| É a economía, pailán! |
| Manoel Santos | |
| Domingo, 16 de Maio do 2010 | |
Manoel Santos-. Na miña opinión non temos reflexionado dabondo sobre este papel central da economía no galego. Falo, claro, do modelo capitalista, e especialmente o neoliberal, por canto a exterminada economía tradicional familiar e autónoma -disque a dos pailáns- si tiña o galego como idioma vehicular. Que as relacións económicas entre os seres humanos son o eixe central do decorrer social é unha obviedade. Emporiso o simbólico daquela célebre frase, "é a economía, estúpido", que parida polo estratego electoral James Carville axudou a Bill Clinton a botar da Casa Branca a Bush pai no 1992. Este último tivera, aos ollos dos electores, grandes éxitos en política exterior, de xeito que Carville insistiu en centrar a campaña nas cuestións máis relacionadas coa vida cotiá da cidadanía. Isto é, a economía. Esa centralidade da economía -capitalista- na vida social e política foi o meirande éxito ideolóxico do neoliberalismo. Esta doutrina do poder logrou imprimir o clixé económico en todas as mentes de todas as persoas, de xeito que hogano calquera cidadán xustifica moitas accións gobernativas -e empresariais- polo simple feito de que "son boas para a economía" e mesmo reacciona contra investimentos sociais por "non ser rendíbeis". No eido da lingua, do galego, a economía tamén é un factor central, malia que nas leas ao redor da supervivencia deste vello idioma se engade outra compoñente, a ideolóxica, identitaria, sentimental, ou como se queira chamar. É a esgrimida máis ca nada pola esquerda social -e algunhas veces política- para defender a súa conservación, que por lóxica debe ir paralela á súa potenciación. No entanto, a compoñente económica, sostida máis ca nada pola dereita, é a fundamental e a máis limitante. Esta última tamén ten, de seguro, certa dose ideolóxica, o nacionalismo español. Mais este nacionalismo excluente e os poderes económicos hexemónicos van case que sempre da man, de aí que por exemplo, para xustificar a súa negativa a instaurar no Senado as outras tres linguas que malviven no Estado, a dereita chamara a atención sobre o "dispendio" económico que suporía. E de aí a tan frecuente como arrepiante frase de "o galego non é rendíbel". Seriamos uns inxenuos se pensaramos que a inexistente presenza do galego como lingua vehicular nas relacións económicas capitalistas -cada día máis urbanas, menos galegas- deste país noso, non ten nada que ver coa súa agoniante situación, ben achegada, por moito optimismo que alberguemos, á extinción. A dominación da economía na sociedade marcou o pasado, marca o presente e marcará o futuro da lingua dos galegos e das galegas. Na miña opinión non temos reflexionado dabondo sobre este papel central da economía no galego. Falo, claro, do modelo capitalista, e especialmente o neoliberal, por canto a exterminada economía tradicional familiar e autónoma -disque a dos pailáns- si tiña o galego como idioma vehicular. E moito menos temos desenvolvido unha estratexia seria e acaída para inserir, ou forzar a inserción, da lingua na economía do país, nas súas empresas, nos seus comercios, nos seus números. E lastimosamente somos unha sociedade máis de números que de persoas que falan linguas. Ou cambiamos a economía, o modelo, ou mudamos, como tristemente xa estamos a facer, de lingua. Mais as dúas cousas non parecen compatíbeis. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Manoel Santos-. Na miña opinión non temos reflexionado dabondo sobre este papel central da economía no galego. Falo, claro, do modelo capitalista, e especialmente o neoliberal, por canto a exterminada economía tradicional familiar e autónoma -disque a dos pailáns- si tiña o galego como idioma vehicular. 