Foro Social Mundial, dez anos
Esther Vivas   
Martes, 02 de Febreiro do 2010

 Esther Vivas-. Cúmprense estes días dez anos dende que en porto alegre a sociedade civil mundial decidira artellar unha fronte global de resistencia e alternativa ao neoliberalismo.

 Desde o lanzamento do Foro Social Mundial (FSM), en xuño do 2000, no Cume Social Alternativo de Xenebra, coincidindo coa Asemblea das Nacións Unidas sobre Desenvolvemento Social, pasaron dez anos. Nesta década, o mundo cambiou e o contexto en que xurdiu o FSM é distinto ao que hoxe nos atopamos.

O FSM naceu coa vontade de ser un punto de encontro dos movementos sociais contrarios á globalización neoliberal e alzarse como unha voz alternativa ás directrices do Foro Económico Mundial de Davos, que reunía anualmente a empresarios e líderes políticos, "cociña" do capitalismo actual.

Obxectivo conseguido

O FSM conseguiu o seu obxectivo. Evento tras evento sumou cada vez a máis participantes, chegando aos 130 mil na última edición en xaneiro do 2009 en Belém (Brasil), aínda que si é certo que o impacto político e mediático dos primeiros anos non é comparábel co actual. Entón, as críticas e as propostas do Foro tiñan o mesmo eco que os pronunciamentos en Davos. Hoxe, isto mudou.

Outro logro do FSM foi a súa capacidade para descentralizar o evento, tanto o mundial –que se celebra actualmente cada dous anos nun continente distinto no Sur– como vinculándoo a experiencias máis achegadas e enraizadas no territorio como os foros sociais continentais –Foro Social Europeo, Foro Social das Américas, Foro Social Africano–, rexionais –Foro Social Mediterráneo, Foro Social Amazónico– ou local –Foro Social Mundial en Madrid, Foro Social Catalán, Foro Social Galego–, entre outros.

Moitos movementos sociais recoñecéronlle o seu papel de referente e participaron activamente no mesmo, facendo seus os chamados xurdidos destes encontros, o máis significativo dos cales foi a xornada de acción global contra a guerra do 15 de febreiro do 2003.

Pero o FSM non está exento de perigos como a rutinización, a "oenegización", a cooptación, a falta de participación de movementos sociais reais, etc., como vimos na 7ª edición celebrada en Nairobi (Kenya) en 2007. Aínda así, o FSM conta con potencialidades, como se puxo de manifesto na última edición en Belém, que foi a primeira mostra de rexeitamento colectiva á crise sistémica do capitalismo, sinalando a necesidade dunha ruptura co mesmo. Tamén as teses de que o FSM debe ser ante todo un espazo útil para os movementos sociais e empurrar á acción foron máis aceptadas nos últimos tempos.

Algúns dilemas

Desde finais dos anos 90, estes movementos víronse enfrontados a novos retos e dilemas e o FSM non quedou á marxe.

Un exemplo: a guerra global contra o terrorismo impulsada por George W. Bush tras os atentados do 11 de setembro do 2001 e que serviu de escusa para criminalizar e perseguir aos movementos de disidencia. Naquel intre, algúns medios, como o Financial Times, auguraron o fin do movemento "antiglobalización", pero este fixo da loita contra a guerra en Iraq un eixo de protesta vertebrador sacando á rúa a millóns de persoas o 15 de febreiro do 2003, marcando un dos fitos do movemento.

Pero outros acontecementos no escenario político, como o derrube económico en Arxentina, o posterior auxe dos movementos sociais piqueteiros, asembleas barriais, etc. e ao final a volta ao poder dos "mesmos de sempre", expuxeron novos interrogantes. Do mesmo xeito que o fixo a irrupción no poder de Chávez en Venezuela e as súas políticas de ruptura parcial co imperialismo e o neoliberalismo, que posteriormente atoparon alianzas cos gobernos de Morales en Bolivia e Correa en Ecuador.

Se nunha primeira fase do movemento "antiglobalización" dominaban as teses de "Cambiar o mundo sen tomar o poder" de Toni Negri e John Holloway, co desenvolvemento destes acontecementos o escenario do debate político e estratéxico cambiou substancialmente.

Todos estes elementos influíron no debate sobre o futuro do FSM con cuestións como: Que relación entre partidos políticos anticapitalistas e movementos sociais? Que vínculos con gobernos como o de Chávez, Correa e Morales? Que estratexia perante o chamamento de Chávez a unha 5ª Internacional?

Fronte á crise sistémica do capitalismo, cunha crise climática, política, social, alimentaria sen precedentes, estes retos agroman como máis urxentes ca nunca. Se cadra xa vai sendo hora, como dicía a escritora india Arundhaty Roy, na 4ª edición do FSM en Mumbai (India), "de centrarnos en brancos reais e inflixir dano real". Cando?


Esther Vivas
Sobre o autor ou autora:
Coordinadora de sensibilación da Xarxa de Consum Solidari (XCS).
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >