En Galicia temos opinión do mundo
Do Comercio ao clima
"Temo que o Estado mexicano me faga desaparecer"
Marga Tojo   
Luns, 08 de Febreiro do 2010

Marga Tojo-. Entrevista con Daniel Luna Alcántara, coordinador do FNLS en Chiapas. O Frente Nacional de Lucha por el Socialismo (FNLS) denuncia a “fustrigación sistemática” cara aos seus integrantes en Chiapas, comprometidos “contra o saqueo mineiro”.

Foron obxecto dunha campaña mediática que os vincula “falazmente” con grupos armados e delincuencia organizada e temen o encarceramento, a tortura e o asasinato como lles aconteceu xa a polo menos seis membros do movemento.

"Chámome Daniel Luna Alcántara, veño do estado de Chiapas, México, e son integrante da Coordinación Nacional do Frente Nacional de Lucha por el Socialismo (FNLS). Desde o pasado nove de novembro estou ameazado de persecución, tortura e morte".

Unha persoa da nosa contorna púxonos en contacto con Daniel Luna. Quería denunciar fóra do seu país a situación, por medo ao que lle puidera suceder a el –que neste momento se atopa fóra– e á súa familia –que quedou en San Cristóbal de las Casas, en Chiapas–. O Estado Mexicano e os medios de comunicación acusan os dirixentes do FNLS no estado indíxena (a Yolanda Castro e a Luna) de estaren entre os principais orquestadores dun "movemento armado para o 2010". Falamos por vía electrónica desde Bruxelas, onde se reuniu coa eurodeputada do BNG Ana Miranda: "Inventaron que temos vínculos co cártel narcotraficante máis importante (o de El Chapo Guzmán) e coa banda criminal máis temíbel (Los Zetas) –escribe Luna–. Esta criminalización perversa feita polo Estado púxonos na mira de dúas ameazas reais: a represión directa do réxime, a tortura e a incomunicación, e o risco de sufrirmos ataques por parte dos cárteles rivais dos antes sinalados. Non sei se poderei regresar á miña terra ou terei que vivir exiliado. Podo ser detido en canto volva e confinado nalgún cárcere de exterminio, como o son os penais de máxima seguridade. Basta con recordar por exemplo aos loitadores sociais de Atenco, detidos en maio de 2006, a quen lles deron sentenzas de 67 e 112 anos de prisión, por delitos tamén inventados e de moito menor relevancia que os que nos atribuíron a nós".

É unha práctica común no Estado Mexicano, a de empregar a chamada "guerra contra a delincuencia organizada e o narcotráfico", para criminalizar o movemento social disidente. Asegura Luna que "en México o narcotráfico é parte do Estado". Algúns axentes da extinta Dirección Federal de Seguridade, que nos anos 70 e 80 orquestrou a chamada Guerra Sucia contra as organizacións revolucionarias e sociais do momento, acabarían máis tarde sendo parte dos principais cárteis da droga. Igual sucedeu con militares de alto rango, como o General Gutiérrez Rebollo que sendo director do Instituto Nacional Contra as Drogas, resultou detido por narcotraficante. E o coñecido capo Güero Palma foi apresado ao caer o avión en que viaxaba, que, sóubose, era propiedade da irmá do daquela presidente da República, Carlos Salinas de Gortari. E hai uns anos, durante o sexenio do presidente panista Vicente Fox, fuxiu do penal de máxima seguridade en México sen producirse nin un só disparo, quen agora é o narcotraficante máis importante do país, Joaquín El Chapo Guzmán.

En Chiapas, o goberno de Juan Sabines Guerrero actúa cunha docilidade tipicamente priísta ante o poder superior: "É un dos máis devotos monicreques e aplaudidores do presidente Felipe Calderón e executor fiel de todas e cada unha das políticas e proxectos de saqueo neoliberal: a autoestrada de San Cristóbal de las Casas a Palenque; as plantacións extensivas de palma africana; o desaloxo de comunidades indíxenas vía o plan de ‘Ciudades Rurales’; o asasinato de indíxenas que pretenden reclamar o seu lexítimo e ancestral dereito a administrar as súas belezas naturais e sitio arqueolóxicos –masacre de Chinkultik–; e por suposto a criminalización e persecución de quen nos opomos a un saqueo mineral transnacional, que deixará unha terríbel devastación ambiental cos consecuentes danos á saúde e economía de miles de familias indíxenas e campesiñas", detalla Luna, quen continúa: "A situación política en Chiapas atravesa por un momento crítico e á vez letalmente decisivo: pois o movemento social está dividido entre os que ceden á corrupción e os que somos reprimidos pola nosa disidencia; mentres Chiapas está sendo acomodado e entregado aos intereses económicos transnacionais". Daniel Luna visitará Galiza no mes de marzo para explicar como é "a realidade" no Estado con maior poboación indíxena de México.

Pode detallarnos como o goberno mexicano aplica "falazmente" contra o Frente Nacional de Lucha por el Socialismo (FNLS) a súa "guerra para combater a delincuencia organizada e o narcotráfico"?

Nestes momentos atópome nunha xira de denuncia por Europa, precisamente debido a isto. En maio de 2009 soubemos que o goberno de Chiapas pretendía integrar expedientes penais por vinculación con "células armadas", contra Yolanda Castro e contra min: que somos os representantes de Chiapas no órgano de Coordinación Nacional do FNLS. Máis adiante iríase descubrindo o que estaba detrás, cando o 26 de setembro o gobernador de Chiapas declara que quen encabezan o movemento contra a explotación mineira en Chiapas, utilizan esta loita para esconder a súa actividade de "tráfico de armas". A mensaxe era clara cara a varias persoas e organizacións, pero máis especificamente ao FNLS xa que era o actor social máis activo na lexítima resistencia anti-mineira.

Tamén é detido o dirixente histórico da Organización Campesiña Emiliano Zapata (OCEZ)

Catro días despois é detido, e máis adiante outros dous compañeiros seus, desatando na súa contra unha infame criminalización por parte do Estado Mexicano que aos poucos foi alcanzando tamén ao FNLS. Así, a partir do 9 de novembro o goberno de Chiapas filtra aos medios de comunicación uns supostos "informes de intelixencia" que aseguraban que ambas as organizacións –OCEZ e FNLS– xunto con integrantes do Centro de Dereitos Humanos Frai Bartolomé de las Casas e algúns sacerdotes, estabamos organizando un "levantamento armado para 2010". Ademais, segundo ditos "informes", para conseguir os fondos necesarios dedicabámonos ao tráfico de armas, drogas e migrantes indocumentados, á trata de mulleres, e mantiñamos relacións de colaboración co cártel do narcotraficante Chapo Guzmán (o máis poderoso do país) e coa temíbel banda criminal de Los Zetas. O interesante aquí é que todos os actores sociais afectados por esta campaña perversa, dun ou outro modo somos as cabezas máis visíbeis da loita contra a explotación mineira en Chiapas.

Até que extremos está o narcotráfico inserido no suposto sistema de violencia instucional mexicano?

Póñolle un exemplo: os narcotraficantes teñen unha linguaxe entre eles, expresada na forma en que matan os seus rivais. É dicir, que segundo o modo en que os executen, é a mensaxe que lle envían ao outro cártel. Pois ben, hai unhas semanas a Armada de México (a Mariña) realizou un operativo para capturar a un dos capos máis poderosos, Arturo Beltrán Leyva, quen morreu durante o tiroteo. Así, o goberno mexicano presentou o seu cadáver ante os medios de comunicación, utilizando esa linguaxe propia dos narcotraficantes: mostrouno cos pantalóns baixados a media perna, como un sinal machista. Máis claro?

Como é a violencia que se exerce contra vostedes?

Ao dicir que detrás do movemento antimineiro dedicámonos ao "tráfico de armas", o Exército Federal usouno pretexto para militarizar a Sierra Madre de Chiapas –lugar en que se concentran a maioría das concesións mineiras– e acosar os fogares e as familias. Hai sobrevoos rasantes de helicópteros artillados do exército sobre comunidades indíxenas do FNLS, e incursións directas por terra, como sucedeu a fins de maio de 2008 a partir do momento exacto en que demos unha conferencia de prensa polos loitadores sociais desaparecidos polo réxime. Achandaron nun asalto subrepticio fogares en procura de información, como sucedeu o 12 de novembro de 2008 nos domicilios de Yolanda Castro e Jaime González, precisamente dous días despois de que ambos os dous deron unha conferencia de prensa sobre a explotación mineira en Chiapas. Exerceron un acoso permanente a través de policías uniformados e axentes vestidos de civil, que nos seguen a todos lados e nos fustrigan colocándose fóra das nosas casas e centros de traballo. Espían as nosas chamadas telefónicas; o cal é fácil de detectar porque se escoita un forte eco na comunicación. Ofreceron diñeiro a xente próxima, como sucedeu en decembro de 2008 cunha indíxena artesá, para que lles proporcionase información sobre Yolanda. O 26 de setembro de 2009 cometeuse un atentado incendiario contra o centro de capacitación de mulleres indíxenas K’inal Antsetik, que foi fundado por Yolanda, onde eu tamén colaboro e que alberga novos estudantes provenientes de comunidades rurais adheridas ao FNLS.

Como actúa o goberno de Juan Sabines Guerrero en Chiapas?

O gobernador Juan Sabines é o clásico político priísta: non esquezamos que era presidente municipal da cidade capital Tuxtla Gutiérrez polo PRI, de onde saíu directo como candidato do PRD á gubernatura. Ademais é fillo dun exgobernador tamén priísta. De modo que a súa práctica política está plena de todos os trazos de perversidad, corruptelas, complicidades, simulación, demagoxia e mentira que tiveron sempre os réximes priístas.

Cales son os principais atrancos sociais?

Sen dúbida a pobreza é o maior obstáculo. De aí despréndese a mala alimentación e pésima saúde, así como o baixo nivel de escolaridade. E tamén de aí mesmo xorden as cadeas coas cales o goberno pode amarrar conciencias con calquera pequena bixutería. É dicir, se un actor social emprende unha loita exitosa ou que poida resultar molesta para os intereses do Estado, basta con soltar algunhas poucas migallas ao redor –sempre poucas, nunca suficientes para acougar en verdade as necesidades–, ou até simplemente promesas baleiras, para que moita xente que se debate entre a pobreza e a ignorancia pelexe entre si para arrebatarllas. É penoso pero así é a realidade que vivimos alá.

Criminalízase á muller, tolérase a violencia contra ela, criminalízase ás persoas homosexuais?

Por suposto que se criminaliza e búscase deostar moralmente ás mulleres e homosexuais de modo específico, en tanto que cada día cobran maior conciencia da súa condición de oprimidas e orpimidos, discriminados e violentados, involucrándose máis e máis nas loitas por cambiar o status quo. E se algo non quere o Estado capitalista mexicano, é que cambien as bases que o sosteñen: o patriarcado, o racismo, o machismo, a anti-democracia e a distribución inequitativa da riqueza.Neste sentido o Estado mexicano, sobre todo baixo o actual réxime panista aliado fortemente ao clero conservador, non só tolera a violencia cara a mulleres e homosexuais, senón que a incita mediante a reprodución de estereotipos tendentes a impedir a súa emancipación. Non é nada estraño en México que ante casos de violación sexual a mulleres, os axentes do Ministerio Público encargados de investigar o feito, lle pregunten á agredida se o ataque non se debeu a que ía vestida de forma "provocadora"; Ofuscación pronunciada igualmente por algúns dos máis destacados xerarcas católicos, que coa anuencia do panismo no poder día a día gañan máis espazo na vida política dun país que constitucionalmente é laico.


"Os zapatistas ensináronnos que só coa unión dos movementos sociais cambiará a nosa terríbel realidade"

Cal é o principal traballo do FNLS?

É un espazo político civil, independente de calquera goberno ou partido político, que non pretende incursionar na vía electoral e que ten presenza en 9 estados do centro e sur de México. A súa conformación formal é moi recente –maio de 2006–, aínda que algunhas das organizacións que o integran cumpriron xa máis de 30 anos de loita. Temos un proxecto político nacional que ten por obxecto impulsar en México a loita polo socialismo, como alternativa viable para resolver a profunda inxustiza social que existe no noso país, onde hai 80 millóns de pobres cuxa situación non poderá cambiar xamais baixo o réxime capitalista.

En que situación se atopa o Exército Zapatista de Liberación Nacional?

O EZLN xogou un papel fundamental a partir de 1994, sendo un catalizador que acelerou o desenvolvemento do movemento social en todo o país. Co paso do tempo esa inercia diminuíu en intensidade, pero aínda continúa sendo un actor central nos eidos estatal e nacional. É moi importante e valente a súa aposta de creación de autogobernos, pois co tempo indicaranos ao resto se ese camiño é viábel ou non como unha alternativa, polo menos para os máis de 10 millóns de indíxenas que viven en México. A súa proposta da Outra Campaña é igualmente valiosa. O éxito desa iniciativa zapatista do mesmo xeito que outras máis que xa existimos no país se entendemos que ningún actor social por si só ten hoxe a capacidade de transformar a terríbel realidade mexicana. Durante varios anos tivo unha gran capacidade de convocatoria cara a todas as forzas e correntes da esquerda mexicana. Hoxe esa capacidade minguou. Xurdiron outras voces e actores relevantes, mais non por iso contrarios ao zapatismo. Ese é o rol que hoxe pode xogar o EZLN.


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista. Consello de Redacción de Altermundo.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
ibase