A verdade e a mentira na batalla pola América Latina
Ángel Guerra Cabrera   
Venres, 05 de Marzo do 2010

Ángel Guerra-. As grandes batallas populares contra o neoliberalismo conduciron ao xurdir dun conxunto de gobernos con políticas máis ou menos radicais pero independentes de Wáshington e estimularon en graos distintos segundo os países e grupos sociais a elevación da conciencia latinoamericanista, antimperialista e até anticapitalista a todo o longo e ancho da nosa rexión.

A creación da Comunidade de Estados de América Latina e o Caribe decidida no cume de Cancún é o reflexo institucional dun nivel cualitativamente superior na loita dos pobos da nosa América pola súa emancipación, integración e unidade. Expresa tamén a creación dunha correlación de forzas máis desfavorábel ao exercicio da hexemonía dos Estados Unidos que a existente até finais da década dos anos 90, que axudaría a explicar a crecente militarización da política imperial. As grandes batallas populares contra o neoliberalismo conduciron ao xurdir dun conxunto de gobernos con políticas máis ou menos radicais pero independentes de Wáshington e estimularon en graos distintos segundo os países e grupos sociais a elevación da conciencia latinoamericanista, antimperialista e até anticapitalista a todo o longo e ancho da nosa rexión. Chegado este momento a batalla de ideas pasaba a ser un compoñente decisivo do enfrontamento ao imperialismo.

A vitoria electoral de Hugo Chávez en Venezuela e a derrota do golpe de estado e o golpe petroleiro de 2002 –orquestrados por Bush– marcaron o punto de xiro cara á configuración do actual escenario xeopolítico de América Latina, favorecido pola tenaz resistencia de Cuba e consolidado pola chegada de Lula da Silva á presidencia de Brasil. As vitorias populares que levaron ao goberno a Evo Morales e Rafael Correa, permitiron a creación da ALBA, un novo tipo de integración impulsada por Venezuela baseada na solidariedade e inspirada no socialismo renovado, que conxuntamente cos gobernos de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai deu un impulso sen precedentes á integración latinoamericana, manifestada na creación da Unasur e a extensión da Alba cara a América Central e o Caribe.

Nin os gobernos de dereita poden oporse abertamente a esta tendencia. As transformacións sociais, culturais e avances na creación do poder constituínte e na integración autónoma de América Latina e o Caribe eran intolerábeis para Estados Unidos e as dereitas do continente desde un comezo, pero a aventura colonial de Wáshington en Asia e a desmoralización das oligarquías locais polo desastre neoliberal impediu entón a montaxe dun plan contrarrevolucionario a escala continental. No entanto, intensificouse a campaña mediática contra os países que logo integrarían a Alba, no caso de Cuba continuación da existente desde hai medio século, unida a agresivos proxectos desestabilizadores en Cuba, Venezuela e Bolivia.

A desfachatada intervención ianqui-uribista en Ecuador de 2008 mostraba xa un plan moito máis articulado e abarcador do imperio contra os gobernos progresistas da rexión que intentaba metelos no carril maniqueo da "guerra contra o terrorismo". Aínda que o repudio do Grupo de Río diminuíu moito o alcance da manobra, rexorden esporadicamente supostas conexións operativas deses gobernos coas FARC apoiándose nos fantásticos achados nas computadoras de Raúl Reyes, como ocorre neste momento co incidente diplomático fabricado polo goberno español contra Venezuela a partir de acusacións sen sustento dun xuíz ultradereitista da Audiencia Nacional.

A creación da IV Flota, o golpe en Honduras e o establecemento das bases militares ianquis en Colombia evidenciaron que estaba en marcha unha contraofensiva estadunidense coidadosamente planeada que busca socavar, dividir e liquidar aos gobernos e movementos populares e revolucionarios da rexión. O dominio mediático é decisivo para este proxecto posto que a dereita, a diferenza das forzas populares, carece de argumentos convincentes pero confía fanaticamente na máxima goebbeliana de que "unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade".

Un revelador caso de estudo é a campaña propagandística culpando ao goberno de Cuba pola morte do recluso Orlando Zapata cun torrente de manipulación e falsidades, que levou aos analistas Maurice Lemoine e Salim Lamrani a preguntarse por que os mesmos medios autores desta alharaca non se dan por decatados de incidentes moito máis graves en sistemas penais occidentais, da dura represión e asasinatos de líderes da resistencia hondureña ou da fosa común con dous mil cadáveres de activistas descuberta na Macarena, ao oriente de Colombia.

 
< Ant.   Seg. >