O millo e a comunalidade
Melquiades Cruz e Rafael Xaneiro   
Martes, 02 de Marzo do 2010

Melquiades Cruz e Rafael Xaneiro-. Fontes de vida para construír un porvir propio.

 Pertenzo á comunidade de Santa Cruz Yagavila, na Serra de Juárez. Aí está enterrado o meu embigo e o dos meus avós. Aí vivo. Aí florece a miña familia, a carón da milpa que cultivamos. Quizais debera dicir: Son a comunidade. Cada un de nós é a comunidade. A comunidade non é outra cousa que nós mesmos. Dende hai anos, as comunidades zapotecas do Rincón da Serra de Juárez vimos usando a palabra comunalidade para tratar de explicar a outros o que somos. Empregámola como símbolo do noso xeito convivial de vivir e do fundamento do noso ser comunal. A nosa vida transcorre principalmente na comunidade, onde vivimos comunalmente, onde florece a comunalidade. Ese é o noso lugar.

O millo e a comunalidade como principios reitores da nosa vida xorden con raíces culturais, históricas, propias e antigas; a partir delas tratamos de orientar a vida dos nosos pobos como pobos. Porén, actualmente o ser comunal como forma culturalmente específica atópase ameazado, coa mesma ameaza que pesa sobre o noso millo. O millo ocupa un lugar fundamental na nosa vida e o comunal ocupa un lugar primordial na nosa cultura do millo. Somos xente de millo. O gran é o noso irmán, fundamento da nosa cultura, realidade do noso presente. Está no centro da nosa vida cotiá. Aparece sen falla na nosa dieta e sabemos que está tamén presente na cuarta parte dos produtos que adquirimos nas tendas. O millo e a comunalidade son o que nos explica, o que determina o noso xeito de pensar, de sentir, de ser. Non podemos concibirnos sen eles.

Un novo andazo vén propagándose entre nós que ameaza por igual o millo e a comunalidade. Contáxianos sen decatármonos. Penetra até o máis fondo do noso ser comunal, do mesmo xeito que contamina os mazarocos nas nosas milpas. Non é, de certo, un andazo novo. Chegou canda os españois, hai 500 anos. Mais hoxe ten unha forma nova, máis virulenta ca nunca. Durante a Colonia chegaba empacada nunha nova relixión e en novas institucións políticas. Co México independente o andazo adoptou moi diversos modos. No século XIX tivo a forma das facendas, que nos desposuían dos nosos territorios e querían converternos en peóns dos facendeiros. No século XX apareceu con obras do goberno e coa modernización. O modo actual do andazo é moito máis perigoso que os anteriores porque non aparece como algo alleo, externo e imposto, senón a través dunha maneira económica de ser dos individuos modernos, que se presenta como se fose algo natural e común a todos. Dísenos continuamente que adoptar un comportamento económico, bailar o son que toca a economía e aprender, por exemplo, a ser competitivos na produción e o comercio, non só é indispensábel para sobrevivir, senón moi conveniente para a nosa vida. E así, esa maneira económica de ser introdúcese nas nosas comunidades dun xeito sutil, para o que non temos construídas defensas apropiadas.

Desde hai anos o goberno ten a obsesión de acabar co noso millo. Dinnos, unha e outra vez, que non podemos competir cos produtores dos Estados Unidos. Non só o din. Actúan. Teñen unha política que procura expresamente que abandonemos o cultivo do noso millo para que así nos convertamos no mercado que precisan os produtores estadounidenses. Dese xeito produciuse aquí, no centro mundial de orixe do millo, neste lugar de prodixiosa diversidade, onde temos miles de variedades propias e unha inmensa riqueza xenética, a contaminación con millo transxénico.

Achamos que eles non poden ver cos ollos nin sentir co corazón. Achamos que usan para todo os anteollos económicos e non hai para eles outra realidade que a do mercado. Como explicarlles o que significa o millo para nós? Como facerlles saber que o seu xeito de pensar, sentir e actuar constitúe unha forma de ofensa insoportábel?

Hai apenas uns días ía co meu avó camiño da milpa cando me dixo estas palabras: “O millo non representa só un produto comerciábel. Tampouco é só a comida para satisfacer a fame. Vendo a milpa día tras día, visitándoa todos os días, os Bëne Xhidza non pensamos ante todo en valores de troco nin tampouco en valores de uso, senón nunha relación vital como a que se dá entre irmáns, compañeiros ou familiares. Por dicilo así, estamos namorados da nosa milpa. Ao falarmos de amor non negamos que a milpa nos dá de comer, mais iso non é todo. É máis xenerosa porque contenta a nosa vista e o noso corazón. Todo isto faino tamén mediante a comida que nos dá, mais antes de comer os primeiros elotes hai que ver a milpa a se mexer no vento, escoitar os matos que se moven e observar o cambio diario das cores, a altura, o rebentar, o jilotear... Visitando a milpa día tras día celebramos os encontros coa vida. Por iso, o millo aliméntanos o corpo e o corazón”.

A loita actual dos pobos indios oriéntase á construción de formas autonómicas de vida. A autonomía que defendemos esta alicerzada na nosa experiencia histórica de organización comunal. A partir da comunalidade constrúese a autonomía coa mesma proximidade ao noso ser que a pel ao noso corpo. A autonomía non é tal se é separada da autoxestión, e precisamente é a comunalidade a que veu xerando experiencias autoxestivas sólidas na nosa vida, no exercicio do poder local, na articulación económica rexional, na procuradoría de xustiza, de saúde, de educación...

Se entendemos a autonomía e a autoxestión como a capacidade social de facérmonos cargo das nosas cousas por nós mesmos, sen intervención de axentes externos, podemos constatar sen dificultade a medida en que as nosas comunidades teñen practicado a autonomía dende tempo inmemorial e seguen a practicala até agora. A cultura do millo é un dos exemplos máis notábeis desa capacidade. Dende a cultura do millo, no seu seo, contamos sempre con todo o preciso para vivir, para florecer, para curarnos....


NOTAS:
Milpa: leira para o cultivo de millo; mais ten un sentido moi amplo porque implica toda unha serie de relacións complexas entre a natureza e a comunidade.
Elote: mazaroco tenro do millo.
Jilotear: sacar ao millo as barbas.
Bëne Xhidza: pobo e lingua zapoteca do Rincón da Serra de Juárez (Oaxaca).

Amigo Kiado:

Escribinche pedindo información sobre o problema da contaminación de transxénicos en Oaxaca; sobre como esa riqueza cultural e tecnolóxica desenvolvida ao longo de miles de anos como en ningures no mundo, sempre respectuosa e agradecida coa Nai Natureza, está a ser ameazada pola falla de consciencia dunha civilización esteada nun xeito de vivir completamente alleo aos principios xeradores de vida de Aquela que é a nosa orixe. Escribinche e agardaba recibir datos, estatísticas de produción, de emprego, conflituación social e emigración, órganos de xestión, lexislación, nomes, marcas, planos de acción... Sen dúbida informacións de grande importancia para que quen as lea poida facerse unha idea da situación. Porén, nada diso me enviaches. Recibín a túa contestación e explicáchesmo todo coa linguaxe sinxela da nudez. A túa verba tocou o meu corazón porque nela puiden albiscar o sentido profundo dun xeito de vida que de seu constitúe unha verdade singular e insubstituíbel do humano. Deime conta, daquela, de que esa singularidade toca en moitos aspectos a singularidade que esta terra, Galiza, xerou durante longos anos e que xa dende hai medio século esmorece, contaminada por males semellantes aos que ti me contas, para os que non soubemos ou non fomos quen de atopar remedios. Decátome tamén de que, na nosa ignorancia, esquecemos procurar os remedios dentro da nosa propia razón orixinaria e que talvez sexa esa unha das causas de non telos atopado. A comunalidade na súa forma primixenia está a desaparecer da nosa cultura, minguando ese nós(outros) tan valioso e indispensábel; e porén descubro que asemade agroman outros tentos de xerar formas comunitarias de existencia, formas autónomas e autoxestionadas que non dependen de criterios alleos manipulados por aqueles que pensan o ser humano como obxecto de mercadoría. Talvez poidamos atopar nesas novas formas o vínculo para recuperar a relación esencial entre as persoas e a terra que as alimenta, en corpo e en alma.

MELQUIADES CRUZ (Yagavila, Oaxaca) e RAFAEL XANEIRO (Compostela, Galiza). Construtores e tecedores de pontes interculturais
 
< Ant.   Seg. >