In memoriam: Arrighi e Gowan en galego
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 21 de Febreiro do 2010

X. M. Beiras-. Con poucos días entremedias, un e outro finaron no mes de xuño do pasado ano. Prematuramente, dende o punto de mira da miña actual idade: un diles era práticamente do meu tempo, o outro dez anos máis novo ca min.

E irreparábelmente, no panorama contemporáneo das ciencias sociais: cada un ao seu xeito e nos respeitivos ámbitos das suas achegas, ámbolos dous estaban en plena maturidade criativa, e a sua desaparición constitue unha perda inestimábel no eido do actual pensamento crítico de esquerda máis riguroso e penetrante. Nefeito, o italián Giovanni Arrighi e o británico Peter Gowan son estrelas fixas na pléiade contemporánea de analistas do sistema-mundo imperialista e artífices de pensamento alternativo á dogmática neoliberal, na que escintilan acarón dos Robert Brenner, Inmanuel Wallerstein, David Harvey ou Samir Amin -por só mentar aos referentes máis notórios de diferentes liñas interpretativas das dinámicas estruturais do sistema. Poderíase dicir mesmamente, coido eu, que o conxunto formado pola combinación das achegas desa pléiade fornece o cadro diagnóstico máis completo da patoloxía do capitalismo neste último terzo de século, a interpretación máis certeira da sua xénese histórica e a leitura máis verosímil das transformacións actualmente en curso tanto a nível socioeconómico coma xeopolítico. Mais non vou levarvos hoxe polo labirinto desa constelación -onde, todo sexa dito, podería me perder eu mesmo tamén. Só facervos unha breve rememoración das duas estrelas físicamente apagadas o pasado ano terráqueo -e digo ben "físicamente" porque, como nos acontece perante as estrelas aos simples mortais deste planeta, o cintileo das sua ideas seguirá a chegarnos durante os anos-luz que distan de nós.

Para os cidadáns galegos do común non familiarizados co universo das ciencias sociais, Arrigui e Gowan foron dados a coñecer, hai agora un lustro, por un espléndido traballo de divulgación do que foron autores Marcos Mariño e Araceli Varela. Esta culta parella aínda moza de físicos galegos, de insaciábel curiosidade por tódolos saberes e contextura inteleitual renacentista, "exiliados" en Xenebra, membro il do famoso CERN e profesora ela de ensino na mesma cidade, publicou no 2005 en Laiovento un volume rotulado coa elocuente metáfora de Á man esquerda. Ese libro recolle un feixe de magníficas entrevistas, ou máis ben conversas, realizadas ao longo dos catro anos anteriores con boa parte das máis lúcidas cabezas pensantes comprometidas na análise crítica do actual sistema globalizado e no combate inteleitual e cívico-político para transformalo e sobardalo. Algunhas desas entrevistas foran aparecendo previamente, en primeiras versións máis reducidas, na revista Tempos novos; outras eran rigurosamente inéditas. Veleiquí, por orde cronolóxica de celebración das conversas, o soberbio elenco de entrevistados: Giovanni Arrighi, Noam Chomsky, Eduardo Galeano, Robert Brenner, Jean Ziegler, David Harvey, Peter Gowan, Allex Callinicos. Cometería eu un inxusto desleixo se non vos informase de que, nese volume, o Marcos e máis a Araceli aportan, a xeito de Introdución, un magnífico ensaio no que, con base primordial nas obras dos entrevistados, tracexan un panorama sistematizado dos diagnósticos do capitalismo actual, as teses do declive da hexemonía na presente fase do imperialismo, os conflitos de clase e os movementos antisistémicos. Eu mesmo utilicei ese excelente texto como un dos materiais de leitura para os alumnos dos meus últimos cursos de libre configuración impartidos en segundo ciclo de Económicas. Xa de moi novo, nos anos sesenta, Peter Gowan destacou como un dos máis brillantes inteleituais da chamada daquela New Left británica -modelo da francesa nouvelle gauche do CERES, o centro de estudos socialistas dos polo entón noviños e radicais Rocard e compañía- na que nacería a New Left Review, inda hoxe unha das revistas máis solventes no eido do pensamento marxista non escolástico, que na reviravolta do pasado século encetou unha nova etapa, e dende o comenzo do actual edítase tamén en español. Mesmamente, nun seu número do outono pasado, relémbrasenos que as achegas de Gowan "ao marxismo encol do imperialismo e a globalización, as relacións internacionais ou a natureza e crise do chamado Bloque do Leste son sen dúbida das máis importantes da xeración do 68". Con todo, a obra máis señeira de Gowan data do 1999: Global Gamble, axiña publicada en español por Akal co tíduo de La apuesta por la globalización. E, dentro dela, a aportación máis orixinal e con máis impacto nos analistas do sistema, foi a conceptualización do novo sistema financeiro-monetario construido na metrópole ianqui como culminación do proceso de demolición do sistema "Bretton Woods", que regulara o funcionamento da mundialización capitalista dende 1945 até a supresión unilateral da convertibilidade do dólar -a divisa patrón do SMI- en ouro por Nixon en 1972. Para identificar ese novo sistema, fundado na férrida conexión antre a política monetaria do Departamento do Tesouro ianqui e os máis xigantescos actores financeiros de Wall Street, Gowan acuñou as siglas NSWS (Novo Sistema Wall Street), que foron asumidas polo común dos analistas do sistema -ás veces coa variante SD-WS (Sistema Dólar-Wall Street). Inda a primavera pasada, poucos meses antes de morrer, Gowan publicaba na NLR un impresionante ensaio -co elocuente rótulo de "Crise no corazón do sistema: consecuencias do Novo Sistema de Wall Street"- no que reitera, rotundamente, que esa "nova estrutura financeira, cos seus correspodentes axentes, foi a forza motriz da presente crise": que, "mentras funcionou, resultou espeitacularmente eficaz para os grupos máis ricos da sociedade", mais que, "porén, necesariamente producíu a dinámica que conducíu á implosión".

Giovanni Arrighi móvese noutra dimensión: a da interpretación e diagnose globais do sistema capitalista, das suas sucesivas metamorfoses, do seu constante proceso histórico cara a mundialización, dos grandes ciclos de transición dunhas a outras hexemonías -a holandesa, a británica, a estadounidense- das analoxías antre as fases sucesivas de cada unha delas -o protagonismo da esfera da produción na fase de emerxencia e ascenso cara a hexemonía, e o recurso á "finanzarización" para manter a hexemonía na fase da decadéncia- e, enfin, os grandes eixos dinámicos na actual crise da hexemonía imperial ianqui. Neste senso, Arrighi transita polos vieiros abertos na historiografía do capitalismo pola francesa escola dos Annales, e en singular o grande Fernand Braudel e a sua noción da longue durée, a longa duración. E por aí emparéntase con Immanuel Wallerstein, o conceptualizador do "sistema-mundo" -con quen colaborou no centro Braudel norteamericán, inda con disentiren recíprocamente en non poucas diagnoses. E comparte eidos de esculca -e non poucos fascinantes debates- con Robert Brenner, o autor de The boom and the bubble, "O boom e a burbulla", e acuñador da tan difundida expresión "burbulla finaceira", logo aplicada á "inmobiliaria" e asi seguido.

Tres sucesivas obras capitais de Arrighi compoñen unha magna trioloxía, un impresionante fresco do capitalismo mundializado actual, da sua xénese histórica e da recente emerxencia do novo campo de forzas no Leste asiático: The long twentieth century (1994), Chaos and governance in the modern world system (1999, en coautoría con Beverly Silver), e Adam Smith in Beijing (2007). As duas primeiras están traducidas ao portugués en Brasil. A terceira inda tardaría varios anos en ver a luz cando Marcos Mariño e Araceli Varela lle fixeron a deliciosa e imaxinativa entrevista publicada, o mesmo cá de Peter Gowan, en Á man esquerda. Entrevistas que xa non teño espazo pra vos comentar -mais que vos convido encarecidamente a ler. Como homenaxe de gratitude e aprezo a estes dous grandes loitadores, coas armas do intelecto e do compromiso cívico-político, a prol da emancipación da humanidade. A estes dous indispensábeis brechtiáns infortunadamente ausentes xa de entre nós, os que vivimos.


Tirado de Galicia Hoxe

Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >