| Carme Freire: "O movemento social é o único que pode facer variar a política institucional" |
| Manoel Santos | |||||
| Martes, 02 de Marzo do 2010 | |||||
Muller e labrega. Dende o SLG representa a voz dese campesiñado ligado á terra que pula por unha produción alimentar afastada do mercantilismo, coa biodiversidade como guía e a soberanía alimentar como bandeira. Loita contra o seu propio exterminio. E contra o noso.As dificultades do campesiñado europeo van máis aló do prezo do leite, non si? Tendes a impresión de que sondes unha especie en extinción? Temos a impresión de que somos unha especie molesta, especialmente para os gobernos, que están a defender intereses de grandes multinacionais. Na medida en que temos organizacións e redes, como o Sindicato Labrego Galego (SLG), a Vía Campesina ou a Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (ISAP), coas que tratamos de influír nas conciencias da xente, somos un atranco fundamental para quen quere facerse con algo fundamental para calquera pobo, a alimentación. Unha parte moi significativa das grandes loitas que hogano se están a dar no mundo enteiro son dirixidas contra os labregos e as labregas e teñen que ver co control dos recursos naturais, a enerxía, etc. Pero non, négome a asumir que sexamos unha especie en perigo de extinción. Galiza perde a vida rural a pasos de xigante. Non parece que nos quede moito tempo. Manter –ou moitas veces recuperar– a vida rural non é so crucial para o campesiñado, tamén para a sociedade galega en xeral, que se está a urbanizar demasiado, cousa que non parece moi responsábel e moito menos sustentábel. A perda de moitas das nosas aldeas, que están a quedar desertas de humanidade, está a significar tamén a perda dos nosos xeitos de alimentación, máis saudábeis, sustentábeis e non dependentes das transnacionais, pero tamén da nosa cultura, dos nosos saberes máis ancestrais –que hogano están totalmente desprezados e, usando a terminoloxía economicista, desvalorizados– da nosa biodiversidade, que foi mantida fundamentalmente por quen vivía no agro. E loxicamente tamén é un drama social que imos lamentar profundamente. Ao redor do agro había, e aínda hai, moito máis que produción alimentar. Por iso falaba dos saberes, eses que teñen que ver co coidado do medio e co emprego de recursos propios. E non só para a agricultura e a produción alimentar, tamén outros recursos e xeitos de facer as cousas, que mantemos en parte pero que estamos a perder acotío, como todo o que ten que ver coa madeira, cos oficios do medio rural –nun panorama ademais de crise radical do emprego–, eses que proporcionaban autonomía aos nosos pobos, os que tiñan achegados ás súas casas e lles proporcionaban todo o necesario. Na V Conferencia Internacional da Vía Campesina, en Maputo, esta organización da que facedes parte reafirmouse no concepto de Soberanía Alimentar como solución, cando menos parcial, ás crises alimentar, enerxética e mesmo financeira. Tan importante é a produción, distribución e consumo dos alimentos? Claro, é que é crucial. A aposta pola Soberanía Alimentar enfróntase non só ás propostas actuais de política agraria, tamén de política económica. A agroindustria xera un dispendio enerxético brutal –que inclúe o transporte de alimentos dunha a outra parte do mundo sen moita lóxica e as súas conseguintes emisións de gases contaminantes–, unha desfeita ambiental, unha perda alarmante de biodiversidade… O gran capital dedícase fundamentalmente á creación de excedentes para crear grandes necesidades e grandes expectativas financeiras cos alimentos. O caso do cereal en 2008 foi moi evidente. A crise que supostamente había de abastecemento de cereais non tiña que ver coa súa produción, pois esta era normal e chegaría para alimentar o mundo. O que aconteceu foi que se creou unha necesidade ficticia para que os cereais entraran no mercado de futuros, especular con eles e dedicalos á xeración de agrocombustíbeis. A meirande parte de grandes transnacionais da alimentación, que son só sete ou oito, teñen tamén a súa póla empresarial dedicada á produción enerxética, por iso rexeitan de plano a soberanía alimentar, que fala de circunscribir a alimentación ao eido local fundamentalmente, sen que isto non signifique que poidan existir intercambios de alimentos –que aquí non se poidan producir– con outras latitudes. Falo, claro está, das transnacionais e os gobernos que as sustentan. De quen depende hoxe, ou mellor, quen controla o que comemos, como o comemos e cando o comemos? En Europa e no Norte xeopolítico xa son máis as multinacionais que os pequenos labregos e labregas. Por exemplo, hoxe en día, aquí mesmo, parece que é imposíbel producir leite se non se alimentan as vacas con pensos que conteñan soia transxénica. Imaxina todo o circuíto financeiro que iso supón, co transporte, coas patentes, co tráfico de capitais, etc. Cando se condena, como así aconteceu, a un labrego canadense, por estar a empregar –e ademais de xeito non consciente– unha semente modificada xeneticamente e patentizada por unha multinacional como Monsanto, está claro cara onde van e a quen protexen as leis. Iso danos idea de onde chegan os tentáculos destas multinacionais. Neste exterminio do mundo labrego, en que medida inflúen as políticas europeas (PAC) e as da OMC? Hai máis frontes de loita? Primeiramente atrévome a dicir que non só é un exterminio dos labregos e das labregas, senón da humanidade como tal, que non é simplemente un conxunto de consumidores e consumidoras. Dito isto, as claves a nivel europeo están na concreción dos ditados da OMC no que é a Política Agraria Común. A PAC, por moito que se nos minta con esa ilusión do desenvolvemento rural para enganar a unha sociedade europea que algo de conciencia aínda ten, é directamente unha aplicación das grandes políticas da OMC. Por exemplo, é un acordo da OMC, e a PAC así o recolle para que os Estados o cumpran, a obrigatoriedade de importar un 5 por cento do leite –e doutros alimentos– que consumimos, malia que aquí se estea a promover que haxa moita máis produción que consumo. O obxectivo por unha banda é baixar os prezos e que as grandes multinacionais da alimentación –coas súas pólas enerxéticas, de agrotóxicos, de distribución, etc.– controlen as producións. Se o queres dar a prezo de custe ben, e se non xa o collerei doutro lado. Polo outro lado, deste xeito tamén poden invadir mercados doutras latitudes. Por unha banda obrígannos a importar por acordos internacionais e pola outra dan axudas públicas para enviar os excedentes, por exemplo, a América latina, coa ruína conseguinte deses mercados do Sur. Todo isto está perfectamente trazado con leis e normas totalmente inseridas no noso sistema legal. E todo isto deixa algo de marxe de manobra, por exemplo, á Xunta ou aos concellos? Deixa o marxe de manobra que politicamente se queira. Se por exemplo a Xunta se propón a loita política porque estas cousas non sexan así, por moi pouca capacidade legal que teña pode influír decisivamente coa súa capacidade de presión política. O problema e que nin sequera politicamente están dispostos a loitalo, nin os que están agora nin os que estiveron antes. Nós se cadra non temos capacidade de decisión, tena o Estado español, pero a Xunta si podería presionar decisivamente. Por iso é básico que nos organicemos socialmente, e cada vez somos máis. Porque vós, que facedes un terríbel desgaste en mobilizacións, accións diversas, tecido de redes, etc., á parte de estar cansos e cansas –supoño– vedes resultados no eido do apoio social? Ben, é que as loitas son así, son de todos os días, aos pouquiños. Pero claro que vemos resultados. O propio feito de que na Galiza teñamos unha ISAP, na que nos xuntamos unha decena de organizacións, significa que existe un apoio social, non só cando nos reunimos, senón no día a día. Cada vez hai máis xente que nos pregunta que pode facer, como pode consumir máis conscientemente. Por aí é por onde están os éxitos e a esperanza. É ese movemento social o que pode facer variar a política institucional, aquí e en todo o mundo. É moi importante, por exemplo, que organizacións como a Vía Campesina teñan xa un peso moi relevante a nivel mundial e que mesmo haxa xa algúns Estados que recoñecen na súa Constitución o dereito á soberanía alimentar. Ben sei que son Estados que para moita xente do común non lle son referente de nada, pero son referente precisamente de que algo no mundo se está a mover. Fariamos ben en considerar que, se cadra, existen outras partes do mundo que hogano nos levan a dianteira no referente ao que son os dereitos dos pobos, os dereitos colectivos. A Vía Campesina, e polo tanto o SLG, opoñédesvos ás patentes, aos transxénicos, aos agrocombustíbeis industriais, ás transnacionais… Moitos dirán que estades en contra dos avances tecnolóxicos, que queredes volver cara atrás. En moitas cousas mellor nos iría se volvéramos un chisco cara a atrás e non pensáramos que o mundo é inacabábel. Estamos en contra desas “tecnoloxías” porque son precisamente as que sustentan ese gran capital que non ten que ver nin coas persoas, nin co seu benestar, nin co seu dereito á alimentación. Pero non hai que esquecer que nós temos propostas para enfrontar todo iso. É posíbel, por exemplo, producir os alimentos sen que estean patentizados por ninguén, sen que haxa que pagarlle o dereito á vida a ningunha multinacional. Aquí e en moitas partes do mundo seguimos a ter, mesmo moitas veces de xeito ilegal ou alegal, as nosas sementes, os nosos animais non industrializados, as nosas producións alimentares sen pesticidas. Estes xeitos de producir non minguan a nosa capacidade de alimentar á xente, só minguan os beneficios das multinacionais, das grandes distribuidoras e dos mercados financeiros. É posíbel alimentar os nosos mercados en base a comercio local, a circuítos máis curtos? Pois claro que si, mais estannos a impedir facelo cunha chea de normas. A impedir? Si. Por poñer un exemplo, impídennos aos labregos e labregas facermos produtos caseiros, moitas veces con criterios de falsa salubridade e cousas así. Ao lado de calquera das nosas casas aínda temos todo tipo de comida producíndose, por moito que os medios de comunicación, por exemplo durante as folgas de transporte, teimen en amosarnos os andeis baldeiros dos supermercados coma se foramos morrer de fame por non ter alimentos. Hai quen produce leite, hai quen produce verduras, hai que produce patacas. Hai quen produce de todo. Entón, hai unha propaganda ben dirixida que se está a interiorizar na cidadanía. Un gandeiro que quixera vender o leite como hai poucos anos, nunha sella ao seu veciño ou veciña, que logo fervía o leite e lle tiraba a tona para facer manteiga, podería? Non. Legalmente non, outra cousa é que se faga. Existe o sistema ese das máquinas que expenden leite pasteurizado, aquí temos unha, pero sempre ten que pasar pola tecnoloxía da multinacional de quenda. Mais a distribución de leite cru do día non está permitida. E alguén que teña unha pequena leira pode coller os seus produtos e ir vendelos a un mercado? Depende de que produtos. Se son hortalizas, froitas e patacas sen transformar en absoluto si, sempre que o concello correspondente o permita, pois hainos que son escrupulosos coas normativas e outros que non. Algúns por exemplo esixen estar dados de alta na agraria, e hai xente que non pode pagar iso. O resto de produtos, como os ovos, o leite, os queixos, o viño, non se poden vender, teñen ben de leis e normas para evitalo. Nin sequera nos queren deixar vender as plantas –de tomate, de leituga, de cebola, etc.– que producimos nas nosas casas coas nosas sementes. Tamén hai quen di que defendedes a autarquía, que vos opoñedes a calquera tipo de comercio internacional. Iso non é certo, sempre que o comercio internacional non sexa para gañar aquí e que perdan os de alá, para que se sigan a explotar labregos e labregas doutras partes do mundo. Non rexeitamos o intercambio con labregos e labregas doutras partes do planeta, en condicións de xustiza e solidariedade. Ora ben, non precisamos tomates de Marrocos, producidos ademais moitas veces en condicións de explotación humana, cando aquí temos plena capacidade de producilos. Se cadra non todo o ano, pero é que tampouco necesitamos comer tomates todo o ano. E quen di tomates, di tamén a soia coa que están a devastar unha parte importantísima da selva amazónica ou o leite que temos que traer por obriga de Canadá ou os Estados Unidos cando aquí producimos xa máis do que a propia cidadanía galega dariamos consumido. E como se comezaría a construír a Soberanía Alimentar? Tendes un modelo agrario para Galiza? Para comezar empezando por promover e protexer todo o que ten que ver co local, coa proximidade, coa produción de alimentos en Galiza e para Galiza. Asemade, dende as políticas europeas, todo o que ten que ver coa protección dos mercados, a non promoción da invasión dos produtos das multinacionais nos nosos mercados, a non obrigatoriedade de importar o que xa producimos aquí, a non desregulación dos mercados, a limitación absoluta da produción industrial con agrotóxicos, a prohibición de organismos modificados xeneticamente, o freo absoluto á teima da UE con rachar cos mercados doutras latitudes. En definitiva, a relocalización da actividade económica e asumirmos como pobo que a alimentación é un dereito, non unha mercadoría. E a relocalización da política, isto é, a soberanía política? Sería bo mesmo emprender unha remodelación do modelo de Estado ou incluso unha reforma agraria, malia que parece unha medida perdida no tempo? Si, absolutamente. O SLG é unha organización de carácter nacionalista e entende que a capacidade para definir as políticas agrarias e alimentares debera ser do pobo galego, como de calquera outro pobo do mundo. A soberanía alimentar é unha loita política que debera estar no ideario de calquera organización política nacionalista. Que obxectivos tendes até 2013, cando se redefiniran os orzamentos da PAC? Incidiremos, como até agora, basicamente na loita social, empregando redes como a Vía Campesina, e na defensa dos principios da soberanía alimentar e as cuestións que comentei anteriormente. Seguro que haberá mobilizacións durante a presidencia de quenda do Estado español na Unión Europea. Hai, con todo, unha luz no camiño, que é o novo Comisario de Agricultura, máis sensíbel ao parecer coas nosas demandas, e que non parece que teña nada que ver coa anterior, Mariann Fischer. Hai que coller isto con cautela, pero cando menos parece un avance. PERFILMª do Carme Freire Cruces. Naceu en Liñares (Rois) en 1968. Estudou Enxeñería Agrícola na USC e porteriormente Enxeñería Forestal. Participa das actividades do Sindicato Labrego Galego dende 1987, coordinando tamén experiencias prácticas de desenvolvemento da sustentabilidade nas explotacións. En 2002 creou, xunto ao seu compañeiro, unha explotación mixta de horta, froita e gando, utilizando as terras familiares. Por estas datas, pon en práctica, xunto a outros labregos e labregas da súa comarca, fórmulas de comercialización directa das producións en tendas, feiras e mercados. En 2007 sucede a Lidia Senra na Secretaría Xeral do Sindicato Labrego Galego.SINDICATO LABREGO GALEGO
| |||||
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|||||
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
Muller e labrega. Dende o SLG representa a voz dese campesiñado ligado á terra que pula por unha produción alimentar afastada do mercantilismo, coa biodiversidade como guía e a soberanía alimentar como bandeira. Loita contra o seu propio exterminio. E contra o noso.



O SLG é un proxecto vivo e en marcha cara a unha agricultura labrega, sustentábel, nun mundo solidario. A nivel internacional forma parte da Vía da Campesina. A nivel estatal ten un convenio de colaboración coa Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG). Na Galiza traballa tamén coa Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (ISAP). 