Para sermos xustos
Marga Tojo   
Martes, 02 de Marzo do 2010

Marga Tojo-. Pan o noso, cacao o deles; é o modelo máis equitativo de comercio xusto, o baseado na soberanía alimentar. En Galiza experimenta "unha efervescencia espectacular". Así o explica o avogado Gonzalo Gesto, socio da compostelá Panxea.

 A "Licencia para matar fillos", ese xeito melifluo que usa un xornal para se referir á nova norma do aborto, sobrecolle. España, un Estado sen lei dominado por mulleres 007 que pasaron ás despiadadas filas inimigas. Para ser benevolentes é algo así como se nós aquí escribísemos que cando os xefes de certa institución deostan o uso do preservativo saben ben do que falan porque acostuman catar o infante sen o incordio do látex. Sobre o que Juanjo de la Iglesia, seguro, apuntaría: o xornalista en realidade quería dicir “O Papa  aconsella: Non usen condón, follar a pelo mola máis”.

As cousas non sempre son o que parecen

O da benevolencia adoita resultar un sano exercicio, bastante oriental a día de hoxe, pero non serve, por desgraza, de cura para todo.

Se en Galiza, país produtor de mel, se as tendas de comercio xusto venden esta substancia procedente das cooperativas agrarias do Sur, obviando o propio, están a seguir os parámetros históricos da transacción equilibrada cos países pobres, pero sen respectar os necesarios preceptos da soberanía alimentar. O mesmo acontecería, por exemplo, coas noces, coas verduras, co pan, coas conservas, e non co café ou co chocolate, terreo dominado polas transnacionais, que atopa no comercio xusto a única vía de unión do salario digno co coidado ambiental e a calidade, moi superior, por certo, á das marcas habituais que podemos atopar nos andeis das grandes superficies.

E, alén, algúns supermercados inclúen xa produtos certificados por este selo, o que para moitos carece de sentido pois enténdese que as grandes superficies son parte implicada na problemáticas labrega, gandeira e mariñeira, ao axustaren as marxes comerciais e obrigaren os produtores a vender a cada vez máis baixo prezo –ou a saldar a mercadoría para incorporala ás marcas brancas–. Tampouco as políticas laborais responden a un modelo ético; segundo a nosa fonte, alén da argucia da contratación precaria, trátase dunha práctica habitual ó establecer nos convenios colectivos diferenzas salariais entre sexos co uso do termo masculino. Os caixeiros adoitan ser caixeiras e presentan maior desprotección que os repoñedores, que acostuman ser homes.

Despois de anos de debates, a soberanía alimentar comeza a ser a tendencia entre as organizacións comprometidas cun modelo respectuoso (sostíbel) de consumo. Así o defende a compostelá Panxea, pioneira en incorporar estes criterios. A mediados de marzo abrirá tenda no número 36 da Rúa da Rosa, un local moito máis amplo que o antigo de Gómez Ulla, para desenvolver un proxecto que xa ten máis de corenta pequenos produtores implicados.

O movemento o comercio xusto nace a finais dos anos 60 en Holanda ligado á cooperación para o desenvolvemento fronte ás multinacionais e as organizacións internacionais poderosas, para demandar que na relación co sur o que se precisaba eran redes xustas de intercambios comerciais, non axuda humanitaria tradicional. Ligada a esta idea, moi pronto se introduce a do consumo responsábel e como o sobreconsumo do Norte determina a situación empobrecida do Sur e esgazadira ambiental. Consumir cada vez máis cousas a menor prezo leva sendo durante tres décadas a filosofía dos países desenvolvidos. En virtude desta conciencia elaborouse o discurso da economía social, que Gonzalo Gesto, avogado e socio de Panxea explica así: "Non ten sentido falar de comercio xusto se non se liga a outro tipo de movementos que busquen unha transformación social, e ao abrirse á banca ética, ás loitas dos movementos agrarios ou dos movementos feministas, unha das liñas de acción que se introduciu foi da soberanía alimentar".

Cobrar menos pero durante máis tempo

Curiosamente, foron as propias organizacións do Sur as que o demandaron. "Desde Panxea –explica Gesto–, así o vivimos, cada vez que viña xente do Sur, transmitíanos unha filosofía que mantiñan desde os anos 80 e era que, aínda que se lles pagase mellor, non tiña moito sentido facer monocultivos para a exportación se non ían ter saídas propias dentro doa súa contorna máis próxima. Entón os produtos como o cacao, o azucre ou o café eles cada vez máis nos formulaban que estaban de acordo en seguir comerciando co Norte e conseguir eses excedentes, pero querían que se lles posibilitase a opción de implementar pequenas industrias de transformación para que unha parte importante non tivese que saír necesariamente por circuítos de comercio xusto senón que fose comercio xusto in situ".

E que espazo ocupa Galiza? A comunidade vive actualmente
unha efervescencia tanto no ámbito da produción como do consumo de comercio xusto con criterios de soberanía alimentar. "Na produción, a historia é curta, duns anos, pero está a agromar con forza; en canto ao do consumo, é bastante espectacular, co cambio do rural ao urbano, hai moita xente que segue a manter lazos con aquel mundo, que o coñece, que ten familiares, e iso lévaos a demandar aquí ese tipo de produtos, que xa están presentes nos lugares onde hai prazas como a de Abastos, pero que se apoia con redes como a de consumo responsábel, única opción nalgúns lugares e capacitadora dun lento, pero necesario cambio de modelo de consumo".


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista. Consello de Redacción de Altermundo.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >