Xustiza para Thomas Sankara… e para África
Altermundo   
Martes, 02 de Febreiro do 2010

 Centos de organizacións piden que se reabra a investigación sobre o asasinato impune do líder africano.

Diversos testemuños procedentes de compañeiros de Charles Taylor, implican a Blaise Compaoré no asasinato de Thomas Sankara coa complicidade de Houphouët Boigny, mais tamén de Francia, da CIA e doutras persoas africanas.

En abril de 2006, o Comité de Dereitos Humanos da ONU, a petición da campaña internacional ‘Xustiza para Thomas Sankara’ e en nome da familia, daba a razón aos denunciantes e pedía ao estado burkinabé aclarar o asasinato de Sankara, rectificar a súa acta de defunción, demostrar onde está soterrado e compensar á familia polo trauma. O 21 de abril de 2008, o comité de Dereitos Humanos da ONU daba o caso por pechado sen que ningunha investigación.

Na comunidade internacional algúns parecen ver en Blaise Compaoré a un home de paz, mais estivo implicado nos conflitos de Liberia e Serra Leona e en casos de tráfico de armas e diamantes para a UNITA de Jonas Sawimbi, naquela época baixo embargo da ONU, e máis recentemente no conflito que desgarrou a Costa de Marfil.

“Esa mesma comunidade internacional pídenos que nos apiademos de África, mentres segue a traballar para perpetuar a súa asistencia e a súa submisión”. Máis de 22 anos despois do seu asasinato, Sankara, persoeiro histórico, líder africano, representa cada vez máis unha referencia como gobernante íntegro, resolto, creativo e valente, precursor da loita pola defensa do ambiente, e a revolución burkinabé converteuse nun modelo de desenvolvemento. Sankara foi asasinado por denunciar a débeda e o ditado das potencia occidentais, pero tamén por abordar unha política cara ás necesidades da poboación.

É por iso que organizacións como o Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, fan un chamamento para que se apoie as iniciativas do colectivo xurídico que, desde hai doce anos e sen descanso, intenta dar conta de accións xurídicas xunto á familia Sankara, pedindo a apertura dos arquivos dos países que os testemuños sinalan como implicados e que se acometa inmediatamente unha investigación independente sobre o asasinato de Thomas Sankara.

Deste xeito, fan un chamamento á mocidade, aos partidos democráticos, ao movemento social africano e do resto do mundo para que sigan mobilizando, o que suporía un gran paso para pór fin á impunidade en África.

+INFO: As peticións desta campaña pódense asinar na web www.thomassankara.net

Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >