Demasiado megawatts
Manoel Santos   
Sábado, 29 de Outubro do 2005

[ Publicado en Galicia Hoxe ]

A demanda enerxética das sociedades industrializadas –as outras nin enerxía teñen– aumenta a un ritmo endiañado. É un feito.

Tamén o é a procedencia da maior parte (80%) desta enerxía, pois xa estamos ben familiarizados co termo ese de "combustíbel fósil" que nos proporciona calor e electricidade pero que nos está a roubar a atmosfera que nos dá a vida. Hogano, o do cambio climático producido polo excesivo quentamento da atmosfera, por mor da emisión de gases con efecto invernadoiro, xa non o pon en dúbida ninguén. Vaia, que por unha banda precisamos máis enerxía e pola outra diminuír o uso de combustíbeis fósiles, e por suposto ir conxelando as ansias nucleares. Como eu dubido da conciencia ambiental dos amos do mundo –dos poderes financeiros e dos políticos que lles fan as beiras– non creo que a redución de emisións de CO22 se vaia producir nin nas cantidades que di o Protocolo de Kioto nin nos prazos que establece. Hai ambición de máis e moi pouca conciencia conservacionista, ambiental. Porén, que a utilización de combustíbeis fósiles vai minguar é unha evidencia, e non pola devandita conciencia, senón polo esgotamento das reservas petrolíferas.

Que facemos entón? Pois de cabeza ao das enerxías renovábeis –que non limpas nin ecolóxicas, xa que o seu impacto teñen–, esas que disque contaminan pouquiño e non se esgotan: solar (térmica e fotovoltaica), hidráulica, eólica, xeotérmica, biocombustíbeis… Para 2010 a UE pretende que un 12% da enerxía que se consuma sexa renovábel –hoxe anda polo 6%–, aumentando 100 veces a capacidade fotovoltaica, 20 a eólica, 15 a solar térmica e 3 a producida a partir de biomasa.

Os galegos e as galegas asistimos nos últimos anos á proliferación destes novos xeitos de producir enerxía, especialmente no eido da eólica, e á expansión indiscriminada do aproveitamento hidroeléctrico, que para iso temos dez mil ríos, como dicía o de Merlín e familia. Non hai río sen presa e cada día máis cumios, sempre os máis senlleiros, aparecen decorados con eses ruidosos piñeiros brancos nos que no canto de piñas agroman megawatts.

A historia e consecuencias da instalación dos muíños de vento aínda se está a escribir. O goberno anterior deixounos moitas concesións –algunhas irregulares, ou sospeitosas–, poucas declaracións de impacto ambiental críbeis e case ningún beneficio público para unha terra que, nisto do enerxético, sempre dou máis do que recibiu a cambio. Así, coma nas colonias, sufrindo o desgaste ambiental sen rendemento económico autóctono. De seguir por esta dinámica de emprazamento salvaxe de aeroxeneradores –a última barbarie dáse no Suído– aquí e acolá, dende A Capelada a Cabo Vilán, dende O Pindo aos montes da Barbanza, imos quedar sen espazos naturais, sen paisaxe, sen terra, e sen mar (xa están a pensar en muíños oceánicos).

O da arteriosclerose dos ríos galegos vén de lonxe. Ten provocado na nosa historia unha chea de episodios dramáticos, e non só ecolóxicos, tamén sociais, dende a "marcha dos fouciños" de Castrelo de Miño ao caso do Umia. Nos últimos anos medraron as mobilizacións sociais contra encoros e minicentrais (contra o terríbel Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa de Cuíña) con iniciativas como as de Ríos Vivos, Cachoeira, o Proxecto Ríos de Adega, ou a recente iniciativa lexislativa popular pola defensa dos ríos galegos, que vai polas 39.000 sinaturas e que apoian a intelectualidade, o ecoloxismo e a comunidade científica do país. Hoxe o 70% dos nosos leitos fluviais son inaccesíbeis ás especies migratorias como o salmón, do que perdemos un 99% de poboación no último medio século. As minicentrais nunca cumpren as normativas, nin respectan os caudais ecolóxicos, nin teñen remontes efectivos, nin estudos ambientais, nin concesións transparentes, e as alegacións cidadás aos proxectos esquécense nos sotos de San Caetano. Xeramos o 25% da enerxía hidroeléctrica do estado –co 5% do territorio e 7% de poboación– e o 34% do que producimos mandámolo fóra. Para solidarios nós. Por iso gustoume a iniciativa do BNG pedindo unha moratoria na concesión de licenzas a minicentrais –hai 24 pedidas– e na aprobación dos 13 proxectos en trámite. E máis aínda o anuncio do conselleiro de Medio Ambiente de que así se faría e de que se ían revisar os Planos Hidrolóxicos, pois, dixo, o modelo de centrais hidroeléctricas pode estar esgotado. Sei que en Galicia urxen moitas máis cousas que os megawatts, e ademais, o prometido é débeda.•

 


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >