O Foro Social Mundial en crise
Carlos Taibo   
Luns, 08 de Febreiro do 2010

Carlos Taibo-. Que o Foro Social Mundial (FSM) está en crise é un segredo a voces. A principal das explicacións respecto diso parece obvia: aínda que os diagnósticos que desde o FSM se formularon no relativo ao camiño do planeta demostraron ser moi certeiros, mentres a corrosión do capitalismo vai a máis, a capacidade dos movementos para articular respostas efectivas segue sendo reducida.

E iso é así a pesares de que, ao lado daqueles, hai unha conciencia clara no que se refire ao feito de que a corrosión non afecta só ao neoliberalismo, senón que alcanza, así a todo, ao propio capitalismo como un todo.

É verdade, claro, que a crise do Foro Social Mundial ten outra dimensión que afecta á propia condición do proxecto. Desde bastante tempo atrás subliñouse, con bo criterio, que as xuntanzas que se foron celebrando en lugares do sur do planeta –así, Porto Alegre, Mumbai ou Nairobi– nos feitos daban máis cancha aos santóns intelectuais e aos activistas do norte que ás propias redes dos países pobres. Non só iso: esas xuntanzas remataron por ofertar un espazo moi gorentoso para que forzas da esquerda tradicional –incluída a socialdemocracia máis rastreira– atopasen un eco que de seguro non merecían. Ao final, o panorama resultou ser un tanto lamentábel: as mesmas forzas que no traballo sórdido e pouco vistoso de cada día están dramaticamente ausentes servíronse a miúdo do repetidor do FSM para aparentar, durante unhas horas, o contrario.

Non está de máis agregar, por certo, que a multitudinaria presenza, en sucesivas sesións do FSM, de presidentes dunha puñada de países de América Latina non deixou de ser, tamén, un problema, na medida en que facilitou a confusión entre os movementos de base e realidades institucionais varias, e iso por moi respectábeis que estas poidan ser. Nun escenario como o que acabamos de retratar non é difícil explicar por que do Foro Social Mundial –unha mestura confusa na que se dan cita ONG asistenciais, forzas políticas tradicionais e movementos rompedores– non saíu nada que cheire a un programa minimamente unificador de realidades tan extremadamente distintas.

Máis aló de todo o anterior, o seu é afirmar que o FSM arrastra de sempre unha delicada relación cos movementos de base. Recoñezamos, iso si, que a proliferación de foros descentralizados serviu para rebaixar un tanto a intensidade do problema, aínda cando non falten os exemplos de como eses foros de rango xeográfico menor acabaron por reproducir os problemas da matriz de escala planetaria. Parece claro, de calquera xeito, que ante os sinais de naufraxio dun proxecto en exceso cupular como ao cabo resultou ser o Foro Social Mundial, só queda reivindicar o traballo, a miúdo heroico, que en tantos lugares seguen a realizar eses movementos de base dos que falamos. Subliñemos, en calquera caso, que o futuro da contestación da globalización capitalista non se dirime en Porto Alegre senón no día a día da vida de barrios e pobos en todo o planeta.


Tirado de Público

Carlos Taibo
Sobre o autor ou autora:
Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid.
Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >