Capitalistas da alimentación
Gustavo Duch Guillot   
Mércores, 17 de Febreiro do 2010

Gustavo Duch-. Pedro, agricultor xubilado de Villaconejos, contábanos a súa teoría alterglobalización: "Cambiar o mundo é posible, oio que dicides. Outra agricultura é posible lin nalgunhas pancartas. Ben, deixádeme que vos conte ata onde pode chegar outra agricultura diferente.

Logo da guerra civil española -a máis incivil das guerras que dicía Gloria Fuertes- as cidades quedaron derruídas e os campos arrasados. O réxime franquista -continúa Pedro- contraera débedas con outras potencias e ós poucos anos principia o crecemento industrial coa emigración de miles de persoas cara ás cidades. E todo iso alimentouse e pagouse cos nosos suores: labrando campos e sementando comida. Fixádevos (sobe Pedro o ton da voz) fomos capaces de facer todo iso nas peores condicións, analfabetos e pobres, con mulas e arados, pero a terra e o campo foi fecundo e xeneroso. Entón, que moito podería entregarnos hoxe a agricultura campesiña, sinxela e ecolóxica se fose apoiada? Eu -conclúe- coido que moito".

E eu, coido, que leva razón. A agricultura a pequena escala coas súas técnicas de manexo tradicional, adaptadas a cada condición e ecosistema, foi historicamente menosprezada desde as institucións políticas e tamén desde os ámbitos do ensino e investigación agraria. De feito, desde o pasado 1 de xaneiro, o único centro de ciencias agrarias cunha liña de investigación na área da agroecoloxía caeu do Plan director do Consello Superior de Investigacións Científicas de España (CSIC) ó que pertencía. Xa non hai recursos públicos para a agricultura, que como di Pedro, pode cambiar o mundo.

Mentres iso sexa así quédannos as iniciativas privadas, algunhas cunha capacidade estadista moito máis notable. En Estados Unidos, onde reina o agribusiness, xurdiu un movemento cidadán disposto a investir os seus capitais no financiamento de actividades de produción de alimentos ecolóxicos ao redor das súas propias comunidades. O slow money que así se chaman é a réplica ós fluxos financeiros -estafadores e especulativos- que fan da comida un gran negocio. Un movemento pequeno e lento para retirar o diñeiro do parqué bolsista e sementalo na terra.


Gustavo Duch Guillot
Sobre o autor ou autora:
Coordinador da revista ‘Soberanía Alimentaria, Biodiversidad y Culturas’. Autor de ‘Lo que hay que tragar’.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >