas cultivadas arestora, inanque as máis delas pasteiros, outras deixadas a monte, inzadas de fentos e silveiras ou, se acaso, plantadas de pinos inda novos, nos anos do fraguismo. Alí dei con vieiros e camiños de serventía inda transitados, que adoitan seguir máis ou menos as curvas de nivel, e dese xeito puiden aquelar itinerarios que os empataban uns cos outros meiante curtos descensos polos cómaros das leiras entre cada dous. Só que, claro, ao remate compría voltar costa arriba, mais polo atallo da pista asfaltada "da concentración", que cruza en perpendicular. Foi así que, nun treito dese meu novo itinerario deambulatorio, dei en pasar adoito, inda que non sempre, por entremedias dun fieital, á beira dunha longa ringla de amieiros ben medrados e moi enramados no arró dunha agra intransitábel, toda cuberta de silvas moi altas e mestas. Un día sentín o zunido dun motor que viña da silveira, mais non albisquei ser humano ningún. Aos poucos, no tempo a seguir, foron aparecendo claros: alguén andaba a rozar no mato, mais non coincidía no intre do meu paso con quen fose que rozaba. Até outro dia que si, alí estaba un home novo, ben mozo aínda, pucha de viseira e mono de faena, cunha rozadora en bandoleira. Saudámonos de lonxe e proseguín na miña andaina. O encontro repetíuse outras veces co mesmo ritual. Até unha ocasión en que, xa rozado case todo aquil eido, vin que o mozo andaba a facer goios e chantar niles estacas equidistantes nunha trama reticular. Daquela picoume a curiosidade, achegueime e pergunteille qué estaba a facer. "Sementar noces", díxome. Debín pór unha cara que o fixo sorrir divertido. Botámonos a conversar. Aquelas terras eran da familia, levaban anos incultas, il traballaba na cidade. Contoume cómo dera na idea de volver aproveitalas e por qué decidira plantar nelas árbores frondosas de madeiras nobres, e non pinos nen alcolitos. Espricábase moi ben e tiña coñecementos que me fixeron pensar que fixera algun cursiño de capacitación agraria. Non tal. Metérase en internet, e por ese vieiro achara programas de información na materia e conectara con asociacións que promovían e difundían na rede unha nova cultura forestal, máis racional e axeitada ás condicións do medio natural en cada caso. E así dera na opción polas nogueiras, precisamente nogueiras, dadas as aptitudes de aquela agra. Logo espricoume por qué, unha vez decidido por esa especie, no canto de plantalas, preferira sementalas, cómo escollera a caste das noces e qué procedemento seguira con elas para preparalas antes de soterralas, de xeito a favorecer que xeremolasen millor e máis axiña. Deume toda unha leición. Eu escoitábao abraiado e compracido, mesmo con certa emoción. E pensaba no tempo perdido por este país noso, e que inda segue hoxe a perder, na maldizón politica que o tolle, no absurdo dunha realidade onde case todo está posto e funciona do revés. Este mozo paisano fillo de labregos, mais non labrego il xa, estaba a proceder correcta e criativamente, primeiro por instinto e sensibilidade, mais logo por curiosidade, raciocinio e procura de información e ilustración -por autoformación, como todo autodidacta. Mais o seu proceder ía esactamente a contrafío da "política" forestal imperante: il estaba a facer, en solitário, cos seus proprios medios e as suas xornadas de traballo extra-laborais, o que toda unha administración pública disque galega non só non facía, senón que desfacía ou impedía facer. E parecíame un miragre que inda houbese xente así. "Din que estas especies son moi lentas, que se as plantas é traballar para os fillos ou se cadra os netos recolleren os froitos, non antes, non ti. Mais eu non teño presa. E ademáis iso era antes. Agora está demostrado que moitas variedades son madeirábeis a partir dos vinte ou vintecinco anos. Trátase de escollelas ben. E en todo caso, se as deixas máis tempo, medran en valor. Agora os pinos non valen nada, páganse pior do que hai ben anos, e xa non digo se comparas o valor dos cartos. E ademáis destragan a terra, "acidifican" o chan, é un crime plantalos en terras boas de labor. E a frouma e a resina son unha bomba incendiária, cando ven a seca e a calor". Vímonos máis veces ao longo da primavera, e botamos máis paliques. Co tempo, eu fun variando o repertorio de itinerarios das miñas paseatas. Mais, cada vez que me cadraba pasar por alí, detíñame a abesullar ao pé dalgunhas das estacas, e aledábame ver agromar os brelos das nogueiras recén nadas, que il protexía darredor onde se daban. Os fentos inzaban, e il volvía rozar de tempo en tempo. Un día, xa a finais da primavera, pergunteille cómo ía a cousa. "Non hai queixa, calculo que prenderon perto da metade" -e ríu. Logo deixamos de vernos. No vran, eu voltei aos camiños polo monte, en procura do frescor nas poucas carballeiras que inda restan na redonda, ou, que remedio, da semi-sombra nos eucaliptais: duns anos pra acó, volven medrar carballos novos entremedias dos alcolitos, mesmo ás veces castiñeiros ventureiros, seguramente por obra das pegas que, dixérame unha vez o finado Apolinar, "sonlle os millores capataces de repoboación forestal". Nestas últimas semanas retornei ao itinerario das agras de Brans. Moita auga de dios co que leva chovido e logo a neve tamen, carreiros enlamazados e vieiros enchoupados, mais levo os pés ben calzados. E volvímonos topar, o mozo e máis eu. Anda a preparar pra sementar máis nogueiras as partes da agra onde inda non as botara. Abrangue agora a agra toda, case duplica a superficie aproveitada: vai ser unha linda plantación. "Seica este ano recuncas, e madrugaches máis", díxenlle estoutro dia. "O ano pasado foi a proba. Saíronme un tercio delas. Pero sementei tarde, compre facelo máis cedo. Con todo, teño que agardar un chisco a que seque un pouquiño a terra, haille auga de máis e poden apodrecer as noces". Falamos dos amieiros -"vou deixar só os da beira do arró, o resto, dóeme cortalos, mais non podo deixalos no medio da plantación, que logo será un problema cando medren as nogueiras"- e dos usos que tiña a sua madeira, lixeiriña como é, pra facer zocas e pau de zocos. E das frondosas, e das madeiras nobres, e até da lei de montes viciñais que segue sen aplicarse como é debido, e de tantas cousas máis. E o siso da sua conversa á par da sua lúcida teima laboriosa fixeron agromar de novo a espranza no meu vello corazón amargurado. Como as noces por il sementadas no útero destas vellas terras desleixadas. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|


