| Como nos imos alimentar? |
| Gustavo Duch Guillot | |
| Martes, 02 de Marzo do 2010 | |
Gustavo Duch-. A miña tese é simple: pódense expor cambios de adaptación á próxima realidade climática que son os mesmos que se requiren para corrixir as desigualdades xa presentes. De entre todas estas medidas quero destacar as que se refiren ao uso da terra, da terra fértil: un ben finito.O actual modelo de agricultura e alimentación é completamente inxusto, responsábel de que 1.020 millóns de seres humanos padezan fame –é dicir, inxiran unha cantidade insuficiente de calorías para a súa vida diaria–; de que outros 1.000 millóns de persoas inxiran suficientes calorías pero estean malnutridos por unha alimentación deficiente en micronutrientes; e de que 1.300 millóns estean tamén malnutridas, esta vez con síntomas de obesidade e sobrepeso. Vaia, que a metade do mundo non ten unha alimentación acaída. E despois do fracaso –e neglixencia– de Copenhaguen, parece ratificado formalmente o pasado 31 de xaneiro, que alimentarse debidamente volverase cada vez máis complicado. Mentres pensamos en que facer cos nosos representantes políticos, como nos adaptamos aos cambios climáticos? Quen nos alimentará? É seguro que os cambios climáticos afectarán –xa acontece nalgunhas realidades– a produción de alimentos. Teremos, en xeral, un clima máis caloroso e con menos choivas, será máis doada a migración de pragas e daranse situacións extremas –furacáns, choivas torrenciais… Segundo un informe coordinado pola organización Biodiversity International, na África subsahariana as perdas nas colleitas inducidas pola crise climática poderían chegar a ser de até o 50% dentro de só dez anos. Un dato que ilustra a mensaxe que se veu repetindo por parte dos movementos sociais: o cambio climático afecta e afectará a todo o planeta, pero de xeito máis grave ás poboacións que xa sobreviven con moitas dificultades. Nos países industrializados alimentámonos nunha parte moi significativa de colleitas, pesca, acuicultura ou gandería totalmente dependente de combustíbeis fósiles, que sabemos cada vez máis escaso e máis caro. Así que a crise alimentar pode ser daquela global. A miña tese é simple: pódense expor cambios de adaptación á próxima realidade climática que son os mesmos que se requiren para corrixir as desigualdades xa presentes. De entre todas estas medidas quero destacar as que se refiren ao uso da terra, da terra fértil: un ben finito. Perante a inseguridade futura non parecería sensato que, por exemplo, os campos agrícolas do parque agrario do Llobregat, achegados a Barcelona, fosen tragados por novos polígonos industriais, verdade? Pois cousas parecidas están a acontecer, e todos coñecemos casos a pequena escala, pero tamén se dan a grande escala, como o que xa se coñece como o “novo despoxo de terras” que se está a dar no Sur global. Acaparar millóns de hectáreas para cultivar nelas produtos para a exportación non só impide a alimentación local tan necesaria, senón que ademais despraza cultivos tradicionais que souberon adaptarse a condicións extremas e que perderemos do stock global. Desperdiciarase material xenético de rexións que, precisamente, co paso de moitos anos e a coidadosa selección por parte das campesiñas e campesiños da rexión, sería moi válido para cultivar nas condicións climáticas futuras. Moitas destas hectáreas usurpadas, xunto con grandes extensións que xa están en mans de terratenentes, están a ser dedicadas a cultivos non alimentares, a cultivos enerxéticos: os agrocombustíbeis. O que se sinalou como unha arriscada tendencia é, logo de Copenhaguen, unha terríbel insensatez. Non se pode presionar –como se fará baixo o pretexto da captura de CO2, aos países africanos, latinoamericanos e asiáticos–, para incrementar a produción de agrocombustíbeis que compiten coa auga e os nutrientes do chan que poden, en troques, producir comida. Tampouco co argumento de usar terras ociosas. Con esa denominación quérense adquirir as terras comunais entre bosques e selvas que teñen moitos usos –aínda que non se contabilicen– para as comunidades rurais: son espazos para a pesca, caza, recolleita de vexetais, froitos, fungos, etc. Como di o ETC Group, “esta colleita oculta non só proporciona nutrientes irrenprazábeis na súa dieta, senón que ademais, é esencial para a seguridade alimentar. As comunidades campesiñas de Borneo, por exemplo, garanten dúas terzas partes dos seus alimentos destes espazos comúns, e as labregas en Uttar Pradesh, India, obteñen case a metade dos seus ingresos da recolleita de especies forestais. O cálculo global estima que até un 15% do abastecemento das familias campesiñas dos países do Sur provén desas terras, hoxe no punto de mira das transnacionais. No uso actual das terras fértiles tamén hai unha dedicación abusiva destinada á alimentación da gandería industrial. O 40% do gran que hoxe se cultiva dedícase ao engorde industrial, do mesmo xeito que 47 millóns de has. sementadas con pastos e forraxes. Aínda que é certo que a cría de animais a pequena escala con alimentación local –moitas veces procedente de solos non aptos para a agricultura– é unha fonte de alimentos sustentábel, o uso de cereais para o engorde do gando representa, segundo o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, o equivalente dos requirimentos de consumo calórico de máis de 3.500 millóns de persoas –media humanidade. Se se adoptasen medidas para un uso correcto dos chans –prohibir a especulación coas terras, favorecer os seus usos consuetudinarios, promover dietas menos cárnicas, unha reforma agraria que elimine o latifundio, unha moratoria á expansión dos agrocombustíbeis, etc.– todos gañariamos seguridade alimentar: algúns para o noso futuro, outros para o seu presente. + INFO: gustavoduch.wordpress.com | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

























