| O 10 de marzo |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Martes, 09 de Marzo do 2010 | |
|
O día 10 de marzo de 1972, logo de atopar pechadas as portas da factoría de Bazán, os máis de 4.000 obreiros que acudían ao seu traballo dirixíronse en pacífica manifestación cara ao centro da cidade de Ferrol co ánimo de buscar a solidariedade da cidadanía ferrolá e para explicar o que estaba a pasar na factoría —onde os traballadores levaban xa varios meses mobilizándose para lograr melloras salariais, unha redución da xornada laboral a 42 horas semanais e un mes de vacacións, o 100% do xornal en caso de enfermidade ou accidente, a xubilación aos 60 anos co 100% do salario real, a readmisión dos despedidos por motivos políticos e un local de reunión—; no transcurso desa marcha, ao chegar á ponte das Pías, foron detidos por unha compañía da policía armada, polo que se produciu un enfrontamento que rematou coa morte de Amador Rey e Daniel Niebla, así como con máis de corenta feridos de bala e con numerosos detidos, entre os que se atopaban Pillado, Riobó, Amor Deus e outros dirixentes obreiros. Nos días seguintes, a solidariedade cos traballadores de Bazán espallouse por toda a comarca ferrolá e mais por toda Galicia: os paros estendéronse a outras factorías e a poboación respondeu dando mostras de apoio ás familias dos represaliados; finalmente, o día 21 de marzo, as portas da factoría volvíanse abrir, malia que nesta ocasión os obreiros traballaban baixo a vixilancia da policía e coa ausencia de 160 compañeiros, algúns deles enlaces sindicais, que foran despedidos. A loita rematara, pero a fortaleza do movemento obreiro quedara patente. Tamén en Vigo se viviu un conflito sociolaboral de grandes dimensións. Nesa cidade, as reivindicacións obreiras, que comezaran ao abeiro da renovación dos convenios colectivos no ano 1971, culminaron, logo dun proceso de crecente conflitividade laboral que se agudizara logo dos sucesos de Ferrol, entre os que cómpre salientar os paros de Citroën, Freire, Reyman, Santo Domingo... e a épica concentración obreira convocada por CC OO na Porta do Sol o día 15 de marzo, coa folga xeral sostida durante quince días en setembro de 1972. As demandas eran as mesmas que en Ferrol: redución da xornada laboral, readmisión dos despedidos...; porén, como antes en Ferrol, a intransixencia dos empresarios e a represión exercida sobre os líderes sindicais saldouse co despedimento de preto de 400 traballadores pertencentes ás principais empresas de Vigo: Citroën, Vulcano, Barreras, Censa, Álvarez..., entre os que se atopaban Waldino Varela, Xaniño e outros moitos obreiros, así como Camilo Nogueira e Francisco Lores, enxeñeiros de Citroën que pertencían ao colectivo Galicia Socialista, xermolo do nacente sindicalismo de clase galego. En liñas xerais, o acontecido en Vigo e Ferrol, que situaba a estas dúas cidades na vangarda das loitas laborais na España dos anos finais do franquismo, sintonizaba co que estaba a pasar a nivel internacional: o fortalecemento das forzas progresistas e o aumento da conflitividade social. Velaí están as mobilizacións dos anos sesenta e setenta dos metalúrxicos italianos, os obreiros franceses, os metalúrxicos e mineiros alemáns, os mineiros británicos e, en xeral, a agudización dos conflitos sociolaborais na maioría dos países occidentais, que nos EE UU tomaron a forma de loita polos dereitos civís da poboación afroamericana. Neste sentido, considerando que os anos sesenta e setenta estiveron marcados por un avance decisivo da mobilización obreira e do socialismo (lembremos o triunfo de Salvador Allende en Chile en 1970, da revolución dos cravos en Portugal en 1974 e do avance da descolonización africana, moitas veces baixo signo socialista), que pasou para que tanta forza se esvaecese no aire? A resposta é doada. Precisamente perante esas mobilizacións, que visibilizaban a forza do movemento obreiro e das súas organizacións políticas e sindicais, os grandes posuidores, que temían perder o seu poder, aproveitaron a crise enerxética iniciada en 1973 e agravada entre 1978 e 1979 para impor o modelo económico neoliberal. Un modelo que triunfou plenamente trala chegada ao poder de Tatcher en 1979 e de Reagan en 1980; ese modelo, baseado na fragmentación e precarización da clase traballadora e no sometemento do Estado aos intereses do gran capital, o que provocou a vaga de privatizacións de empresas públicas daqueles anos, a introdución de criterios de mercado nos servizos ofrecidos polo Estado (cando non a súa privatización directa ou indirecta, como no ensino e na sanidade) ou a contención do gasto público e o déficit cero, medidas que tanto antano como hagano teñen como obxectivo principal a proletarización de todas as actividades asalariadas e a pauperización da clase traballadora, condicións necesarias para o enriquecemento da burguesía e a desmobilización da clase traballadora, e a incorporación ao ámbito da libre empresa da sanidade, a educación e outros servizos sociais e públicos, condicións necesarias para a elitización da sociedade ao quebrar esas ferramentas de integración. Neste sentido, non deixa de ser significativo que a brutal reconversión industrial de 1982-1984, que ao introducir a precariedade e a inestabilidade no ámbito laboral (lembremos os despedimentos masivos, os desempregados de longa duración, a inseguridade na permanencia no emprego, a desigualdade obxectiva entre os traballadores fixos da empresa e os eventuais ou subcontratados...) tanto fixo pola desmobilización do movemento obreiro, afectase principalmente as dúas cidades galegas nas que a clase traballadora acadara unha maior capacidade organizativa e de loita nos anos setenta e primeiros oitenta: Ferrol e Vigo. Naqueles anos a mobilización foi substituída pola movida e as reivindicacións sociais polo éxito individual, dando comezo a un proceso liberalizador que pode culminar coa destrución de moitos dos dereitos sociais. Fronte a isto, cómpre permanecer vixilantes na defensa dos nosos dereitos, que, non o debemos esquecer, foron conquistados ao longo de anos de loita. * Adaptación revisada do artigo publicado en Galicia Hoxe o 8 de marzo de 2005 e o 10 de marzo de 2006 en Rebelión.
| |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades 